Esta ventosa mañá volvía á lagoa da Frouseira, onde me atopei co amigo Miguel Fernández.
Lagoa da Frouseira ao mencer (illote de A Lapela no centro da imaxe)
As cifras de limícolas seguen a ser moi baixas rematando setembro, o mes da migración por antonomasia (aínda que hoxe había sur forte). Porén as anatídeas invernantes están a aparecer xa.
Lavancos reais (Anas platyrhynchos)
Imos cos números do censado hoxe:
- 44 Patos cincentos (Mareca strepera)
- Aprox. 200 lavancos reais (Anas platyrhynchos). Fixen un primeiro conteo e me saíron 182 ex. Despois fixen outro desde outra posición, con mellor panorámica; cando levaba censados 192 ex houbo unha espantada xeral e levantou un grupiño que me faltaba
- 2 Patos rabilongos (Anas acuta)
- 36 Cercetas eurasiáticas (Anas crecca). Bon número para estas alturas do outono
- 1+ Mergullete común (Tachybaptus ruficollis). A auga estaba moi revolta polo vento e nestas circunstancias algunhas especies son más difíceis de localizar
- 30-35 Galos de auga comúns (Fulica atra). Moi xuntas e activas
- 1 Mazarico real (Numenius arquata)
- 11 Fuselos de rabo pinto (Limosa lapponica)
- 1 Bilurico das rochas (Actitis hypoleucos)
- 1 Pilro groso (Calidris canutus)
- 6 Pilros comúns (Calidris alpina)
- 2 Gaivotas choronas (Chroicocephalus ridibundus)
- 3 Gaivotas patiamarelas (Larus michahellis)
- 4 Corvos mariños grandes (Phalacrocorax carbo)
- 7 Garzas brancas pequenas (Egretta garzetta)
- 10 Garzas reais (Ardea cinerea)
- 2 Cullereros comúns (Platalea leucorodia)
- 2 Águias pescadoras (Pandion haliaetus)
- 1 Tartaraña das xunqueiras (Circus aeruginosus)
- 1 Picapeixe común (Alcedo atthis)
Galos de auga comúns (Fulica atra)
As dúas águias pescadoras fixeron algunha pasada perto de nós. Miguel puido comprobar in situ a calidade e a posibilidade de recurte que posúe a Sony RX10, case igual que a súa reflex.
Águia pescadora (Pandion haliaetus). Enfoque manual
Sony RX10 III focal 600 mm equiv. ISO:400 V:1/400 F:4
Águia pescadora (Pandion haliaetus). Distancia: uns 300 m
Sony RX10 III focal 600 mm equiv. ISO:200 V:1/400 F:4 Toma moi recurtada
Os que non faltaron foron os de sempre. Hai dous cans que se bañan a diario na propia lagoa. Ún deles co agravante de ser unha raza perigosa que vai sen buceira. Todos os días son ceibados ilegalmente sen que ocorra absolutamente nada. Galiza, terra sen lei.
Rotweiller sen buceira, solto e nun espazo "protexido"
Anos atrás estenderíame con este tema. Agora a miña única prioridade é volver a ser "moderadamente feliz", que diría un amigo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos