Seguidores e seguidoras

sábado, 1 de novembro de 2014

Unha tarde apacíbel

   Onte, venres, comprobei que as mellores horas para estar na praia son as da sobremesa, debido á case completa ausencia da peste. A baixamar na Frouxeira acentuaba aínda máis a sensación de tranquilidade.


    Nun censo rápido avistaba unhas poucas limícolas, que sobreviven valientemente á invasión masiva e diaria de cans:

- 2 Píllaras douradas (Pluvialis apricaria)
- 10 Píllaras reais (Charadrius hiaticula)
- 14 Píllaras das dunas (Charadrius alexandrinus)
- 8 Pilros tridáctilos (Calidris alba)
- 4 Pilros comúns (Calidiris alpina). Antiguamente invernaban aquí 150-600 alpina todos os anos. Pero a finais dos noventa, cando se puxo de moda o de vir pasear os cans pola praia, comezou o proceso de declive da especie, que agora forma bandadas só nos pasos.


Píllaras das dunas (C. alexandrinus) e Pilros comúns (C. alpina)

  A Píllara das dunas é a única limícola reprodutora na Frouxeira. Pola contra, a Píllara dourada compórtase exclusivamente coma especie migrante, aparecendo entre finais de Setembro e primeiros de Novembro principalmente. Coas vagas de frío sempre hai invasións delas, acompañando outras especies típicas como as Avefrías, pero apenas sedimentan durante uns días.

Píllaras douradas (Pluvialis apricaria). Ad (abaixo) e xuv (arriba)

   Onte atopábame dous exemplares inusualmente confiados (ou cansos) de píllara dourada. Descansaban na desembocadura do pequeno río Magno, un durmideiro histórico de limícolas na praia até que as botaron de alí.


Foto: Canon SX50 Focal: 215 mm    F: 6,5    V: 1/160 seg    ISO: 320

    No sistema dunar, as grandes charcas que se forman nas depresións máis húmidas durante o inverno están aínda secas.


    Se remata axiña este verán tardío hanse encher en poucos días, e conformarán hábitats moi ricos en vida até secarse no próximo verao.


   Favorecidas sen dúbida por este tempo tan agradábel moitas libeliñas patrullaban incansablemente os seus territorios a carón destas charcas. Chamoume a atención a abondancia do Lavacú de Fonscolombe (Sympetrum fonscolombii) que, literalmente, aparecía por todo o sistema dunar, mesmo a parte de dunas móviles máis próximas á praia.


   Segue a parecerme asombroso que un ser tan pequeno coma unha libeliña realice auténticas migracións desde o sur de Europa até o centro, pero así é no caso desta especie. Reprodúcese en dúas xeneracións, empregando para tal fin augas estancadas.

 Lavacú de Fonscolombe (Sympetrum fonscolombii), femia

 Son animais moi territoriais e activos. Pousaban a miúdo nas partes areentas dos camiños e logo saían en voo de vixiancia.


    Precisamente, nun deses voos, un Lavacú cometeu o erro de subir máis do debido, xusto cando pasaba por aló unha libélula moito máis grande (Anax imperator ou Aeshna cyanea, supoño) que a capturou inmediatamente. Igual que faría un Falcón pequeno, a enorme libélula arrincoulle as ás nun segundo á desafortunada sympetrum, que caeron lentamente polo ar. Nunca vira antes unha escea de predación entre odonatos de diferente tamaño.
   Estiven a seguir durante un rato varios exemplares destas grandes libeliñas cos binóculos pero non fun quén de as identificar.

Lavacú de Fonscolombe (Sympetrum fonscolombii), macho

  Unha tarde apacíbel. Haberá que visitar a Frouxeira a estas horas logo, o único momento do día en que o ébola canino non está moi presente, polo visto.

Fontes empregadas para odonatos:
"Guía das Libélulas de Galicia" (2001), M.A. Fernández-Martínez, Calros Silvar
" Guía de los insectos de Europa" (2006) M.Chinery
Blogue "Libeliñas de Galicia". Anxos Romeo, Martiño Cabana

6 comentarios:

  1. Cuando cambie el tiempo por lo menos habrá menos peste, o así espero. Xabi.
    Saludos
    Eileen.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Non sei, non sei... Antes a presenza humana na praia estaba concentrada nos meses de verao (quitando algún pescador de praia). Agora é constante todo o ano.
      De feito, os meses de verán son precisamente os únicos nos que existe un minimo control das mascotas, por aquilo de quedar ben cos turistas e co tema da "Bandeira Azul". Pero unha vez marchan e xa non hai que aparentar, todo volve á "normalidade" e volvemos a ser o mundo sen Lei, un país de vergoña.
      Unha aperta, Eileen.



      Eliminar
  2. Pues parece que hay esperanza Xabier!!, el fin de semana pasado yo mismo fui testigo como un guarda de medio ambiente de la Xunta multaba a varias personas que paseaban con perros por la playa de las Dunas de Corrubedo, supongo por se un parque natural protegido.
    Un saludo
    Juanjo Muñoz

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Falamos dun Parque Natural, Juanjo. Alí é normal que apliquen a lei (non por gusto, que conste, fano porque hai cartos polo medio, non nos enganemos). Pero Valdoviño é unha causa perdida. Non hai esperanza aquí, créme. Ata que se extinga a especie Homo galicianus, feroz depredador insensible e incompatible coa conservación do medio ambiente, desde o meu humilde ponto de vista.
      Un saúdo.

      Eliminar
  3. Un blog muy interesante y unas preciosas macros, me gustan mucho, gracias por mostrar.

    Un saludiño desde Barcelona.-

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Moitas grazas, Juan Antonio. Me alegro que te guste el blog y las fotos (he visto el tuyo y deduzco que eres un fotógrafo avanzado o profesional). Yo llevo poco tiempo en esto de la fotografía y para mí es un complemento del trabajo de campo, que me ayuda en la tarea de divulgación naturalista.
      Las fotos de libélulas realmente no son "macro". La cámara con la que disparé tiene esa opción (es una bridge), pero estos insectos son desconfiados a más no poder, y la mayoría de las imágenes fueron tomadas a una distancia de 1,5 - 2 m. Pero el tremendo zoom de la SX50 produce el efecto de un macro a esa distancia.
      De nuevo, gracias por la visita y por comentar (y por hacerte seguidor). Un cordial saludo.
      PD: Pensé en contestarte en gallego. Ese apellido, "Castro", indica sangre gallega en tu familia, pero al final lo hice en español por si no lo conoces.

      Eliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos