Seguidores e seguidoras

martes, 30 de julio de 2013

Sorpresón na ría: salmónidos na Gándara

  Manda carallo. Hoxe tiña que levar o coche ao taller para facer unha pequena reparación; así que decidín levar a cámara para amenizar a espera, mentras daba un paseo pola ribeira da Gándara.
   Aínda que esta parte da ría está moi contaminada e a época non é a mellor tampouco, sempre pode verse algo interesante.


   O paseo descorría aburrido e triste por falta de acuáticas, así que me acheguei ao pantalán da lonxa de Narón, na ribeira de Longras-A Gándara. Ao me achegaren ao mar, unha morea de Munxes (Mugil sp) abandonaban rápidamente as augas superficiais ao detectar a miña presenza.


   Este peixe, que pertence a unha familia propia, é un habitante común das augas da rías, sexa cal sexa o seu estado de conservación. De feito é abondoso nos portos, peiraos e mesmo nos desaugues das augas residuais da cidade. Non me preguntedes de qué se alimenta alí, porque non quero sabelo...


     Hai varias especies que se coñecen coma "Munxe" ou "Muxe" (forma máis ferrolá esta última), coma Mugil cephalus, Mugil saliens, e outras. Pero se xa teño unha librería escasa para hérpetos, aves e botánica, en asunto de peixes xa nin vos conto (sempre queda Internete).

 Munxes (Mugil saliens/cephalus?)

  E o que son as cousas. Cando máis aburrido estaba este naturalista observando o devenir dos proletarios muxes, alimentándose a carón de compresas, papel hixiénico e restos varios, doume conta de que xusto baixo o pantalán destacaba outro peixe moi diferente, duns 40-50 cm, así a ollo. Axiña o identifiquei coma un salmónido, cos seus lunares e ocelos, sobre un fondo pardo verdoso. Ademáis, contra o comportamento dinámico dos Muxes, sempre nadando sen parar perto da superficie, éste mantíñase quieto no fondo.
   Ademáis observei que non era ún, senón dous exemplares. Pero en canto me viron a sombra, saíron do seu refuxio e perdinos. Apenas me deu tempo a fotografiar este exemplar, que tampouco teño claro que fose un dos susodichos (quizá un muxe que se meteu polo medio):


   Pensaba que se podía tratar de dous exemplares de Salmón (Salmo salar) ou de Reo (Salmo trutta trutta). Hai anos contemplaría só a posibilidade do Reo; pero Eloi Saavedra (seguidor deste blogue) contoume sobre o interesante plano de reintrodución e conservación do Salmón que están a facer no río Xubia, e me comentou tamén algunha información da presenza da especia en augas da ría. Así que me ilusionei coa posibilidade de que fosen efectivamente Salmóns. Pero logo de falar con el parece que eran, con bastante probabilidade, Reos. En calquera caso, unha observación moi bonita.

 Unha pena non poder tomar unhas fotos, pero igual xurde esa oportunidade (temos un asunto pendente Eloi e máis eu no coto do Xubia...)

 Vémonos.



2 comentarios:

  1. Pois témome que este tamén é outro muxo.
    Os reos xa de por si bastante desconfiados, son moito mais esquivos cando hai pouco fondo, como é na zona do pantalán.
    Non obstante non rabees, que has ter oportunidade de fotografar unha morea deles en canto teñamos sol en alto.Xa comenzaron a súa viaxe migratoria entrando no río coas últimas mareas grandes e aparte da ilusión por pescalos, dá gloria velos tomando no sol.
    E ó mellor aínda levas un premio gordo en forma de londra, que nos últimos días andan moi descaradas e facéndose ver polas tardes ...

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Xa mo parecía cando vin a foto na casa... Ben, a ver se temos sorte logo un día destes (en principio o finde, se mo permite A Frouxeira, por suposto)
      PD: as fotos dos muxes foron tomadas coa bridge. Coa reflex e, logo de pasar pola edición correspondente, aínda han quedar mellor as fotos de peixes, sen filtros polarizadores "ni ná", xa o verás.

      Eliminar