Logo duns días de calor abafante e unhas temperaturas excepcionalmente altas (38,6º C en Ferrol!) volveu o tempo nuboso, fresco e con chuvascos. E o domingo me achegaba ata a ría para facer unha mostraxe rápida.
Ría de Ferrol desde Neda (á esquerda viaduto da AP-9)
Intermareais do Xuvia e do Belelle
Hai case corenta anos comecei a miña andadura naturalista. Un lonxano 30 de agosto de 1985 achegábame até o fondo da ría de Ferrol e contaba aproximadamente 500 lavancos reais (Anas plathyrynchos) concentrados para a muda. Tendo en conta a miña lóxica inexperiencia daquela época e que levaba uns binoculares moi malos, podemos considerar que a cifra real de patos sería bastante superior. Este domingo, case catro décadas despois, e con moitísima máis experiencia de censo, apenas contabilizaba 154 exemplares.
As nosas rías son lugares onde se producen importantes concentracións de lavancos a mediados do verao (ata 1000 ex en Ortigueira, censados o 4/09/2005). Nestas datas aparecen anátidas doutras especies nos humidais galegos (Aythya ferina, Anas crecca, Netta rufina,...). Son individuos procedentes doutras rexións peninsulares ou europeas que en moitos casos fuxen da seca nos seus lugares de cría. Sen embargo penso que a maioría de lavancos que se concentran nas rías son bichos galegos, nidificantes en lagoas, regos e xunqueiras próximos a estas rías.
En calquer caso estou a observar un declinio alarmante no número de lavancos supostamente reprodutores, tanto en Ferrol coma en Ortigueira, onde tamén se dan cifras ridículas nos censos de xaneiro. Este descenso coincide no tempo coa expansión do porco bravo (Sus scrofa) na faixa litoral, porque aquí a sua poboación se disparou nas últimas dúas décadas ata converterse nun grave problema ecolóxico, por se xa tiñamos poucos....
Lavancos reais (Anas plathyrynchos)
Agora os machos mostran a discreta plumaxe de "eclipse", moi semellante ao das fémeas.
Macho de lavanco real en eclipse
Parella de lavanacos (macho con pumaxe de celo)
Comezou a chover e había pouca cousa. Un gaivotón camiñaba coa sua merenda, seguido a distancia prudencial por un famento xuvenil de gaivota patimarela e un adulto de chorona.
Gaivotón (Larus marinus) levando alimento
Un carrán cristado pousaba nunha boia mentras a chuvia caía con intensidade.
Carrán cristado (Thalasseus sandvicensis)
Coa OM-1 e o Zuiko xa se pode facer capturas de aves en voo. Porén non fago case tomas deste tipo porque implica perder moito tempo mentras esperas que o bicho que pase polo sitio axeitado.
Carrán cristado (Thalasseus sandvivencis)
Na praia de Maniños (Fene) había bastantes aves comúns sedimentadas na desembocadura dun regato que sempre visito.
Bilurico das rochas (Actitis hypoleucos)
A sorpresa foi este cartaz novo que proíbe a entrada de cans na praia.
Un cartaz que serve tanto como aqueles anuncios da tele nos anos oitenta que pedían que deixases de fumar ou que non correras co coche. En fin, teatrillo sen maior efecto. A policía, axentes da Xunta e SEPRONA teñen outras prioridades, por dicilo suavemente. E os mascotistas sábeno.
Os de sempre
En fin, vivimos os tempos que vivimos. Menos mal que esta lagartixa galega me alegrou ao final.
Lagartixa de Bocage (Podarcis bocagei) fémea
Fondo da ría de Ferrol
Por certo, se non hai imprevistos, hoxe recibirei a Canon SX70. Qué nervos!
Esqueces nos factores de declive dos lavancos o omnipresente visón.
ResponderEliminarDe feito ata atacan adultos.
Alghún imos librando, pero os damos en acuáticas nidificantes deben ser terribles.
A ver, esquecer non o esquecín. Ese "por se xa tiñamos poucos (problemas ecolóxicos)" incluía o visón americán, a colmatación de canavais coma Pantín ou San Xurxo, a desecación de moitas pequenas charcas baixo enormes polígonos comerciais, etc. Xa contei aquí que teño visto visóns levando adultos de lavanco mentras nadaban nas barreiras de Begonte. Sen embargo e polas observacións de exemplares (vivos ou mortos) e excrementos, non semella que teña unha poboación moi grande nas zonas polas que me movo, agás Forcadas.
EliminarE ollo, porque a lontra tamén é predador ocasional de acuáticas, como teño comprobado en Frouxeira e Doniños. Tendo en conta que a poboación de lontra tamén se recuperou espectacularmente nos últimos anos (afortunadamente) quizá tamén aportou o seu pequeno grao de area neste brusco descenso do azulón.
En fin, sen ser experto na especie, semella que foron varias as causas que afectaron ao lavanco (e rálidos) desde finais do século XX. Pero non teño dúbidas que o xabalí é unha das principais.
Saudos
ResponderEliminaros reais de Galicia son parte dunha poboación que tamén abrangue parte de Portugal. Coincido en que son varias as causas da diminución dos reais en Galicia e tamén en Portugal. Algo que a miudo se esquece é o efecto da caza, que no que se refire a acuáticas dura hasta febreiro cando xa as femias de reais están formando os ovos no sei interior. O que acontece nas zonas importantes de mancada tamén hai que telo moi en consideración. Teño datos de varios anos de predación de azor en zonas de mancada considerables. Hai anos teño censado mais de 1000 mancóns nunha soa barreira (Rouxique ou Fianteira), daquela teño datos postnupciais de mais de 3000 reais. As aves marcadas indicaban que a Ons-O Grove viñan mudar aves de Portugal e diferentes provincias galegas. hasta hai poucos anos a caza de patos en Portugal comezaba en agosto, agora en setembro. A desaparición de zonas importantes para a mancada desta especie é un factor importante a considerar cando se fala de merma de efectivos en Galicia.
apertas
Opa, Emilio.
EliminarXa nos comentaras a procedencia portuguesa de moitos exemplares concentrados no Grove, a 60 Km da fronteira, lembremos. No caso ferrolán-ortegano necesitaría confirmación, porque a distancia é bastante maior. En calquer caso comparto que estas zonas de mancada son moi importantes para a especie. E mesmo deberan considerarse á hora de catalogar a importancia/protección dun humidal. Aínda que os "expertos" da Xunta moito me temo que non pisan ningunha das rías en agosto.
Un abrazo, crack.