No ano 2021 publicaba un post especial (preme) sobre o Carregal de San Xurxo (Ferrol), un humidal que tiven a sorte de coñecer cando aínda era iso, un humidal. Non a simple masa de Phragmites que é na actualidade, como reflicten estas imaxes "modernas".
Carregal de San Xurxo (Ferrol), novembro de 2011
Sector de inundación estacional, seco en outono 2011
Canaval monoespecífico (Phragmites australis)
Vexetación arbustiva (Salix atrocinerea) invadindo canaveira. Nov. 2011
Carregal de San Xurxo (Ferrol) en 2011
Como xa comentei, a ortofoto do famoso vóo americán de 1956 é un clásico por ser case a primeira imaxe real do noso territorio. Sen embargo a calidade non é moi boa e hai zonas con pouca resolución, sobretodo áreas de sombra.
Imaxe do vóo americano (1956-1957)
En troques, a ortofoto 1980-1986 posúe moita mellor definición, como é lóxico. Por iso a prefiro para certas cousas. Por exemplo para ver as láminas de augas libres que había naqueles anos. Por certo, xusto cando realicei as miña primeiras visitas ao Carregal, en maio e xullo de 1986.
Ortofoto 1980-1986
Ortofoto costa 1994-1997
Ortofoto 1999-2000
PNOA 2023
Imos analizar os tres sectores con algo máis de detalle, comezando polo sector NE, que era una zona que se inundaba no outono e secaba de verán. A cobertura vexetal estaba formada principalmente por xuncáceas, lirios marelos, herbáceas e salgueiros. Mas había acuáticas reprodutoras, como galiña de auga ou zurrasca. Tamén tivo grande importancia para odonatos.
Área con asolagamento estacional. Ortofoto 1999-2000
Na actualidade o salgueiral ocupa case toda a extensión deste sector norte, coa conseguinte perda en canto a fauna asociada a estes hábitats de augas estancadas estacionais.
Mesmo lugar no PNOA 2023
Agora imos co sector SW. Nas ortofotos máis antigas apréciase unha maior extension do canaval/xunqueira en dirección sur, mas esta de 1994-1997 resulta igualmente interesante pois tamén foi antes do proceso de invasión do salgueiral.
Ortofoto 1994-1997
Na actualidade a parte meridional da canaveira de Phragmites está desaparecendo ante o rápido avance dos Salix. Ademáis onde o salgueiro "tapa" a canaveira o Phragmites vai desaparecendo en favor de cárices (Carex spp), que sobreviven mellor nestas zonas de sombra e máis secas.
PNOA 2023
E agora ollemos o sector central, o máis importante, e cuxa evolución determinou unha mudanza drástica na comunidade de aves, anfibios, insectos e flora.
A primeira vez que vin o vóo americán quedei un pouco decepcionado, pois non apreciaba con claridade as dúas "lagoíñas" que eu coñecera nos anos oitenta.
Imaxe do vóo americano (1956-1957)
Pero na ortofoto costa 1980-1986 vense moi claramente esas láminas de auga, que eu resaltei en negro. Máis ao sur intúese tamén unha terceira lámina de augas libres, que se ve máis clara na foto orixinal, quizá pola presenza masiva de nenúfar (Nymphaea alba), pranta de grandes follas e flores flotantes que atopei nas miñas prospeccións do ano 86.
Augas libres no Carregal. Ortofoto 1980-1986
Como dixen, coñecín O Carregal en 1986. Prestáranme unhas botas de goma altas e interneime no canaval, usando de referencia un pequeno muro asolagado que debeu limitar as fincas no pasado. Foi unha pequena imprudencia meterme eu so, pero ún non pensa moito cando ten quince anos. Avanzando entre as canas cheguei a un claro que mostraba un aspecto moi parecido a esta imaxe que tomei na lagoa de Traba en 2009.
Lagoa de Traba. Outubro de 2009
No cuaderno de campo anotei que había dúas lagoíñas, que calculaba así a ollo en 80x25m e 100x30m. A ortofoto non ten sistema de medición pero comparei co Sig-pac e non andaba eu moi mal encamiñado, sobretodo no tamaño da maior, porque era moi complicado calcular distancias alí metido, coa auga case á altura da cadeira (e escribir no cuaderno!).
