Seguidores e seguidoras

sábado, 22 de julio de 2017

Umha escea familiar (Vulpes vulpes)

    Vem o tempo para descansar, logo dumha Primavera moi estressante e agotadora. Até o começo do paso migratório estamos numhas datas de transiçom que aproveitarei para me desligar um pouco.
  Ontes finalizada o trabalho de campo para o Atlas nas cinco quadrículas que escolhim e realizava o último transecto em NJ82, que pertence a Moeche.

 Paisagem de Moeche (A Corunha)

   No referente ás aves reprodutoras na comarca de Ferrol/Trasancos podemos considerar que há umha série de espécies que medrárom a súa povoaçom, outras que diminuírom fortemente, e umhas quantas que se extinguírom (ademais daquelas que se mantenhem estáveis). Grosso modo penso que as que tivérom umha evoluçom mais possitiva nestas últimas tres décadas fórom, por exemplo:

- Podiceps cristatus, Milvus migrans, Pernis apivorus, Columba palumbus, Streptopelia decaocto,  Apus pallidus, Hirundo daurica, Turdus philomelos, Turdus viscivorus, Sylvia melanocephala, Sylvia atricapilla, Regulus ignicapillus, Certhia brachydactyla, Garrulus glandarius, Corvus corax, Sturnus unicolor, Carduelis carduelis o Pyrrhula pyrrhula. A maioria delas medrárom por serem espécies forestais pouco selectivas que se beneficiárom do aumento de superfície arvorada (Garrulus glandarius ou Turdus philomelos). Outras colonizárom a terra procedentes de áreas mais mediterránicas, como fórom Milvus migrans ou Apus pallidus. E Hirundo daurica foi a expanssom mais curiosa de todas, pois esta andorinha souvo se adaptar às grandes infraestruturas humanas coma viadutos e pontes, nas que únicamente cria en Ferrolterra.

  As que diminuírom fórom entre outras:

- Phalacrocorax aristotelis, Falco tinnunculus, Falco subbuteo, Coturnix coturnix, Rallus aquaticus, Gallinula choloropus, Streptopelia turtur, Apus melba, Alauda arvensis, Delichom urbicum, Motacilla flava, Oriolus oriolus, Passer montanus, Emberiza schoeniclus. Para estas espécies temos umha lista de ameaças bem conhecidas que vam desde as artes de pesca e a contaminaçom marinha (Phalacrocorax aristotelis), aos cámbios nos usos do chao, os tratamentos e os os monocultivos agrários, limpeças urbanas de fachadas (Delichom urbicum), a perda de arvoredo caducifólio autóctono (Oriolus oriolus) ou a predaçom por espécies invasoras ou invassivas (caso dos rálidos em áreas pantanosas). Ademais de problemas estruturais originados possívelmente nas áreas de invernada de espécies transharaianas.

  E logo está a lista negra, com aquelas aves que se extinguírom definitivamente ou estám a piques de fazê-lo a moi curto praço:

- Ixobrychus minutus, Circus pygargus, Alectoris rufa, Fulica atra, Cuculus canorus, Locustella naevia, Acrocephalus arundinaceus ou Sylvia communis, seguramente mais afectadas polas ameaças citadas anteriormente.

 Encoro das Forcadas, Valdovinho

   Em fim, logo de tanta letra deixo-vos com imagens, que é o único que miram hoje moitos usuários e usuárias das redes sociais.

 Parrulinhos de Lavaco (Anas platyrhynchos) com Mergulhom (Tachybaptus ruficollis)

   E despido-me co unha escea familiar. O Verám é boa época para observar mamíferos carnívoros activos polo dia. Deloncinhas (Mustella nivalis) sobretodo por Junho, Raposos (Vulpes vulpes) em Julho e Martaranhas (Martes martes) por Agosto, quando moitas fémeas estám no celo.


  Nestas alturas as nais raposas levam aos jóvens polas riveiras dos nossos encoros e lagoas, onde resulta doado observá-los xogando e investigando todo quanto se move. Se tedes ocassom nom vos aburriredes, ainda que a distáncia nom sempre permite captar fotos boas. Mas servem  para despedir este post com algo alegre.



 Raposinhos xogando

Raposos jovens (Vulpes vulpes)
Distancia: 180 m

  Obrigado por me ler.

4 comentarios:

  1. Moi interesantes as listaxes que elaboraches Xabi. Quizais o que máis me chamou a atención é a inclusión da "Motacilla flava" entre as que diminuíron. Por esta zona, a min deume a impresión de que foran a máis.
    Unha aperta.

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Boa pregunta. Como sabes o hábitat da Lavadeira boieira consiste básicamente en terreos marismeños (onde acadan a sua máxima densidade), sistemas dunares e pradarías húmidas frecuentadas polo gando. Na comarca de Ferrol moitas fincas de pasto foron trasformadas en cultivos de eucaliptal ou se abandonaron directamente, converténdose pouco a pouco en selvas impenetrábeis de silveiral ou salgueiral. Por non falar da redución drástica que padeceu a gandeiría de vacún, que apenas conserva unhas cabezas en agras de Moeche, San Sadurniño ou Cedeira. Iso quizá foi o motivo de que Motacilla flava desaparecese da parte máis interior da comarca, quedando poboacións únicamente nas áreas húmidas litorais. Polo tanto podemos considerar que efectivamente a especie tivo unha diminución na súa área de distribución polo Norte coruñés.
      Graciñas por comentar aquí, Carlos. Non me canso de repetir de que é a única maneira de que tanto as preguntas qu facedes como as respostas queden gardadas no propio post.

      Eliminar
  2. Moitas grazas Xabi. Con ese razoamento é lóxico que por aquí se sigan vendo moitas, hay boas extensións de pradería e gando vacún.

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Que conste que non estou asegurando que ese sexa o único factor que afectou á súa distribución na comarca de Ferrol. Pero é un feito obxectivo que desapareceu de lugares de interior onde antes se observaba, ao mesmo tempo que se foi transformando a paisaxe agraria na maneira en que expliquei. En 2016 vin unha parella en terras non litorais (Moeche) pero finalmente debeu tatarse de exemplares en paso, pois non volvín detectalas. Actualmente só coñezo a sua reprodución en humidais costeiros, dunas e algún lugar máis estrambótico pero sempre na costa (como certos solares e polígonos industriais). Pero no interior hai moitos anos que non vexo a especie.

      Eliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos