Seguidores e seguidoras

domingo, 6 de octubre de 2013

Saída herpetolóxica frustrada. E Plan B.

  Levaba días esperando unha mañá como a de hoxe. Tiña intención de realizar un percorrido por unha das zonas con maior potencial herpetolóxico da bisbarra. O obxectivo era recoller máis dados para Martiño Cabana nunha cuadrícula que lle interesaba para o ALVAR. Pero non me dei conta de que aquel transecto está enclavado no medio dunha zona con intensa actividade cinexética. E hoxe era día de caza, claro... En fin, que como teño intención de seguir vivo e non me apete recibir un tiro, cambiei de idea.

 DONIÑOS

 O bon de Ferrol é que, aínda que o medio está moi alterado, dispomos dunha diversidade paisaxísistica moi ampla. Así que podes improvisar sobre a marcha. E, xa que estaba por aló, achegueime até o lago de Doniños.


  A primeira hora, as limitacións no "rango tonal" (creo que se di así) da SX50 quedaban en evidencia. Non fun quén de tirar unha foto mellor que a anterior. Ou a zona de sombra saía negra, ou a zona soleada saía chamuscadísima. Nin con retoque dixital ni ná. Logo, con mellor luz, xa a cousa mellorou.



 Apenas controlei a lagoa. Un par de paradiñas rápidas, sen telescopio; nas que puiden contar 3 Galiñolas (Fulica atra), 15-20 Galiñas de río (Gallinula chloropus) e 48+ Mergullóns pequenos (Tachybaptus ruficollis), unha cifra moi boa da especie aquí, sobre todo tendo en conta a media dos últimos anos. O colega Pablo García, de Ribadeo, creo que contaba máis de 100 a semana pasada. Sería case un dato histórico.

 Grupiño de Mergullóns (Tachybaptus ruficollis)

   Un tremendo boreo advertíume de que había aves rapaces perto. Un par de falcóns apareceron en escea chiando ún deles coma un poseído. Semellaba un exemplar xuvenil "mendigando" comida a un adulto. Dame vergoña dicilo, pero tardei en identificalos. E mira que botaron tempo facendo pasadas sobre a lagoa. Pero ata que non vin as fotos non tiven claro que eran Falcóns pequenos (Falco subbuteo). Definitivamente hoxe non estaba eu moi "fino".


Falcón pequeno (Falco subbuteo)

 E despídome cunha imaxe da praia de Doniños. Faría algún comentario que me inspira esta imaxe, pero non quero cansar á audiencia coas miñas cousas. Simplemente, quedades coa praia.

Praia de Doniños, Ferrol

 Vémonos!!

9 comentarios:

  1. Pois si que che saiu ben o plan B, jeje. Cada vez que vexo DOniños lembro a miña infancia...cando case afogho por mor dunha maldita ola.. ¡que praia tan rabuda!

    ResponderEliminar
  2. Aiiiii, Doniños.... Aló polo ano 85 sorprendeume un día a forza tremenda coa que o mar tiraba de min e de meu irmán, a escasos metros da praia. Uns días máis tarde, aquel mar maldito levouse para sempre a Adolfo Ros, unha persoa extraordinaria, que fora o meu mestre de karate durante tres anos (na súa memoria celébrase cada ano unha carreira de fondo chamado memorial "Adolfo Ros", arredor da ría de Ferrol)
    Si que é unha praia falsa, si...
    Un abrazo.
    PD: Eu nestes momentos sinto case a mesma sensación de afogo. Fáltame o que máis quero no mundo, e non teño maneira de "respirar ese aire".

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Ánimo Xabi...seguro que pronto vos reencontrades de novo, xa verás..

      Eliminar
    2. E xa non sei se iso será bon ou malo...(isto é moi complicado, Inés...)
      Unha aperta

      Eliminar
  3. Moitas gracias polo intento herpetolóxico, Xabi. Outro día será. A ver se me podo escapar un día polo norte para ver algúns bichos. Ando tras das píntegas de Bernardez e pode ser boa época para botarlle un ollo (ou a man) a algunha lagartixa das brañas, que tamén lle teño ganas. É boa época para atopar os xuveniles.
    Apertas,
    Martiño

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Jobá, deume moita raiba, rapás. Independentemente de botarche unha mao, tardábame moito poder facer unha entrada que non fose de pluma. Pero en canto vin chegar os todoterreo cos remolques cheos de cans, decidín que debía seguir vivo. Antes de morrer teño que volver a ver a certa persoa. A ver se cadra máis adiante.
      Un abrazo.

      Eliminar
  4. A caza non empeza para a semana que ven?. Por aqui semella que o que andaban a facer era "adestrar" aos cans.

    Cesar Ayres

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Contestei desde o móbil, pero non sei por qué carallo non se publicou.

      Pois tes razón, César. Comeza a temporada de caza menor e pluma, penso. Pero estou tan afeito a ver batidas en todo tempo para o xabalí e corzo que ún xa non sabe. E, aínda que só estivesen os fulanos cos cáns, pois tampouco procedía meterse no medio a levantar pedras.

      Eliminar
  5. Si, non axuda, pero non e o mesmo que andar a tiros..
    Agora xa acabouse a calma domingos e festivos.

    ResponderEliminar