Seguidores e seguidoras

viernes, 28 de noviembre de 2014

Pentumeiros (M.nigra) e outras cousas

O mércores, 26 de Novembro, aproveitaba un día sen chuvia para voltar á ría de Ortigueira e desconectar un pouco do estrés cotiá.


   A invernada está aínda moi frouxa a estas alturas. Non fixen censos, pero as "sensacións" derivadas da experiencia indican que a cousa está cada ano pior.
  Probablemente estarán xá os 1000+ "patos de tundra", como denomino eu às especies con esa procedencia xeográfica (A. penelope/acuta), pero aquelas anátidas de orixe máis centroeuropeia van a menos cada inverno que pasa; especialmente no caso de Anas clypeata, que pasou de ter aquí a principal localidade de invernada no país (con 400-500 aves) a ter unha presencia moi discreta de 70-130 exemplares en apenas dez anos.

   De limícolas xa coñecemos o caso alarmante do Pilro común (Calidris alpina). Cómo se botan de menos aquelas "nubes" de 1000 aves...
  Iso así, certas especies glamourosas parecen manter a súa presenza en Ortigueira, aínda que sexa en número mínimo, coma este Bilurico escuro (Trinta erythropus) que antonte paseaba polo intermareal:

Bilurico escuro (Tringa erythropus)

    Polo demáis, podemos destacar nesta visita a observación de 1 Mobella sp (Gavia sp), 4+ Garzas brancas (Egretta alba), 8 Cullereiros (Platalea leucorodia), 1 Mergo cristado (Mergus serrator), ou 9 Pentumeiros (Melanitta nigra) dentro do sistema estuarino de Ortigueira-Ladrido.


   Éstes últimos fóron os protagonistas da xornada. Por fin puiden tirarlles fotos decentes, logo de varios invernos.



    Nestas datas o normal sería a observación de varias deceas de Pentumeiros, para ir diminuíndo gradualmente ao longo do mes de Decembro. Pero estamos en tempos de crise económica,... e ornitolóxica, polo visto.


   No porto de Ortigueira atopábame primeiro con Pepe Vidal e Alberto Ferro. Logo aparecía en escea Don Álvaro Fernández Polo.

  Eu xa case rematara a sesión fotográfica dos pentumeiros, que se achegaron bastante. Unha distancia moi lonxana aínda para a reflex, pero que me permitíu tirar unhas imaxes bastante boas coa bridge.


   Os Pentumeiros, patos mariños por antonomasia, aliméntanse de crustáceos e moluscos. Estes exemplares de Ortigueira capturaban case exclusivamente caranguexos.



    Levaba moito tempo esperando estas fotos, volo aseguro. Non son aves que habitualmente se acheguen moito á ribeira, así que resulta complicado afotalos nunha saída naturalista.

 Pentumeiro común (Melanitta nigra)

  Máis tarde atopaba esta Lontra (Lutra lutra) nun intermareal de San Claudio:


    Si, xa sei que semella unha Foca, pero é que esta Lontra estaba gorda coma un bocoi. Non controlo moito de mastozooloxía pero unha de dúas: ou é unha Lontra preñada que espera dous preciosos cachorriños, ou é a Homer Simpson das Lontras. Tendo en conta que as Lontras non beben cervexa, podemos considerar a primeira opción como a máis probábel.


  Vamos esperar un tempo e xa veremos se nesta zona aparece nos próximos meses un grupiño familiar. En principio o normal sería a xestación de 2-3 crías. E tendo en conta os hábitos diurnos deste mustélido nos humidais galegos non vai ser difícil observalas.

Lontra (Lutra lutra)

 En Sismundi, varias Lagartixas da serra (Iberolacerta monticola) aproveitaban eses 12 graus centígrados do mediodía para tomar o sol de finais de Outono. Sen dúbida que os nosos lacértidos son animais resistentes.

 Lagartixa da serra (Iberolacerta monticola), xuvenil

   Fixádevos no hábitat antrópico que escolle esta especie na comarca de Ortegal (o muriño á esquerda da imaxe, ao mesmo pe do mar)

 Muro lindeiro na ribeira

  Pola contra, na ponta de Fornelos Sul, achaba dous exemplares da outra lagartixa presente na grella: a Lagartixa galega (Podarcis bocagei):

 Lagartixa galega (Podarcis bocagei) macho non nupcial

     Neste caso, o lugar da observación é, como vedes, moito menos antrópico, tal como un desmonte de Eucalipto con Toxo (Ulex sp)  e  Ucedal (Erica spp)

Borde litoral con repoboación de eucalipto

   A Lagartixa da serra é claramente dominante nesta zona, desprazando á bocagei aos entornos de máis solaina, cálidos e vexetados, quedando monticola nos lugares máis rupícolas (de pedra, vamos), tanto naturais como antrópicos.
     Ou sexa, que I. monticola ocupa en Ortegal o hábitat a priori máis característico do xénero Podarcis na Península, como son os muros lindeiros e construcións de pedra tradicional, aínda que tamén pode ser moi abondosa en lindeiros forestais ou bordes de camiños.

 Outro día poñemos un mapiña coas citas que coñezo de ambas lagartixas no entorno da ría de Ortigueira.

4 comentarios:

  1. Hola Xabi:

    Muy interesante tu comentario sobre los microhábitats que ocupan Podarcis bocagei e Iberolacerta monticola en ese norte gallego.

    Espero poder ver el mapa en una próxima entrada.

    Un saludo,

    Daniel Pérez Rodríguez

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. A ver se publico ese mapiña, que se me acumula o choio, ja, ja
      Nestes momentos estou a preparar a próxima entrada, un monográfico fotográfico sobre Mergus serrator que vai encantar aos paxareiros. Xa levo hora e media simplemente para escoller e editar as fotos!! E mañá haberá que subir as fotos e escreber o texto (Cando vos digo que cada entrada de "Bichos" está moi currada falo en serio).
      Pero o do mapa xa caerá, non te preocupes, Daniel. É unha convivencia moi interesante o das lagartixas en Ortegal

      Eliminar
  2. Os pentumeiros, cando se ven preto, sonche ben bonitiños.

    Apertas!
    Damián

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Espera a ver o próximo post (monográfico).
      Vaiche encantar.

      Eliminar