Cuaderno de campo (1986)
Agora imos ver algunhas das aves que había no Carregal naqueles lonxanos anos oitenta:
- Lavanco real (Anas platyrhynchos). Até aquí todo normal
- Cuco cincento (Cuculus canorus). Era reprodutor común en toda a comarca de Ferrol. Na actualidade está presente só nas migracións
- Galiña de auga común (Gallinula chloropus). Entón moi común. Era fácil de ver nos sectores de inundación estacional
- Galo de auga (Fulica atra). En xullo de 1986 observaba un adulto con polos. Seguramente habería varias parellas reprodutoras pero era un terreo moi complicado de prospectar (non sei cantos pares chegou ver Souza, que tamén andou por aló)
- Zurrasca eurasiática (Rallus aquaticus). Reprodutor abondoso. O día 07/02/2010 - xa con todo o litoral invadido polo xabalí - realicei unha mostraxe intensiva con estacións de escoita. Saíranme 16 exemplares detectados
- Arceúcha das brañas (Gallinago gallinago). Invernante común nas zonas periféricas e de asolagamento estacional
- Mergullete común (Tachybaptus ruficollis). Reprodutor. Estimei 3-4 parellas (02/07/1986), observando xuvenís e dous niños, ún deles con 3 ovos
- Gatafornela (Circus cyaneus). Até principios dos noventa foi invernante habitual nos sistemas dunares de Valdoviño, Cobas, Doniños ou San Xurxo, observándose tanto machos coma femias. No Carregal de San Xurxo vina dúas veces: un macho o 14/02/1987 e unha femia o 02/03/1991. Tampoco ía moito por alí pois daquela xa estaba moi centrado na Frouseira, que visitaba semanalmente
- Folosa das canaveiras (Acrocephalus scirpaceus). Reprodutor común. Contei 8 machos cantores o día 08/05/2010
- Folosa grande (Acrocephalus arundinaceus). Probable reprodutor. Se non estou errado Souza informárame da súa presenza estival
- Folosa manchada (Locustella naevia). Reprodutor. Escoitara varios cantos no canaval naquela xornada inesquecíbel do 02/07/1986
- Escribidor das canaveiras (Emberiza schoeniclus). Teño só dúas observacións, os días 02/03/1991 e 19/11/2011. Penso que Paco Girón me confirmara que foi reprodutor
Por suposto a riqueza en anfibios ou insectos había ser espectacular (naquelas primeiras visitas adiqueime sobre todo ás acuáticas). Sen embargo unha das especies máis importantes de cantas desapareceron en San Xurxo non foi un animal senón unha planta. Concretamente o nenúfar branco (Nymphaea alba), un taxón que está a desaparecer en moitos lugares de Europa e que na Galiza é xa moi raro, quitando tres ou catro localidades moi coñecidas, como a veciña lagoa de Doniños. Aproveito para enlazar á páxina da Sociedade Galega de Historia Natural. Neste enlace tedes información sobre os traballos de conservación que está a levar a cabo a SGHN relativos a esa espectacular planta acuática.
Pois todo iso perdeuse para sempre. Sería posíbel restaurar O Carregal, pero non o vexo viable a curto prazo (pola dificultade e por falta de interese). Para quen di que foi un proceso de sucesión ecolóxica natural eu matizaría que, en parte, foi moi influido pola mán do home. O cese da actividade gandeira, a eucaliptización da bacía que nutre os regatos tributarios, os longos períodos de seca estival e aumento das temperaturas polo cambio climático algo terían que ver tamén, digo eu. Ou sexa, que sucesión ecolóxica natural si, pero na miña opinión foi acelerada de maneira artificial.
Lagoa de Traba. Outubro de 2009
Probablemente hai cen ou douscentos anos o aspecto do Carregal de San Xurxo fose moi parecido á Traba actual. Collín unha das fotos de Traba e editeina un poco con I.A. (eliminando casas). Quizá nun futuro algunha administración se decida a restaurar humidais neste país tan pobre neles. O Carregal quedaría bastante semellante a esta última foto. Non estaría mal, verdade?
Carregal de San Xurxo despois dunha hipotética restauración
Espero que vos gostase este post (deume moitas horas de traballo). E insisto aos máis novos: tomade fotos da paisaxe. Mirade qué rápido cambia todo.
Moi boa entrada Xabi! , gándaras de Budiño é outro exemplo...
ResponderEliminarGraciñas por comentar, Vítor (a xente debeu crelo de verdade cando dixen que cobraba 10 euros por cada comentario, en fin...).
EliminarCon respeito ás Gandaras de Budiño, é un deses humidais que teñen menos nome que Cospeito ou Antela, pero que me gostaría ter coñecido no seu esplendor. Polas testemuñas de Curt e as referencias antigas publicadas en revistas, guías ou anuarios tivo que ser a hostia ata os anos setenta. E ollando as ortofotos antigas semella que debeu ser moi extensa antes da urbanización e industrialización do val do Louro no século XX. Salvando as evidentes diferencias ecolóxicas, orográficas e climáticas debeu ter un aspecto parecido a unhas Tablas de Daimiel en miniatura. Cando fun por aló a finais dos noventa xa estaba feito un desastre.
Outros dous humidais con "pouco nome" pero que tiveron que molar moito son os encoros de Sabón e A Rúa de Petín. Por desgraza tamén cheguei tarde a eles e xa estaban infestados por invasoras cando fun por primeira vez. Pero as Gándaras sobretodo, tuve que ser un humedal moi top hai cen anos.
Xabi, estoy sin ordenador y con este teléfono es " un dolor" escribir.
ResponderEliminarLa entrada merece un comentario largo. Lo haré en cuanto pueda. Mientras, te digo que coincido en todo, me queda sólo matizar.
Te la has currado, de verdad.
Apertas
Grazas, Paco. Curreino moito, certamente.
EliminarNOTA: "Bichos e demáis familia" non habilita comentarios anónimos onde non vexa nome e apelidos. Neste caso Paco Girón avisoume por privado que estaba a escreber desde un teléfono e tiña problemas co comentario así que o publiquei.