Seguidores e seguidoras

viernes, 22 de julio de 2016

Na montaña da Sanabria

   O domingo pasado realizaba unha visita á montaña zamorana, aínda que non contei co extrordinario boom turístico que o Parque Natural Sanabria sufría nestas datas. A pesares de todo a excursión foi proveitosa e coñecín algúns lugares moi interesantes, como o entorno da lagoa de Los Peces ou o encoro de Puente Porto.

 Paisaxe de montaña

  En xeral a zona lembra bastante a outras serras do NW ibérico coma Trevinca ou o Macizo Central, que pertencen ao mesmo dominio bioxeográfico. As típicas campas son un lugar estupendo para realizar a paradas ornitolóxicas.

 Campa típica de montaña

     Arriba, a 1700 m de altitude, a lagoa de orixe glaciar.

Lagoa de Los Peces 

   Chamada así por motivos obvios.

 Vermellas (Achondrostoma arcasi )

   As especies máis destacadas que observei na contorna de Los Peces foron Escribenta das hortas (Emberiza hortulana), Pica campestre (Anthus campestris), Tordos charlos (Turdus viscivorus) e Chasca norteña (Saxicola rubetra), con adultos levando bicada. De rapaces pouca cosa, sorprendentemente. Un miñato abelleiro (Pernis apivorus) na ribeira norte do Lago de Sanabria como máis noticiable.

 Escribenta das hortas (Emberiza hortulana)

Pica campestre (Anthus campestris)


 Chasca norteña (Saxicola rubetra) con bicada

  De anfibios pois moitas Rás verde (Pelophylax perezi), omnipresente en todo tipo de hábitats, tanto de auga corrente como estancada. Atopei cucharóns de Rá patilonga (Rana iberica) en hábitats típicos, e nada máis.

Rá verde (Pelophylax perezi)

  Recentemente segregouse a Iberolacerta das montañas ourensás e zamoranas coma especie aparte: Iberolacerta galani. A taxonomía avanza de ano en ano.


  É moi parecida á Lagartixa da serra común (Iberolacerta monticola) que temos abondosamente na comarca de Ferrol-Ortegal, aínda que non amosa eses tons verdes que si ten a súa curmá costeira.

 Lagartixa da serra  (Iberolacerta galani)

   Con tantas lagoas como hai por aló a comunidade de odonatos é numerosa e visíbel.

 Támdem de Donceliña de copa (Enallagma cyathigerum)

  Ao principio só vi especies comúns que tamén temos na costa galega.

 Libélula de cu negro (Orthetrum cancellatum)

 Parella de Donceliñas vermellas facendo a postura 

 Donceliña vermella (Pyrrhosoma nymphula)

   Da seguinte Sympetrum engadín outra foto con vista dorsal:


Sympetrum flaveolum

 Gaiteiriño (Lestes dryas/sponsa

   Os colegas do foro Naturzamora axudáronme a identificar estas bolboretas:

 Plebejus argos

 A Ícaro Plebejus argos da imaxe anterios contábase por centos nos ucedais e carqueixais da zona. Camiñando por aquelas brañas levantabas centos de este delicada bolboreta azul.

 Coenonympha glicerion

Colias crocea

  Lamentablemente a miña visita coincidíu con varias actividades gandeiras e deportivas que aumentaron a xa de por si masiva  presencia de turistas no lugar.

 Lago de Sanabria

   O luns visitei o encoro de "Puente Porto", un térmo que non semella moi natural (eu diría ou Ponte Porto ou Puente Puerto, dependendo de se conservamos o ditongo -ue- ou poñemos -o- como é norma  común nas línguas do tronco galego-portugués).
   A pista que leva até alí ofrece vistas realmente solitarias e que inducen á reflexión interior. Para un galego da costa resulta insólito ver un espazo de varios quilómetros cuadrados sen casas nen estradas.

 Turbeiras próximas a Ponte Porto
 
   A saída da presa conforma un lugar ben interesante:

 Desaugue do encoro de Ponte Porto

   Por aló apareceu o tímido Merlo rubio (Saxicola saxatilis), dos que avistei un grupo familiar.

 Merlo rubio (Saxicola saxatilis) macho

   En Galiza é moi raro, e limítase ao cuadrante suroriental. Un xoven voantón, sempre máis confiados, facilitou o rexistro fotográfico.

Merlo rubio (Monticola saxatilis), polo voantón

     Entre as numerosas brañas discorren pequenos regos que seguro posúen unha interesante comunidade de fauna invertebrada. Pero a visita era unha de toma de contacto co Parque Natural, e non había tempo para todo o que me gostaría.

 Regato típico nunha braña

 Turbeira con Xunca de algodón

   É curioso como os anfibios ocupan hábitats diferentes en función das características climáticas da zona. Un caso chamativo é a Píntega común (Salamandra salamandra), que na provincia de Ourense vive en microhábitats hiper-húmedos, un nicho ecolóxico que na nosa zona é ocupado pola Saramaganta (Chioglossa lusitanica). Coas rás pardas pasa algo parecido. Na Sanabria, onde a Rá vermella (Rana temporaria) está moi estrinxida aos hábitats máis fríos e elevados, a Rá patilonga (Rana iberia) aparece en hábitats caracterísitcos da primeira, que son ocupados únicamente pola temporaria nas comarcas do Norte galego. Como a turbeira da foto anterior, onde atopei un exemplar metamórfico e un adulto de iberica que capturei para a súa identificación.

 Rá patilonga (Rana iberica)

   Tamén apareceu unha lagartixa que non me atrevo a nomear, dados os grandes cambios taxonómicos que houbo no grupo Podarcis. En principio pareceume unha Podarcis Bocagei pero con un jizz completamente diferente: menos robusta, cores máis "limpas", sen tanto negro e máis raiado nos laterais, quizá. Ignoro se este morfotipo foi segregado ou segue a formar parte da especie nominal. Varios dos meus seguidores son herpetólogos expertos e seguro que nos sacan de dúbidas.

 Lagartixa tipo galega (Podarcis bocagei ou similar)

 No camiño de volta bimbeei outra especie de libeliña. Levoume tempo pero logrei a identificación grazas ás fotos disponíbeis, onde se aprecian mellos os pteroestigmas e o segundo segmento abdominal, con pruinosidade incompleta.

Gaiteiriño dríade (Lestes dryas)

 E con esta fermosura de Gaiteirño despídome ata a próxima.
Quedan vacacións e quén sabe se haberá ocasión de voltar..

8 comentarios:

  1. Os peixes estes posiblemente sexan iso, vermelliñas.
    Parécnese moito ás bogas de río, de feito no seu momento eran coñecidas coma Chondrostoma arcasii.Pero hai un signo distintivo moi marcado, que son as manchas vermellas nas bases das aletas ventrais e pectorais. Deuche tempo a verlles esas marcas encarnadas?

    ResponderEliminar
  2. Noraboa Xabi, estou impacente a ver qué dí Martiño do Sympetrum. Esa extensión do amarelo das ás uff.
    O L. dryas que dubidas pois non sei. O apéndice inferior que pode verse semella recto e coa punta estreita. A pruinosidade pode chegar a ser completa no S1-S2 cando madure o exemplar o que pode levar a L.sponsa. Segundo a guía o límite territorial da especie estaría cerquiña de Sanabria.
    Voume calar e que falen os que saben de verdade.
    Apertas a todos
    Paco

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. L. sponsa, S. flaveolum e A. juncea están en Galicia na zona de Sanabria. Van algúns traballos que fixemos con estas especies:
      https://www.researchgate.net/publication/299436960_Odonatos_de_las_Sierras_Orientales_de_Galicia
      https://www.researchgate.net/publication/258327384_Primeras_citas_de_Lestes_sponsa_y_nuevas_observaciones_de_Aeshna_juncea_Odonata_en_Galicia
      https://www.researchgate.net/publication/258327481_Primeiras_citas_de_Sympetrum_flaveolum_Odonata_ibellulidae_en_Galicia
      Apertas,
      Martiño

      Eliminar
  3. Boas Xabi,
    Pedazo viaxe te metiches!!! Esa zona é simplemente espectacular. Unha marabilla a tódolos niveles.
    Tan longa foi a entrada que hai algún detalle a revisar. I. galani foi descrita por Arribas, Carranza e Odierna e tal como din no seu artigo adícanlle a especie a Pedro que, polo tanto, non foi o seu descubridor. Tamén puxeches Rana patilonga e penso que non é o nome correcto (Ra dos regos).
    Xa vin que identificaches o Sympetrum, que correctamente é un S. flaveolum pola extensión do azafranado nas ás e por non ter a base dos ollos azuis (típico de S. fonscolombii). Os Lestes, como ben di Paco, penso que son L. sponsa. Polo menos o téneral, xa que se lle ve os apéndices bastante rectos. O da coloración verde no S2 é normal nos exemplares noviños. Cando estea con Anxos pregñúntolle a súa opinión e intentamos comprobar o resto de fotos.
    Unha aperta,
    Martiño

    ResponderEliminar
  4. Opa Martiño e Paco.
    A ver, por partes. Puxen "Rá patilonga" porque ese é o nome que figura no Atlas, así que está ben. Sobre os odonatos, pois tiven opinións de todo tipo que ao final me liaron bastante, a verdade (e non entendín moi ben a redacción dalgunha das opinións). Suprimín unha foto difícil dun teneral e engadín outra do Sympetrum. Penso que agora está ben, mirade a ver.
    O dos apéndices rectos que vos parece ver a algúns, buf,.. eu de entomoloxía non controlo pero sei por experiencia que ás veces as fotos poden ser moi puñeteiras. Deille a ampliar a algunha toma e non se ve nada claro. Polo menos a última foto, a máis chula, non ten moita dúbida, pois se ven moi ben os pteroestigmas cos lados claros ben, rasgo diagnóstico de dryas segundo a guía na que colaborou Adolfo (corrixan os expertos se procede). Ese detalle bicolor dos pteroestigmas son os que levan a pensar tamén en dryas para o teneral.

    Resumindo, estas cousas o único que fan é animarme a seguir aprendendo máis cada día sobre esta orde tan atractiva que son os odonatos.

    Por último, lin eses artigos teus, Martiño. Moi interesantes. Non coñecía a presenza de A. juncea, S. flaveolum e L. sponsa na nosa terra. O encoro de Cenza e as turbeiras dos arredores sempre me pareceron ún dos lugares de maior interese naturalista de toda Galiza.

    Apertas e grazas.

    ResponderEliminar
  5. Estupenda entrada e boa viaxe Xabi! Tiven a sorte de estar traballando por terras sanabresas os derradeiros tres anos e a coñezo bastante ben, é unha comarca sinxelamente espectacular e con moitísimos valores. Alégrome de que puideses disfrutala estes días.Apertas!

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Grazas. Ogallá Trevinca e o Macizo Central estivesen así de conservados, pero lles tocou "vivir" en Galiza, terra da destrución medioambiental.
      Quedei con ganas (moito que explorar e pouco tempo). Espero que na próxima vez non haxa tantísima xente, porque parecía talmente unha praia de Sanxenxo en hora punta, la virgen...

      Eliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos