Tiña moitas ganas de subir unha entrada sobre a Terra Chá lucense. E onte, sábado, fun dar unha volta por aló. Últimamente xa case nin paro na charca de Cospeito (porque chamarlle lagoa a iso é aberrante...) Logo dos traballos de "restauración" levados a cabo hai case dez anos, aquilo cada día está pior, e dame moita pena o estado actual do que, en tempos, foi lagoa. E, se non se remedia, dentro duns anos vaise transformar nun salgueiral pantanoso con áreas de canaveira, sen augas libres. Somos moitos os que botamos de menos cómo estaba antes destas obras.
Así que prefiro non pasar por alí. Cando me achego a Cospeito xa vou directamente ás pradarías da Espiñeira. Un sitio que me encanta, sobre todo durante o inverno con eses bandos enormes de Avefrías, Píllaras, Estorniños, Pimpíns,...
Onte de mañá os campos estaban branquiños coas primeiras xeadas da temporada.
Cómo me tardaba voltar por alí! "A Espiñeira", que é como se chama a zona onde se fixo a concentración parcelaria, ten para mín, algo especial, cambiante. Ás veces, na Primavera por exemplo, semella a típica campiña inglesa, coas súas ringleiras de carballos, freixos e outras árbores, que limitan as parcelas e as pistas. Moitas das aves nidificantes son comúns a aquelas terras.
Sen embargo,durante o frío inverno, ou en épocas de seca, recorda máis á meseta castelá. Este ano, pola falta de chuvias, máis ca nunca. Perto do Arneiro saquei esta foto. Por un momento pensei estar na miña querida Villafáfila.
Os campos de millo, agora en restrollos, son bos lugares para a invernada de moitos paseriformes e limícolas. Por agora, apenas había aves (ten que vir máis frío).
Había grupiños cativos de Picas dos prados (Antus pratensis), Lavercas (Alauda arvensis), Verderolos (Carduelis chloris) ou Pimpíns comúns (Fringilla coelebes), todos eles con 7-15 exemplares, como moito.
Por certo, Víctor, acordeime túa, por aquilo que faláramos. Un Estorniño negro (Sturnus unicolor), xa coa plumaxe de inverno, "plaxiaba" o canto do Ouriolo, todo convencido, desde un Falso pradairo. Non sei eu qué opinará a SGAE de todo iso....
A caída da folla no Outono (na costa xa non sabemos o que é iso, con tanto eucalipto) descobre moitos niños. Éste quizá foi ocupado por un Corvo (Corvus corone) ou un Peneireiro (Falco tinnunculus), quén sabe?
Nas sebes e pequenas silveiras lindeiras, habitan varios paseriformes de mato: o Carrizo (Troglodytes troglodytes) e a Azulenta (Prumella modularis), como este exemplar que puiden enfocar ben, milagrosamente:
O mes de Outubro é moi propicio para observar o Sisón (Tetrao tetrax), que nesta época se xunta en bandos e son máis doados de observar.
Vémonos no segundo capítulo.
NOTA: reducín o número de entradas na páxina principal deste blogue a tres. Ademáis vou procurar facer entradas máis pequenas (con menos fotos, máis ben). Espero que agora a páxina descargue bastante máis axiña.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos