Cando a lagoa está aberta ao mar e con nivel baixo, as acuáticas tenden a se concentrar nas augas abertas, sendo entón máis doada a súa observación. Sen embargo, cando está chea, coma hoxe, a maioría das aves permanecen nas inmediacións da canaveira, agora inundada, penetrando moitas delas na mesma polas enseadas e canles da marisma.
Para censar nestes casos, non hai como buscar un lugar elevado ao Sur da lagoa. As aves quedan daquela bastante lonxe, e fará falta unha boa óptica para distinguilas, pero polo menos dispoñemos así dunha boa panorámica da lagoa e xunqueira.
Os claros, entre a masa de Phragmites, Juncus e Scirpus, presentan arestora unha lámina de auga. É doado avistar neles Galiñas de río (G.chloropus), Patos de superficie (Anas spp) ou Mergullóns pequenos (T.ruficollis).
Había tempo que non pegaba un repaso á lagoa, así que decidín facer un pequeno censo do máis importante. Estas foron as observacións máis destacadas de hoxe:
- 6+ Mergullóns pequenos (Tachybaptus ruficollis). Unha cifra enganosa. Coa lagoa chea os mergullóns están tremendamente espallados entra a lagoa e a canaveira, e son moi, pero que moi difíciles de estimar cunha mínima precisión. Teño feito censos moi intensivos que, logo da apertura da canle e o posterior descenso das augas, resultaban nunha terceira parte do seu número real.
- 1 Abetouro (Botaurus stellaris). Primeira observación propia este Outono do que xa é todo un "clásico" da Frouxeira. A presenza regular de exemplares invernantes na lagoa é, sen dúbida, un dos maiores valores ornitolóxicos da localidade. Saqueille unha foto demasiado mala para publicar (non quero perder amigos..)
- 4 Patos asubions (Anas penelope)
- 64 Patos frisados (Anas strepera). Anátida emblemática da Frouxeira, onde hai décadas que se reproduce. A tendencia da especie nos últimos anos é de incremento poboacional, especialmente no inverno, con máximos de case 200 exemplares, que non está nada mal tratándose deste pato, pouco común en xeral.

Ao igual que outras anátidas "de superficie" é unha especie básicamente vexetariana, como se pode apreciar. Un macho aliméntase de algo que pode ser "Ruppia maritima" ou "Potamogeton pectinatus", quizá...(a botánica non é o meu forte)
- 4 Cercetas reais (Anas crecca). Nas próximas semanas a entrada de invernantes irá a máis.
- 10 Patos chupóns (Aythya ferina)
- 2 Patos cristados (Aythya fuligula)
- 1 Pentumeiro común (Melanitta nigra). Ao seren unha lagoa litoral, ocasionalmente aparecen especies de carácter mariño, coma o Pentumeiro, Mergos, Mobellas,.. normalmente nos pasos. Non deixa de ser unha observación pouco frecuente.
- 150 Galiñolas negras (Fulica atra). Outra acuática característica da localidade.
Nuns días moi difíciles no aspecto persoal, sempre resulta relaxante e terapéutica a visita a este lugar tan querido para min. Antes de voltar a Ferrol botei unha última ollada á "Baía da Lontra" (a que non sabedes porqué lle chamo así?)
Unha aperta.