Ademáis de colaborar no censo de escribidor das canaveiras organizado pola S.E.O. quería facer unha mostraxe persoal, empregando a metodoloxía que uso habitualmente. Unha metodoloxía moi diferente á deseñada pola SEO, baseada en barridos de telescopio desde un ponto ao sur do humidal desde onde hai unha boa perspectiva da maior parte do seu hábitat potencial. Ou había. O crecemento de salgueiral está a tapar a visión cada vez máis . Un problema que afecta a todos os humidais galegos, como xa teño comentado aquí.
No sector central do canaval existen varios claros que hai moitos anos bauticei como "Claros da marisma". Cando a lagoa está baleira pódese chegar a eles con botas de goma, sendo un lugar fascinante. Na actualidade xa están prácticamente ocultos polos salgueiros da beira sur.
Sector central da canaveira
Outras partes da xunqueira seguen visíbeis, pero están moito máis lonxe. Qué importante sería construir un observatorio de torre na beira sur da canaveira! Paréceme inconcebible que ningún "peso pesado" da ornitoloxía teña pedido isto á consellaría de medio ambiente (eu son un don nadie en termos científicos ou de conservación).
Sector occidental (Baía da Lontra, A Pesqueira, Cinto do oeste, etc)
Na Coruña seguimos coa folga do sector do metal (o convenio de Siderometalurxia), que afecta a Navantia de maneira indirecta. Eu tento sempre botar unha mao en asembleas, piquetes ou manifestacións, adicando parte do tempo de folga á observación naturalista, que necesito coma terapia para superar a depresión.
Esta mañá logo de colaborar un par de horas no piquete da quenda de mañá marchei a Valdoviño para facer o censo de escribidor das canaveiras. Aínda que o momento escollido non foi o mellor: ceo nuboso, temperatura fesca de 10-11 ºC e a desbrozadora do concello facendo pasadas para limpar o camiño no que está no meu "observatorio schoeniclus".
Sector oriental (Canaveira do Vilar, Lago Pequeno, paseo peonil, etc)
Podemos considerar o resultado do censo coma desastroso: cero exemplares identificados con seguridade e 1-2 en grao posíbel. Na Pesqueira vin un bicho que tiña todos os boletos para selo, mas non puiden confirmalo. Non considero esta mostraxe coma concluínte polo factor ambiental e as datas, que non son as mellores para detectar machos cantores. Sen embargo e considerando tamén o resultado obtido durante o censo coa metodoloxía SEO (un resultado que non podo revelar até a publicación) podemos avanzar que este ano semella moi malo para o escribidor das canaveiras iberoccidental na Frouseira. Probablemente o pior desde que controlo a especie por aló.
Lagoa da Frouseira
Sony RX10 III focal 35mm equiv. ISO:100 V:1/320 F:5
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos