Seguidores e seguidoras

sábado, 17 de setembro de 2016

Lagoa da Frouxeira, Motacilla flava británica e malas novas...

    Xa estaba durando moito. A canle de desaugue da lagoa está fecha e iso significa que a lagoa perde a súa condición estuarina ata que volva abrir (soa ou mecánicamente). Ésa é a conclusión logo de ver como estaba hoxe e do que me informou Juan Pita Romero, con quen coincidín na lagoa e que puido cruzar a pe pola barra dunar, ao estar a canle interrompida.

  A praia segue no seu sitio.

 Praia da Frouxeira (Valdoviño ao fundo da imaxe)

   Na visita desta mañá realicei un itinerario longo, con percorrido pola metade occidental da praia e a ribeira toda na lagoa ata onde me permitiron as botas de caña alta. A xornada semella de transición na "cousa migratoria", á espera de ventos máis favorábeis. Porque hoxe apenas había nada que salientar. Apenas unhas 150 limícolas (entre elas un bandiño duns 10 Calidris ferruginea, iso si). Foi unha pena que fechara xusto agora.

  Unha Lontra veu saudar e reconfortar a este atribulado naturalista, que esperaba poder defrutar do paso de limícolas ata Outubro.


   Se vos fixades na seguinte imaxe poderedes apreciar os chorros de auga que expulsa polo nariz ao expirar. Cando estás moi perto dunha Lontra síntese moito o ruido que fai ao respirar, así como diferentes reclamos de contacto que emite constantemente, sobre todo habendo cachorros.

 Lontra (Lutra lutra)

 De paseriformes tampouco estaba a cousa moi animada. E aínda por riba sigo sen poder tirar unha foto boa de Papoazul, algo que levo buscando moito tempo pero que se resiste.

 Papoazul (Luscinia svecica)

   A única novidade foi a observación de dúas Lavandeiras boieiras da subespecie británica nos campos de Taraza. Ou iso penso, pois son un grupo certamente complexo.

Lavandeira boieira británica (Motacilla flava flavissima)

 
   Pois isto é o que hai, xente. Xa vos dixen que ter a lagoa tan baleira era algo pouco habitual e que había que aproveitar. De todas formas quizá a marea tan forte destes días volva romper a barra de area. É unha posibilidade difícil pero posíbel.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos