Seguidores e seguidoras

martes, 15 de abril de 2014

Víbora de Seoane (Vipera seoanei)

  Esta tarde decidín suprimir o adestramento de musculación na casa e facer algo de exercicio "aeróbico". Camiñando polo campo, obviamente.
  Así que fun dar un paseo pola costa de Punta Frouxeira onde, xa de paso, podes poñerte un pouco moreno (estamos en plena operación bikini). Como soe pasar cando non vas preparado saltou a sorpresa:

 Víbora de seoane (Vipera seoanei), xuvenil

  Unha xoven Víbora de Seoane tomaba o sol sobre o perigoso asfalto da estrada que vai ao faro. A verdade é que este ofidio permanece tan inmóvel que muitas veces semella morta. Teño estado a piques de tocar unha víbora "morta" que "resucitou" de repente, levándome un susto de tres pares de eggs.
  En canto preparei a cámara (iso si que o levaba, xunto co novo GPS), apenas tiven tempo a tirar un par de fotos antes de que a serpe fuxira cara o abrigo da vexetación. Así quedei máis tranquilo, porque en días soleados coma hoxe hai bastante tránsito de carros por alí.


Un pouco máis adiante, había outra víbora que non tivera tanta sorte, e aparecía esmagada por atropelo.


   Polo contrastado da coloración, ten toda a pinta de ser un macho (de uns 470-500 mm, aprox). Nalgunha bibliografía falaba do dimorfismo sexual presente na parte baixa da cola (negra ou amarela segundo o sexo), pero nas mellores guías que teño non aparece esa diagnose. E tampouco me parei a contar as escamas ventrais.


   A zona prospectada é moi pobre en hérpetos. Ademáis das condicións habituais do norte galego (moita nubosidade e pluviosidade), o efecto de insularidade neste tramo de costa fai que sexa especialmente ventosa, tal como podemos apreciar polas formacións en almofada que presentan moitas das prantas adaptadas a este hábitat tan hostil, como Toxos ou Uces.


  Así de memoria, lembro ter observado apenas Esgonzo (Chalcides striatus), Lagartixa galega (Podarcis bocagei), Cobra lagarteira (Coronella austriaca) e Víbora (Vipera seoanei). E anfibios aínda menos. Vaia, que non é precisamente o val de Verín desde logo....


 Pero sempre é agradable dar un paseo tranquilo por alí, mentras escoitas a música das Lavercas (Alauda arvensis) e as ruidosas Choias (Pyrrhocorax pyrrhocorax) pasan voando por encima túa.


  Hoxe, ademáis, puiden sacar a foto do ano. Subía eu cara estes penedos, pensando en sorprender algún lacértido, cando xusto ao chegar arriba atopei un Esmerillón femia (Falco columbarius) pousado na mesma pena. A rapaz estaba mirando para o outro lado e non me veu cando aparecín de súpeto a uns tres metros dela. Lamentablemente levaba a cámara nunha bolsa e, mentras a sacaba e a preparaba intentando non facer movimentos bruscos pasou o inevitábel. Virou a cabeza, veume e desapareceu nunha milésima de segundo. Como digo, había ser unha foto para enmarcar.


   Ata a próxima.

2 comentarios:

  1. Boas rapas,
    estes dias son moi traizoeiros para os ofidios. O luns ollei unha austriaca suicida, librouse dun vitara por cm, mais un par de maura kaput e unha dubidosa entre Malpolon e Natrix que non me deixou comprobar o Carlos Sainz que levaba detras..

    Apertas,

    Cesar

    ResponderEliminar
  2. Bueno, como o das malpolon a primeiros de Xuño, cando os machos andan todos quentes, non vin nada igual. Lembro ir con Manu polas estradas do sur de Lugo e Ourense nesa época e non ver máis que cobregóns esmagados por todas partes. Tremendo!

    ResponderEliminar