Seguidores e seguidoras

mércores, 28 de decembro de 2022

Paisaxes de Lugo

 Esta semana non traballo pero tampouco vou poder saír moito ao campo. Onte quixen aproveitar unha tregua de tanta chuvia e achegarme áTerra Chá para observar os bandos de avefrías choromicas (Vanellus vanellus) e píllaras ouradas europeas (Pluvialis apricaria) que chegaran días atrás, mais a néboa fíxoo imposíbel.

Terra Chá cuberta pola néboa

  Eran as dúas do mediodía e aínda non se vía nada. Poucas cousas puiden fotografar nestas condicións, aínda que sempre apetece coller un bilurico de ás negras.

Pica dos prados (Anthus pratensis)
OM-1 + Ziko 100-400 + MC 1,4X   ISO:1250   V:1/400    F:9

Bilurico de ás escuras (Tringa ochropus)
OM-1 + Ziko 100-400 + MC 1,4X   ISO:400   V:1/250    F:10

 Previamente e para facer o tempo até que levantase a néboa subín aos montes do Xistral, onde lle estiven dando á fotografía de paisaxe. Todo a pulso e probando diferentes modos da cámara. Quizá debín montar o tripé, porque había moito vento e custaba manter a cámara firme.

  


Ao fondo comarca da Mariña e Mar Cantábrico

Monte de "Lombo pequeno" (1027 m snm)

Aldea de  Montouto (Abadín)


Típica poza da serra

    A pesares de estarmos xa de pleno inverno as duras rás vermellas encheron xa cos seus ovos as charcas da montaña. Eu teño visto posturas baixo capa de xeo ou mesmo sobre neve!

Posturas de rá vermella (Rana parvipalmata)
  
Ademáis doi bilurico de ás negras apareceu outra sorpresa perto do Lombo Pequeno: un millafre real (Milvus milvus) ao que case collo pousado nunha estaca (levantouno un carro de Norvento que pasou rápido xusto antes de que chegase eu).

Millafre real (Milvus milvus)

 Precisante esta rapina e a limícola mencionada son especies cada vez máis doadas de ver en terras galegas durante o inverno. Non hai tanto a súa presenza estaba restrinxida a certos pontos da provincia ourensá. Agora están presentes de maneira regular na provincia luguesa (a rapina) e certos humidais litorais (o bilurico). Cambios de fauna en positivo. Algún hai.

Millafre real (Milvus milvus)

 E así rematamos este post do 28 de decembro. Hoxe coa única brincadeira da cobiza do PP e as mafias enerxéticas que, logo de arrasar os mellores montes galegos colaborando no ECOCIDIO do país, esixen agora máis sitios para instalar máis eólicos. Olé sus huevos! Eses si que están de broma, e non só o día dos Santos Inocentes.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos