Todas as primaveras fago mostraxes nos montes que hai entre San Sadurniño e Narón co obxectivo principal de controlar a interesantísima poboación reprodutora de escribidor amarelo (Emberiza citrinella). Nos últimos quince días realicei varias destas visitas e só logrei unha observación confirmada (hoxe) e un reclamo escoitado. Semella que este inverno tardío que tivemos mantén as aves de nomadeo por campos da zona sen ocupar aínda os territorios de cría.
Paisaxe de Santa Mariña do Monte (San Sadurniño)
As que si chegaron xa foron as picas das árbores (Anthus trivialis), cunha primeira chegada o pasado 28 de marzo (tres machos cantores); a pesares do tempo tan frío, chuvioso e ventoso que estamos a ter.
Pica das árbores (Anthus trivialis)
Esta pica é un taxón eurosiberián - como o escribidor amarelo - e ocupa preferentemente lindeiros forestais alternando con pradarías ou ucedais, pero tamén resulta comús en repoboacións xóvenes de piñeiro ou mesmo eucalipto. Nunha comarca tan degradada como a de Ferrol é ún dos paxaros más interesantes que se poden ollar.
Hábitat eucaliptizado da pica das árbores
Esta mañá levaba a Sony RX10 III. Mentras non consigo unha correia para poder levar o equipo mirrorless ao ombreiro prefiro levar unha das bridge cando toca camiñar. Por certo, ás veces esquezo o boa que é esta cámara.
Pica das árbores (Anthus trivialis). Procesado de ruido con I.A.
Sony RX10 III focal 220 (600 mm equiv) ISO:1600 V:1/80 F:4
Claro que ás 8,00 h dunha chuviosa mañá de abril a luz non é que sobre precisamente. Porén o procesado do ruido coa I.A. do Lightroom funciona marabillosamente ben e consegue dar nitidez e claridade máxima a unha imaxe tomada en condicións extremas para un humilde sensor de unha polgada (fixádevos que valor de ISO empreguei!).
Pica das árbores (Anthus trivialis). Imaxe RAW orixinal sen recurtar nin editar
Pica das árbores (Anthus trivialis). Imaxe recurtada e procesado de ruido con I.A.
Sony RX10 III focal 220 (600 mm equiv) ISO:4000 V:1/100 F:4
Vaia, que a OM-1 co 400 vai de cine e dispós dunha calidade semiprofisional, pero a Sony RX10 III ofrece unha versatilidade e unha calidade de imaxe que me teñen namorado desde o primeiro día.
Bon, a primavera vai comezando e xa están a chegar os primeiros migrantes transaharianos. Haberá que esperar até mediados de maio para desfrutar do picanzo vermello (Lanius collurio).
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos