Seguidores e seguidoras

luns, 6 de maio de 2024

Lagoa de Valdoviño (05/05/2024), visita rápida

   A web de Meteogalicia ten unha ferramenta estupenda que predice o tempo de maneira moi precisa. É a pestana de Modelos numéricos, que vos recomendo consultar sempre antes de programar as vosas saídas ao campo. Onte domingo chegaba á lagoa da Frouseira xusto cando paraba de chover, tal como dicía o prognóstico.

   Aínda orballaba algo cando comezaba a visita, breve e centrada na fotografía. Tiña ganas de volver empregar o teleconvertidor MC 1,4X, que non me acaba de convencer, sinceramente.

OM-1 + Zuiko 100-400 mm + MC1,4X   ISO:1000   V:1/500    F:9

  Cando falamos de distancias superiores a 100 ou 200 m non probei nada mellor que unha boa cámara bridge, especialmente a Nikon P1000. Porque xa non se trata da súa tremenda distancia focal, senón do pouco peso en comparación cun equipo convencional. E iso facilita moito o enfoque ás persoas que non temos pulso de soldador. Desde logo sen usar o tripé cústame moitísimo evitar a trepidación (tamén é certo que falamos dunha focal equivalente a 1100 mm).

Píldora cincentas (Pluvialis squatarola) Toma recortada (desde uns 250 m aprox)
OM-1 + Zuiko 100-400 mm + MC1,4X   ISO:1250   V:1/400   F:9

 Nestes casos teño a opción de subir moito a velocidade de obturación mas prefiro quedarme en valores intermedios (1/400 ou 1/500) porque ao final sempre has ter que recurtar a imaxe, e canto máis baixo sexa o ISO mellor vai ser. 
   
Pilros e píllaras no intermareal NW

 Parei pouco alí mas deu tempo a algunha observación interesante, coma esta garza vermella (Ardea purpurea), que apareceu voando e marchou en dirección NW. 

Garza vermella (Ardea purpurea), imaxe testemuñal

  A cantidade de observacións durante toda a tempada de cría nestes últimos anos lévame a pensar na posibilidade de que faga algún intento de aniñamento a curto prazo.
  Os cirrios eurasiáticos non se reproducen na lagoa pero a empregan coma estación de servizo e alimentación, especialmente con tempo borrascoso ou treboento.

Cirrio eurasiático (Apus apus)

 Integrada nun bando de máis de 100 anduriñas comúns (Hirundo rustica) estaba unha anduriña dáurica (Cecropis daurica). Este paxaro, de procedencia mediterránica, tivo unha expansión espectacular polo norte galego desde finais do século pasado e xa resulta común en moitas pontes ou viadutos, lugares que escolle de maneira habitual para construir os seus niños.

Anduriña dáurica (Cecropis daurica)

Termino con varias fotos doutros habitantes típicos da Frouseira:

Folosa das canaveiras (Acrocephalus scirpaceus)

Pato cincento (Mareca strepera) parella
OM-1 + Zuiko 100-400 mm   ISO:2500   V:1/500    F:6,3

Pato cincento (Mareca strepera) femia
OM-1 + Zuiko 100-400 mm   ISO:2000   V:1/500    F:6,3

   Ben, non vos queixaredes de que non actualizo o blogue, ei?

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos