Seguidores e seguidoras

xoves, 15 de maio de 2025

Seguen as Brachytron e unha sorpresa no Basteiro

      Este mediodía ao saír do choio voltei polo Rego de Basteiro (Neda), co obxectivo de facer unha nova mostraxe odonatolóxica; que saíu bastante ben, tendo en conta que se levantou algo de vento (con máx. de 18ºC) e o ceo estaba parcialmente nuboso.

Libélula maculada (Libellula quadrimaculata) macho
Sony RX10 III (focal 600 mm equiv) ISO:100   V:1/500   F:4,5

   De novo apareceron as libeliñas peludas (Brachytron pratense): 1 + 2 en cópula. Os bichos non pousaban nunca e disparei "a lo loco" por se cadraba. E cadrou. Unha foto cativa de todo pero na que se poden apreciar algúns rasgos da especie. Espero que desta volta os revisores de Observation non teñan dúbidas na identificación (seguen sen homologar a primeira das citas, a pesares das fotos que aportei uns días despois).

Libeliña peluda (Brachytron pratense). Imaxe documental

   Desque comprei a Sony RX10 III, facendo algunhas probas comparativas, concluín que a mellor fotografía de aproximación había que facela coa focal máxima (600 mm) á distancia mínima de enfoque que así permite. Polo visto non afondei dabondo neste asunto. Hoxe comprobei que usando distancias focais menores, coma 75 mm equivalentes, o resultado final é mellor. Penso que esta foto da donceliña vermella é a mellor foto que tomei xamáis da especie, incluindo as da OM-1 co Zuiko.

Donceliña vermella (Pyrrhosoma nymphula) macho
Sony RX10 III (focal 75 mm equiv) ISO:100   V:1/200   F:5


  Decidín comprobalo cunha apincharada común. Primeiro disparei coa focal máxima (600 mm) á distancia mínima de enfoque que permite esa focal: 0,92 m ao sensor.

Apincharada común (Pararge aegeria)
Sony RX10 III (focal 600 mm equiv)  ISO:200   V:1/400   F:4,5

 Logo disparei cunha focal aproximada de 75 mm equivalentes, pero cunha distancia de enfoque de 0,25 m. Apliquei o mesmo pequeno recurte en ambas tomas. O resultado é evidente. Coa focal menor a fotografía é claramente mellor. Ademáis tes algo máis de xogo coa profundidade de campo.

Apincharada común (Pararge aegeria)
Sony RX10 III (focal 75 mm equiv)  ISO:200   V:1/640   F:3,5

  Claro que todo isto está moi ben con bichos que permiten ese achegamento. O cual non é o habitual. Unha libélula maculada, unha rá vermella ou un lagarto arnal nunca han permitir que te achegues a uns poucos centímetros sen marchar. Procede combinar ambas maneiras de proceder se queremos facer fotografía "macro" coa Sony RX10, dependendo do caracter máis ou menos fuxidío/activo do bicho.

  Cambiando de tema, estes días estan a desbrozar moita vexetación herbácea ou leñosa de fincas, camiños e pistas. Moitos deses restos acabaron no Basteiro. Espero que toda esta nova materia orgánica non acabe por afectar á calidade da auga e ás condicións de habitabilidade para a fauna.

Restos de herbáceas flotando na auga

 Terminamos cunha pequena sorpresa que me levei hoxe. Mentras tentaba fotografar a parella de Brachytron aparecía un escarabello da familia Cerambycidae entre as flores das cenoiras silvestres.

Cerambyx scopolii entre flores de Daucus carota

  Había anos que non achaba un escarabello desta familia. Unha mágoa a luz tan mala que había. Tentei collelo coa man pero estaba nunha zona do regato inaccesíbel desde terra, e bastante lonxe. Neste caso houbo que empregar o "método tradicional" para facer foto macro, obviamente.


Cerambyx scopolii
Sony RX10 III focal 600 mm  ISO:100   V:1/320   F:4,5

   Con este espectacular escarabello rematamos. Haberá que voltar a ese pequeno mas produtivo micro-humidal que é o Rego de Basteiro.

6 comentarios:

  1. Ese tramo de río Basteiro desde el puente de la carretera general hasta después de pasar el lavadero es espectacular ese tramo de río.Jose Ramón Castro Gómez

    ResponderEliminar
  2. Boas,
    En Observation (e en calquera plataforma de ciencia cidadá) non se pode validar unha cita (ainda que teña fotos que non permiten identificar a especie) usando fotos doutra cita do mesmo lugar. O lóxico é só validar as citas en función das fotografías (ou sons) que ten esa cita.
    Un saúdo,
    Martiño

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Opa, Martiño. Tes razón... en parte. É certo que para raridades outras plataformas coma ebird pídenche a foto pra darche a validación. Sen embargo en citas digamos, máis ou menos comúns, non. Quizá porque os revisores son máis veteranos á hora de valorar unha cita, e consultan co propio observador en caso de dúbida (téñenme chamado en persoa para consultar certaos casos).
      No caso dos Brachytron de Neda, tendo en conta a época do ano en que foron estas observacións e as fotos subidas nesas mesmas datas e na mesma localización, pois paréceme un exceso de excepticismo no proceder do revisor nesa plataforma, que cada día me convence menos.

      Eliminar
    2. Por certo, Martiño, que onte o esquecín. Hai cousas que en Observation se validan de forma automática (como raposo ou xabalí), sen foto nin nada. Supoño que porque se dá por suposto que non hai lugar a confusión. Pero poden ser erros igualmente (confunsión cun can pequeno ou teclear a especie incorrecta por despiste á hora de subir a cita). No caso da martaraña valíndase tamén automáticamente en zonas onde teño subido citas, sen necesidade de foto. Por iso non entendo o caso destes Brachytron observados todos no mesmo sitio en cuestión de tres semanas.

      Eliminar
  3. Martiño, una pregunta: ¿y si la cita se refiere a una especie que presenta rasgos diagnóstico visibles a distancia, documentando suficientemente estos rasgos, en ausencia de fotos que muestren claramente esos rasgos?

    Xabi, sobre la vegetación muerta tirada en el rego (maldita costumbre...): probablemente no tenga mayor efecto, aunque ya hay materia vegetal abundante (viva y muerta, sin duda), a menos que vaya toda la bisbarra a volcar allí sus restos de cortas y limpiezas. Si así fuera, o sea, en grandes cantidades, el consumo de oxígeno podría ser considerable, por aquello de que las bacterias lo usan durante la metabolización de la materia vegetal en descomposición. Y esto sí que puede llegar a ser chungo, si se cronifica; en tal caso, el rego podría llegar a quedarse sin plantas y sin odonatos, aunque esperemos que la cosa no llegue a tanto.

    Saludos para todos.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Moi bon apontamento, Jose. Segundo os protocolos de Observation a maioría das citas dun tal Rabuñal non serían homologadas actualmente. Porque non tiña fotos das cousas extraordinarias que vía en Traba ou Ponteceso. Non digo máis.

      Eliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos