Seguidores e seguidoras

sábado, 4 de febreiro de 2012

Censo na escombreira das Pontes. 2ª parte

O seguidor máis especial deste blogue, e o máis querido para min, é meu sobriño (tamén afillado) Paulo. Así que esta entrada quero dedicarlla a el. Logo do correspondente permiso paterno poño un par de fotos que lle saquei hai cinco anos.

 Despois de tranquilizar a unha  femia de Lagarto arnal (Timon lepidus), co tacto das miñas mans, deixei que o neno a collera. Con moita precaución e lentamente, por suposto.


 O Atlas de hérpetos da SGHN tivo a honra de contar coa colaboración dún dos naturalistas máis precoces de Ferrolterra. Mandeille "posar" para a foto, pero estaba demasiado pendente do seu "velocirraptor" como para facerme caso..  A verdade é que poucos rapaces se atreverían a coller una lagarto tan grande con apenas seis anos! (moitos non se atreverían nin con sesenta, verdade, Pepe?)


 Deixaremos a Paulo, e seguimos de excursión pola escombreira de As Pontes.

Toda unha cadea de charcas se suceden ao longo do camiño sinalizado que percorre o perímetro da escombreira exterior. Entre áreas de pradería aberta e repoboacións forestais de diferentes especies, as charcas asoman nas zonas máis chás.


 Esta é a "Charca da Braña", baixo a aldea de Pena de Eiriz. Un lugar repleto de anfibios na Primavera. O día do censo había 1 Mergullón pequeno (Tachybaptus ruficollis) e 7 Lavancos (Anas platyrhynchos)



 No límite Oeste da Escombreira, avistamos os piñeirais da Serra do Forgoselo, ún dos lugares máis interesantes da Comarca.

 Axiña comprobamos que non facía falta saír da escombreira para observar grandes mamíferos.



 Nas ladeiras ervosas que caen pola vertenta Sur da escombreira, atopamos unha importante concentración de Corzos (Capreolus capreolus). Ata 13 exemplares, dispersos en grupiños de 2-3 individuos, maioritariamente femias e xóvenes.




 Desde logo, nos anos que levo observando a Natureza, nunca vira tantos Corzos xuntos nun espazo tan reducido.


 Algunhas das charcas apenas tiñan aves acuáticas, coma esta "Charca do Pazo", onde únicamente levantamos 1 Garza real (Ardea cinerea).


 Non era o caso da "Charca do Seixo", situada na parte central e máis alta da escombreira. Alí había bastante bicharía:

- 11 Mergullóns pequenos (Tachybaptus ruficollis)
- 2 Cercetas (Anas crecca)
- 14 Lavancos (Anas platyrhynchos)
- 29 Patos cristados (Aythya fuligula), dos que destacaba a plumaxe bicolor (branca-negra) dos machos


 Baixou moito o número de exemplares invernantes nos últimos anos en Galiza. De feito había varios anos que non observaba un grupo tan importante de Cristados na comarca de Ferrol.



 Algunhas charcas eran certamente fermosas. Recordaban un pouco aos humidais das chairas interiores de Ourense ou León, por exemplo. Desta non sei o nome...


 O mellor veu nun camiño que percorre unha serie de campas e brañas. Alí frenei o coche en seco, mentras Pepe miraba estranado, pensando qué sería o motivo da parada..

 E atopamos isto:


Excrementos moi frescos do noso superdepredador por antonomasia: o Lobo (Canis lupus). Antes de publicar esa información consultei o libro sobre a fauna na escombreira, elaborado por Felipe Bárcena. Non quería sacar datos á luz que puidesen poñer en perigo unha poboación de Lobos pouco coñecida. Pero logo de ver que esta manada de Lobos xa está estudada, e que a súa existencia foi públicamente divulgada,  decidínme a comentar a cita no blogue.

 Poño unha foto sacada de Internet, do estupendo blogue http://animaiseatitudes.blogs.sapo.pt, correspondente a un exemplar da subespecie de Lobo ibérico (Canis lupus signatus), máis pequena e parda ca outras subespecies europeas.


 E coa foto deste extraordinario animal, despídome ata outra.

2 comentarios:

  1. Moi interesantes estas últimas entradas Xabi. Ten pinta de que estes humidais chegarán a ser máis importantes do que xa parecen ser. Ó final a man do home tamén sabe facer cousas positivas. Como xa saberás, aquí polos madriles tamén hai graveiras recuperadas que agora acollen importantísimas cantidades de aves. É alucinante ir traballar polas mañás e encontrarte con bandos enormes de gaivotas choronas sobreboándote pola M-30.

    ResponderEliminar
  2. Ben, o lago das Pontes penso que vai ser importante no futuro, en canto se estabilice o nivel e se forme un cinto de vexetación palustre.

    Pero quizá as charcas da escombreira xa pasaron o seu mellor momento. Como sabes, a cobertura acelerada por mato (Xestas, toxo, silvas) é algo que penaliza moitísimo as zonas húmedas galegas, como pasou nas lagoas de Riocaldo, por exemplo. Afecta especialmente ás limícolas (Charadrius dubius, etc) que desaparecen cando faltan espazos abertos. Ti, que te moves moito por Castilla, seguro que sabes a qué me refiro.

    No libro de vertebrados da escombreira, de Bárcena, pódese intuir "entre liñas" a inminente desaparición dalgunhas especies, a medida que a escombreira se vaia vexetando.

    Na miña opinión ese é un dos factores que fan que moitas zonas húmidas galegas carezan de importancia para a nidificación.

    E falando de humidais artificiais, eu son dos que pensan que os encoros de Cecebre ou San Martiño serían hoxe dos máis importantes humidais galegos, se non fose polo caranguexo americano...

    Unha aperta.

    ResponderEliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos