Logo da visita diaria á enfermaría - onde fago rehabilitación - fun sentarme no peirao do Seixo a ver as evolucións das garzas que alí se concentraban. Todas elas capturaban peixes de pequeno tamaño, identificados como "peóns" (Atherina sp) por dous paisanos a quen mostrei fotos. Levo dous anos observando esta preferencia por presas cativas e que contrasta co grande tamaño das cobradas noutros humidais como Valdoviño, onde capturan anguilas e peixes grandes (solla ou munxe).
Aínda así por veces custa tragar...
Habitualmente boto moito de menos a luz do sol. Sen embargo nestas semanas de tempo outonal inusualmente anticiclónico o sol molesta moito cando afotas aves brancas cunha bridge, como saben ben todos os seus usuarios. Nestes casos o RAW vólvese imprescindíbel para poder reducir un pouco a sobreexposición co software. E na serie Canon o RAW implica renunciar ao disparo en refacho. Así que entenderedes a dificultade de lograr unha captura de acción a disparo único.
Garza branca (Egretta alba)
En fin, foi unha mañá de terapia natural, ollando para as acuáticas da ría.
Como noticiábel, salientar a observación onte de unha Pica alpina (Anthus spinoletta) na praia de Maniños. Primeiro rexistro fotogáfico da especie na localidade.
Despídome cunha estampa típica da ría como é un mariscador voltando na lancha á confraría de Barallobre, co ferrolán barrio de Caranza ao fondo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos