Finalmente non vin folerpas onte na Terra Chá (si deberon caer esta madrugada). A pesares do sensacionalismo dos medios foi unha mañá fría, sen máis: -1,5ºC de mínima e subindo rápidamente; nada que ver cos días de xeada forte que teño collido por aló.
Por desgraza a perda de biodiversidade segue a ser galopante. Realicei dous transectos mixtos carro/a pé, primeiro na Espiñeira (Cospeito) e logo na Veiga de Pumar (Castro de Rei). Podedes ver as listaxes completas en eBird (Espiñeira e Veiga de Pumar).
Macizo do Xistral, cun pouco de neve e un moito de eólicos/eucaliptos
OM-1 + Zuiko 300 mm + MC1,4x f:5,6 ISO:200 V:1/1250 F:7,1
Especialmente chamativa é a case desaparición de avefrías (Vanellus vanellus). En invernos suaves sempre había grupos de deceas de exemplares coma mínimo, que eran centos en invernos normais, e millares en invernos fríos. Onte non vin ningunha (sei dalgunha cita doutros observadores).
A píldora dourada (Pluvialis apricaria) non era tan abondosa como a avefría. Porén, eu diría que nos últimos anos vese con maior facilidade. Onte había 11 exemplares na Veiga.
Píldoras douradas europeas (Pluvialis apricaria)
OM-1 + Zuiko 300 mm + MC1,4x f:5,6 ISO:400 V:1/1250 F:6,3
Unha evolución inversa experimentou a garza branca grande. Do mesmo xeito que se fai normal ver a especie nas rías, segue a parecerme "exótico" atopalas en plena campiña luguesa.
Garza branca grande (Ardea alba) na Veiga de Pumar
OM-1 + Zuiko 300 mm + MC1,4x f:5,6 ISO:200 V:1/1000 F:6,3
O mais salientábel foi a observación dun grupo de 7 gansos de testa branca (Anser albifrons) descansando moi tranquilos na Veiga de Pumar. Había tempo que non observaba este bonito ganso.
Gansos de testa branca (Anser albifrons)
OM-1 + Zuiko 300 mm f:4 ISO:200 V:1/320 F:5
Gansos de testa branca (Anser albifrons)
OM-1 + Zuiko 300 mm f:4 ISO:200 V:1/320 F:5
Gansos de testa branca (Anser albifrons)
OM-1 + Zuiko 300 mm f:4 ISO:200 V:1/250 F:5
O día estaba nuboso mas xusto neses momentos facía sol e a contraluz era moi intensa. Estivemos un bon rato observándonos mutuamente os gansos e mais eu, mentras agardaba a que unha nube xenerosa ocultara ese sol tan inoportuno.
Gansos de testa branca (Anser albifrons)
OM-1 + Zuiko 300 mm + MC1,4x f:5,6 ISO:400 V:1/320 F:8
Gansos de testa branca (Anser albifrons)
OM-1 + Zuiko 300 mm + MC1,4x f:5,6 ISO:400 V:1/320 F:7,1
Na Espiñeira sorprendeume a ausencia de frinxílidos, con moi poucos exemplares observados para o que adoita ser común nestas alturas; ainda que vin tres pimpíns do norte. Na Veiga de Pumar xa atopei un bando decente duns 500 individuos, entre verderolos, liñaceiros, xílgaros, pimpíns comúns e, cando menos, 4 pimpíns do norte.
Verderolos europeos (Chloris chloris)
Pimpín do norte (Fringilla montifringilla) no centro da imaxe
Agora non me complico a vida cando vexo grupos de paxaros pousados nas árbores. Ademáis se saes do carro co telescopio para os identificar é bastante probábel que fuxan todos asustados. Prefiro quedar no veículo e disparar "a lo loco" coa cámara. Logo miro tranquilamente as fotos na casa para ver o que hai e contalos se procede. E así rematamos por hoxe.










Ningún comentario:
Publicar un comentario
Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos