Seguidores e seguidoras

domingo, 19 de marzo de 2017

Alta tensión

  Estes días semella que non fago máis que pisar charcos. Imaxino que son etapas que ún debe cobrir; procesos que en última instancia axudarán a rachar certas ataduras que me empezan a afogar.
   Neste contexto un paseo polo sistema dunar de Doniños parecía unha boa terapia para favorecer o relax, pero voltei a casa indignado e desesperado. Os motivos son os de sempre:



   Unha morea de mascoteiros (arredor dunha ducia) aproveitaban esta mañá de domingo para ocupar e privatizar ese espazo público que é o humidal de Doniños (zona LIC e ZEPA, recordemos).

  Discutía recentemente sobre a interpretación da legalidade vixente en Galiza e publicada no DOGA. Cada día paréceme máis ridículo este debate absurdo, que noutro país nin existiría. Concretamente a expresión de que os cans poidan acceder "libremente", que é o que proíbe explícitamente a lei fóra das vías públicas pois nelas non hai interpretación posible ao indicar a obriga de buceira e correa.
   Comentaba a uns colegas que ninguén leva un can á praia se non é para soltalo e que corra un pouco, para que corra "libremente", tal como ocorre a diario en todas as praias da comarca de Ferrol sen que exista un mínimo control administrativo desta infracción.

 Na seguinte foto temos unha imaxe clásica. O can corre como un tolo por todo o sistema dunar, asustando canto bicho hai, mentras o dono continúa coa súa práctica de running, alleo completamente ao que fai a mascota. Isto é práctica normal. O anormal, casi insólito, é que os propietarios leven o can amarrado. De feito en canto abren a porta do coche soltan o can inmediatamente na propia vía pública na que estean. Coñecen ben a inpunidade da que gozan nesta parte da Unión Europea.

 Can paseando libremente por un espazo público (proibido pola artigo 25 do Decreto 153/1998 da lei  1/1993 do 13 de Abril para a protección de animais domésticos e salvaxes en catividade)

    En fin, como seguir con este asunto non leva a ningún sitio, imos co positivo. Como estoutra donceliña - a segunda - observada este ano. De novo unha Enallagma, mais nesta ocasión un macho teneral.

 Enallagma cyathigerum

  A observación máis interesante foi unha femia de Escribenta das canaveiras, Emberiza schoeniclus schoeniclus probablemente. Digo isto porque entre Febreiro e Marzo prodúcese o paso migratorio de exemplares europeus que invernaron no sur e que paran na nosa terra camiño das súas áreas de cría. Un paso que en lugares como A Frouxeira pode ser moi evidente (teño feito censos/estimas de case 100 exemplares observados nun barrido de telescopio).


  Sen embargo non debemos perder a esperanza que a subespecie autóctona, Emberiza schoeniclus lusitanicus, volva asentarse en Doniños, tal como recordamos con nostalxia os máis vellos do lugar. De seguro que Paco ha de controlar o asunto. Aínda que tanta actividade de mascoteiros, cans, e vigoréxicos diversos pode ser un problema engadido para unha especie tan sumamente tímida como a Escribenta das canaveiras. Desde logo resulta chamativo que a única poboación que se mantén na comarca sexa nunha canaveira inaccesible aos domingueiros como é a da Frouxeira. Dá que pensar desde logo...

 Grazas por lerme.

4 comentarios:

  1. Da Escribenta das canaveiras, dende o 2.005 que foi o censo da SEO que o fixeron Antonio Fernández e Luz Fernández non hai datos positivos de Doniños e Esmelle/San Xurxo, que eu saiba, pero os teño bastante "machacados" dende o 2.007. Penso que na comarca nada máis que está presente en Frouxeira.
    Da invasión dunar pouco que dicir. Non se debería acceder nin con can nin sen él. O dano que se lle fai á flora e moito. So hai que ollar no google maps cómo están as dunas de desfeitas. E lembro que hai especies de plantas cando menos interesantes e algunhas catalogadas como vulnerables.
    En fin, a seguir disfrutando do que non deixen mentras se poda.
    Paco

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. É probable que sexa así, Paco; aínda que Pantín necesita dunha boa prospección e sei que ninguén de nós vai por aló (eu fun algunha vez na década pasada e xa nada).
      Con respeito ao do pisoteo das dunas, fíxate nunha cousa. Podemos diferenciar varios perfís de usuarios da praia: turistas convencionais, pescadores de robaliza, surfeiros e mascoteiros. Os tres primeiros buscan, por motivos obvios, o camiño máis curto desde o carro á praia, sobre todos os pescadores e surfeiros porque van cargados cos seus cachivaches. Pero os mascoteiros van a outra cousa moi diferente, como é que os seus cans "corran". Nos tres primeiros casos a construción de paseos peonís de madeira en lugares axeitados convértese nunhs estupenda solución para concentralos por un percorrido controlado e evitar o pisoteo do sistema dunar, porque o seu obxectivo é o desfruta da praia, non das dunas. Pero para os outros non hai solución que valla.
      Actualmente o 90% das persoas que camiñan polos sistemas dunares son mascoteiros paseando os seus cans ou vigoréxicos facendo footing. Se eses problemas fosen erradicados de raíz seguro que google maps daría unha imaxe máis positiva da flora dunar.

      Eliminar
  2. Este comentario foi eliminado polo autor.

    ResponderEliminar
  3. Recoñezo que últimamente cando vou a Pantín é a detectar a Píllara (e as gaivotas) pero a volta sempre teño os ollos no carregal, e non vín nada nunca, non so Escribenta, NADA. Non sei como estará de Herpetos pero de aves...ufff, un deserto de carrizo. Xabaríns seguro que sí que hai "a dolor".
    Das dunas nada que engadir ao que dís.Todo certo,eses galgos están todolos días do ano,aínda que chova, poderíase matizar "a máis a máis" pero agora non teño gañas. Apertas

    ResponderEliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos