Seguidores e seguidoras

xoves, 12 de xuño de 2025

12/06/2025 Máis cousas do Xuvia

 Ademáis do "subidón" dos lobos, houbo moitas máis cousas nestas dúas xornadas polo val do Xuvia, nas que visitei con Manolo Rei lugares como Vilar de San Xurxo, Penasalbas, As Regas ou Lamas, todos nos concellos de Moeche e San Sadurniño.

    A mellor noticia foi a escoita dun paspallás migrador (Coturnix coturnix), na finca grande que hai ao norte dos kiwis. Había dez anos que non escoitaba a especie na zona. A explosión de gramíneas desta primavera tiña que ter consecuencias positivas e penso que esta reaparición do paspallás non é casual. Aínda que podería proceder dunha solta cinexética, igual que as perdices rubias (Alectoris rufa) que xa están asentadas no val e ademáis con éxito reprodutivo confirmado.

Finca onde se escoitou paspallás migrador o día 10/06/2025

  Este ano semella que hai algún territorio menos de picanzo vermello (Lanius collurio). Por certo que só observamos machos sumando todos os transectos. Isto fai pensar que quizá xa comezou a incubación dos ovos nalgún dos niños.

Picanzo vermello (Lanius collurio), macho

Picanzo vermello (Lanius collurio)
Sony RX10 III focal 600 mm   ISO:250   V:1/320    F:4,5   

Picanzo vermello (Lanius collurio). Redución de ruido (30%) con I.A. de Lightroom
Om-1 + Zuiko 100-400 f:6,3    ISO:800    V:1/160    F:8 

      Estes días son moitos os paxaros que se alimentan coas espiguiñas da avea brava, unha gramínea abondosa en prados e lindeiros. Onte varios escribidores de papo negro (Emberiza cirlus), un paxaro que me ten namorado e que non me canso de ver.

Escribidor de papo negro comendo sementes de avea brava (Avena barbata)
Sony RX10 III focal 600 mm     ISO:320   V:1/400   F:4,5

Collimos algunha treboada e as aves necesitan secar a penaxe. Coma este buxato, que oficialmente recupera o nome galego polo que era coñecido por meu pai (DEP):

Buxato común (Buteo buteo)
OM-1 + Zuiko 100-400 f:6,3    ISO:800   V:1/100   F:8

    Había xa un tempo que non achaba gaiteiros vermellos. Antonte vimos varios no regato de San Xurxo (un cauce mínimo tributario do Xuvia).

Gaiteiro vermello (Calopteryx haemorrhoidalis)
Sony RX10 III focal 600 mm   ISO:100   V:1/250    F:5  

     Entre os tres gaiteiros galegos semella haber unha segregación ecolóxica natural. O gaiteiro bicolor (Calopteryx xanthostoma) prefire grandes ríos ou augas lénticas/estancadas do interior. O gaiteiro azul habita ríos máis pequenos e rápidos, como son os típicos da faixa costeira galega, onde resulta omnipresente. Sen embargo o gaiteiro vermello prefire regatos moi cativos, mesmo simples gabias de inundación estacional, ainda que convive frecuentemente co seu curmán azul.

 A este gaiteiro azul collímolo cunha presa que non son quen de identificar. Quizá un tricóptero ou unha efímera (insectos ambos cuxas larvas viven fase acuática).

Gaiteiro azul (Calopteryx virgo) con presa capturada
Sony RX10 III focal 600 mm   ISO:200   V:1/400    F:5  

  E cos sempre fotoxénicos gaiteiros rematamos estas dúas entradas sobre as miñas últimas mostraxes polas humildes terras do Xuvia. As cousas importantes foron subidas por suposto ás diferentes plataformas de ciencia cidadá.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos