Seguidores e seguidoras

domingo, 28 de xullo de 2013

Entrada interesante de limícolas

   Como era previsíbel logo dunha xornada con ventos do sur, rexistrouse unha moderada sedimentación de limícolas na lagoa de Valdoviño. Unha lagoa que segue aberta, algo moi pouco habitual a estas alturas, e que polo tanto mantén unhas condicións moi boas para o iminente paso de Agosto. Porque a tempada de cría xa podemos dala case por rematada, con escaso ou nulo éxito reprodutor para a maioría das acuáticas (agás patos), por mor da situación hídrica tan baixa durante este período.


   Así de memoria apenas lembro dúas ou tres ocasións nos que A Frouxeira estivo baleira coincidindo co paso outonal (a última haberá uns dez anos). E vos podo asegurar que non ten nada que envexar ao famoso paso de Maio. As cifras dalgunhas especies (C.alpina, C. alba ou L.lapponica) non son tan espectaculares coma en Primavera, pero penso que resulta un paso aínda máis diverso, con máis aves de outras familias, coma ardeidas ou gaivinas de todo tipo. Se a lagoa non pecha coas "mareas lagarteiras" haberá que estarmos atentos, sobre todo entre o 20 de Agosto e finais de Setembro.

Bando de Pilros en vó (Calidris alpina)

   Hoxe fixen un censo no areal, e isto foi o que contei:

- 5 Píllaras reais (Charadrius hiaticula)
- 3 Mazaricos chiadores (Numenius phaeopus)
- 5 Biluricos comúns (Tringa totanus)
- 1 Bilurico pativerde (Tringa nebularia)
- 1 Virapedras (Arenaria interpres)
- 133 Pilros comúns (Calidris alpina)
- 1 Pilro ferruxento (Calidris ferruginea)

 Pilro ferruxento (Calidris ferruginea), 1º pola dereita


Virapedras (Arenaria interpres) entre outras limícolas

  E coma hoxe andaba de provas coa réflex, poño esta foto dunha chorona xuvenil, para comparar coas que tomei coa bridge hai uns días (aquí).

Gaivota chorona (Larus ridibundus), xoven

 Ben, insisto. Mentras segue aberta a lagoa, estade atentos nestes días con vento do sur.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos