Seguidores e seguidoras

domingo, 12 de febrero de 2012

Cospeito, 11 de Febreiro de 2012

    Últimamente vou pouco por Cospeito. Onte pasei por aló a desfrutar co espectáculo da invernada nas agras da Espiñeira. Febreiro adoita ser un mes agradecido no que a concentracións de aves se refire. 


  En anos fríos podemos observar aquí grandes bandos de Estorniños pintos (Sturnus vulgaris) que é, por agora, un ave invernante en Galiza. Éste grupo da foto podía estar formado por catro ou cinco mil individuos, así a ollo (hoxe non tiña ganas de contar).


 É fascinante observar en directo as evolucións aéreas dun grupo de miles de aves desprazándose coma un só individuo. Algo frecuente tamén entre as aves limícolas.


   Nos frecuentes cambios de traxectoria da bandada, o aletexo de todos os paxaros provoca un forte són do ar, semellante a un trono, que sorprende ao observador a primeira vez que se contempla algo así.


 De cando en vez cómpre aterrizar, que hai que repostar tamén. Aparentemente o bando era monoespecífico. O Estorniño negro (Sturnus vulgaris), residente e reprodutor na zona, permanece máis ben nas inmediacións das granxas e aldeas, e non forma nunca grupos tan grandes.




  Nas silveiras que limitan as pistas da concentración parcelaria temos outros "personajillos", máis curiosos e confiados: os Paporrubios (Erithacus rubecula). Un paseriforme sempre fotoxénico.


 Con éste si que me puiden recrear, practicando coa nova cámara réflex..


 Un asubío familiar fíxome levantar a vista. Un bando de 150 Avefrías (Vanellus vanellus) viña voando a media altura.

 Durante o inverno resulta moi habitual ver os bandos integrados por Avefrías e Estorniños, movéndose todos xuntos dun prado para outro.



  ....algo que sabe perfectamente o gran predador aéreo, o Falcón común (Falco peregrinus). Logo de varios intentos previos, logrou dar caza a unha presa. Nesta ocasión a vítima foi un Estorniño pinto, que quizá cometeu a imprudencia de separarse un pouco do centro da bandada, no momento en que o falcón acometía o ataque. A foto é mala, pero a súa figura é inconfundíbel.


   As aves estaban en xeral moi desconfiadas, e levantaban vó cando me vían aproximar a medio quilómetro. Logo de estar facendo transectos a pé, decidín usar o coche coma observatorio. Unha táctica que dá bos resultados en espazos abertos coma a Terra Chá ou Villafáfila. Se circulamos despazo, as aves permitirán que nos aproximemos dabondo, probablemente porque están acostumadas aos vehículos agrícolas nestas áreas de cultivo.

 Aínda que esta Avefría da foto estaba un pouco lonxe para o meu 300 sen estabilizador de imaxe. Fixen o que puiden para obter unha imaxe decente...


    Outros, nin caso. Papando sementes, porque había que aguantar o frío da mañá como fose. Na foto un fermoso macho de Pimpín común (Fringilla coelebs), que forma bandos de centos de exemplares na Espiñeira.  No medio deles sempre aparecen algúns Pimpíns reais (Fringilla montifringilla), pero nesta ocasión non os detectei.


  Peto do poboado, levantei unha Pica alpina (Anthus spinoletta), un ave habitual nos prados enlamados a carón das granxas gandeiras. Na Primavera voltará aos montes do Xistral ou da Faladoira para se reproducir. Alí terá por veciñas as Lagartixas da braña (Zootoca vivipara) ou as Rás vermellas (Rana temporaria).


  Non podían faltar as Cegoñas (Ciconia ciconia), todo un clásico das chairas interiores. Na provincia lucense podémola considerar xa como un ave común e familiar, pero hai só trinta anos eran moi poucas as parellas que se reproducían.



    Tamén pasei polas lagoas de Cospeito que, despois das "obras de restauración" de hai dez anos, pouco teñen xa de lagoas. A denominación charcas ou, como moito, humidal, correspóndese bastante máis coa realidade. A lámina de augas libres está reducida á mínima expresión, mentras o tapizado por vexetación palustre e arbustiva avanza aceleradamente.

 Non digo que non teña o seu interese, que conste. E está moi ben para certas cousas, pero é unha sombra do que podería ter sido cunha restauración doutro tipo. Porque o potencial de Cospeito é infinitamente maior do que mostra actualmente. Os que coñeceron a lagoa nos anos noventa, por exemplo, entenderán ben o que digo (a lagoa orixinal só a contemplaron os máis vellos da parroquia, coma o mestre Curt)


  Fun ao observatorio NW, que está situado nunha zona con bastante auga libre aínda. Alí, por certo, me atopei con Luis (vivelanaturaleza.com), a quen coñecera en Ortigueira hai unhas semanas.



 Unha pena o sol de cara (xa sabedes que odio estar "cara al sol").


 Deixei a óptica no coche (binóculos, teles), pois a miña intención era só practicar fotografía. Pero puidemos observar o seguinte:

- Unha Tartaraña das Xunqueiras (Circus aeruginosus). Pasou voando a contraluz, pero semellaba unha plumaxe tipo femia.

- Patos asubiadores (Anas penelpe). Escoitei reclamos.

- Varios centos de anátidas de superficie: Lavancos (Anas platyrhynchos), Cercetas (Anas crecca), Frisados (Anas strepera) e Culleretes (Anas clypeata), como estes dous machos da foto.



 - 7+ Galiñolas negras (Fulica atra), mesturadas entre o resto das acuáticas.


- 30+ Parrulos cristados (Aythya fuligula). Na foto aprécianse moi ben os vistosos moños dos machos.


 Entre que xa era tarde e que se me acabou a batería da cámara, decidín recoller o campamento, despedíndome de Luis ata a próxima.

 Un saúdo.

6 comentarios:

  1. Xa tes ganas .co frio que fai.Estan bonitas as fotos.J.Cancelo

    ResponderEliminar
  2. Pois vós, cando vos metedes no mar de Meirás a mergullar, tamén ten "tela" a cousa (nin neopreno nin hostias, Jorge)

    Penso niso de estar na auga en pleno mes de Febreiro, e xa teño frío...

    ResponderEliminar
  3. Moi boa adquisición a da réflex, unhas fotos preciosas... Por certo non fago presentación... porque penso que non fai falta.

    ResponderEliminar
  4. Non fai, Víctor. Benvido e graciñas por comentar.
    Un abrazo

    ResponderEliminar
  5. Gostame o teu blog Xabi, xa fai que non vou por Cospeito a "controlar" aves, ala polo 89-90...
    Nunha entrada anterior falabas do lobo nas Pontes. Fai pouco máis dun ano un exemplar solitario merodeaba por S.Boulo no Forgoselo a plena luz do día.
    Saudos.
    Carlos.

    ResponderEliminar
  6. Grazas, Carlos. O outro día, cando falamos no cruce das Pías, pensei que te habías esquecer o nome do blogue.

    Sobre iso do lobo, hai un libro de Felipe Bárcena (un grande coñecedor da especie, parece ser) sobre a fauna vertebrada da escombreira. E comenta que había unha manada pola zona.

    A ver se quedamos un día, para recordar vellos tempos. Escríbeme ao correo persoal (xabi.prieto@yahoo.es)

    Unha aperta!

    ResponderEliminar