Logo da viaxe a Cospeito tiña curiosidade por saber se tamén chegaran á comarca de Ferrol os picanzos vermellos, unha das aves migrantes que veñen máis tarde (os primeiros rexistros propios adoitan ser entre o 10 e o 20 de maio). Por ese motivo fun aos campos de Moeche a mañá do domingo. Desta volta levei o Panasonic 100-300 mm, que avulta e pesa moito menos có Zuiko.
As primeiras fotos foron para este escornabois pequeno (Dorcus parallelipipedus), que deben estar agora en plena emerxencia. Atopei dous exemplares vivos e outro máis atropelado. Para fotografalos metín os aneis de extensión porque este obxectivo non permite achegarse tanto coma o Zuiko.
Escornabois pequeno (Dorcus parallelipipedus)
OM-1 + Panasonic 100-300 mm + aneis extensión 26 mm ISO:12.800 V:1/100 F:5,6
Era moi cedo e co ceo toldado de nubes. Disparando sen tripé non queda outra que subir moito o ISO. A redución do ruido coa I.A. do Lightroom segue a deixarme coa boca aberta. Tarda quince minutos en procesar cada RAW mas paga a pena.
Escornabois pequeno (Dorcus parallelipipedus)
OM-1 + Panasonic 100-300 mm + aneis extensión 26 mm ISO:12.800 V:1/125 F:4,5
Durante as mostraxes entre Casalousada e Penasalbas observei o primeiro abelleiro europeo da primavera. Esta rapina é outro migrante serodio que chega máis ou menos canda o picanzo.
Abelleiro europeo (Pernis apivorus)
A sorpresa da mañá veu con este picapau grande. Os petos normalmente baten co peteiro en troncos secos durante a época de celo, mas éste facíao nunha torre metálica. Nunca tal vira.
Picapau grande (Dendrocopos major) tocando Metal
Torre onde estaba o picapau
Os picanzos vermellos apareceron: unha parella e 3 exemplares máis.
Picanzo vermello (Lanius collurio) toma moi recurtada
OM-1 + Panasonic 100-300 mm ISO:6400 V:1/320 F:5,6
Un deles estaba a emitir o seu canto, que resulta insólitamente baixo de volume e forza, pois case non se escoita a poucos metros de distancia. É curioso que un ave tan chamativa dispoña dun canto tan cativo (lembra o caso do cardeal europeo).
Picanzo vermello (Lanius collurio) cantando
OM-1 + Panasonic 100-300 mm ISO:6400 V:1/320 F:5,6
A ver cantos quedan na zona finalmente, porque a primavera está a ser moi chuviosa. En marzo caeron 246 mm por 142 mm en abril. No que levamos de maio van 120 mm e a predición aponta a que vai ser coma marzo. Semella que estes episodios de choivas fortes e persistentes afectan negativamente a moitas aves reprodutoras e supoño que será pior no caso de especies insectívoras coma o picanzo. Estaremos atentos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos