Seguidores e seguidoras

sábado, 7 de septiembre de 2013

Metidos en Setembro

Esta mañá, logo de facer un repaso rápido da lagoa desde a pista, paseime polo sistema dunar da Frouxeira. Primeiro polas xunqueiras e pola "Charca das espadanas" e, posteriormente, ata a propia lagoa, que segue a subir de nivel. Agora as áreas máis lamacentas (e con maior riqueza orgánica) están cubertas xa e as ribeiras libres son claramente máis areentas e, polo tanto, moito menos atractivas para as aves.

Mencer na lagoa de Valdoviño

 Esperaba máis "ambientillo". Apenas 2 Chascos norteños (Saxicola rubetra) e o primeiro Papoazul (Luscinia svecica) da temporada como observacións destacadas en canto a paseriformes.

 O que últimamente non me falla, é algún dos raposos locais. Hoxe sorprendíamonos mutuamente este polo e máis eu, cando subía unha duna perto da canaveira NW:


     Estiven a comparar o deseño facial e non é ningún dos fotografados anteriormente por min na lagoa.

Raposo (Vulpes vulpes)

   Baixo unha pedra atopei unha muda de ofidio de tamaño medio.


   As placas tan grandes da cabeza indicaban que estábamos ante a camisa dunha cobra, nunca dunha víbora, que ten as placas da parte superior da cabeza moito más fragmentadas. Aquí (e refírome á Frouxeira, ollo) só temos tres especies de ofidios: Vibora de Seoane (Vipera seoanei), Cobra lagarteira (Coronella austriaca) e Cobra de colar (Natrix natrix). Así que semellaba doada a identificación, pero non o foi.


  As Escamas do corpo mostrábanse lisas completamente, sen carena ou quilla visible, rasgo diagnóstico de Natrix natrix. Así que inmediatamente pensei en Coronella austriaca. Pero entón vin o tamaño tan grande do ollo, e as tres escamas post-oculares e xa me entrou a dúbida.


  Logo de consultar a guía de Salvador e Pleguezuelos, non me queda clara a identificación. Ou ben se trataría dunha N.natrix con escamas inusualmente lisas (algo rarísimo, supoño), ou dunha C.austriaca con tres postoculares (tamén algo pouco frecuente). Espero que os expertos boten unha mao (Martiño: isto non é unha broma como a da Berus, vai en serio)

 De limícolas, pois moi pouca cousa. Un bando dunha ducia de Pilros tridáctilos (Calidirs alba), un Bilurico común (Tringa totanus) e un Combatente (Philomachus pugnax), como máis noticiable.


Combatente (Philomachus pugnax), macho en plumaxe de inverno

  Tendo en conta as datas, paseime logo pola Praia dois Botes, en Meirás. Pero "casualmente" non había nin unha soa ave, a pesar de estar con baixamar. Non imaxino cal podería ser o motivo...


 Despídome co sinal máis inútil da Unión Europea. Pregúntome para que se compra e se instala se ninguén desde a Administración (tanto local como autonómica) fai nada para que se cumpra. Foi tomar a foto e a que non sabedes quén entrou en escea?

Qué cachondos éstes do concello...

4 comentarios:

  1. ¿Apareceu o dono do can?

    Interesante entrada. Vas poder facer un censo de raposos completito, a este paso. Eu de ofidios non controlo...a ver que din os espertos..

    ResponderEliminar
  2. O can que entrou en escea viña acompañado pola súa propietaria.

    O dos Raposos é para facer un estudo. Nos últimos anos non sei se é que medrou realmente a súa poboación na zona (porque antes para ver ún....) ou é que, simplemente, volvéronse diurnos. Coa Lontra teño unha dúbida parecida.

    ResponderEliminar
  3. Pois o tema dos raposos é moito mais complexo.
    En Narón houbo claramente unha caida gorda nos últimos 5 anos. En principio e tendo en conta a caida de presión cinexética, tanto por abandono de cazadores maiores como polo aumento de poboación de corzos (que atraen ós cans e fan mais difícila a súa caza)pensabamos nunha volta da epizootia de sarna dos anos 90. Pero ó non aparecer moitos raposos pelados non parecía ser o caso.
    Mais tarde dímonos conta que o problema era a morte de crías logo do destete. Tras do mes de Setembro a caida de efectivos era brutal e o reclutamento anual era case nulo, con mortalidades de crías cercanas ó 100 %.
    Pensamos pois nunha enfermidade vírica ou bacteriana e puxemos os ollos na parvovirose, que de estar case desaparecida, nos últimos anos pasou a ser unha enfermidade de alto risco para os cans. Tratamos de contrastar esta hipótese enviando varias mostras ós laboratorios da Universidade en Lugo, pero eran animais cazados no inverno e claro, xa resistentes á enfermidade, polo que os resultados non foron concluintes.
    A día de hoxe o que sabemos é que no resto da comarca non hai mostra desta epizootia e que as zonas que se cazan son recolonizadas e que teñen crias con normalidade. Parece ser que esta ano ainda non se constatou a morte de primales. A ver se dura e xa podemos ver como pasou este nubarrón.

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Vaia! non sabía eu esa problemática de enfermidades do Raposo. De todas formas, eu referíama máis ben ao entorno inmediato da lagoa, que é a zona que trillei a saco nos últimos case trinta anos. E como lle comentaba a Inés, antes botaba máis horas no campo e nunca o vía, nin apenas se atopaban rastros tampouco. Supoño que a proibición da caza desde que se fixo Refuxio nos oitenta puido converter a lagoa nunha especie de "santuario" para a especie.
      Unha aperta.

      Eliminar