En outubro dou por comezada a temporada de acuáticas invernantes. Hoxe ao saír do traballo achegueime pola ribeira sur da ría de Ferrol, onde fixen paradas en Neda, San Valentín, Maniños, O Seixo e O Baño.
Intermareal en Neda
Poño a listaxe de aves máis interesantes observadas neste tramo de ría:
- 2 Asubións comúns (Mareca penelope) nunha zona pouco común coma é a enseada do Seixo (Mugardos). Son máis habituais no fondo da ría
- 305 Lavancos reais (Anas platyrhynchos)
- 7 Píllaras reais (Charadrius hiaticula)
- 6 Pilros comúns (Calidris alpina)
- 10 Biluricos das rochas (Actitis hypoleucos)
- 3 Gaivotas de cabeza negra (Icthyaetus melanocephalus)
- 3 Gaivotóns atlánticos (Larus marinus)
- 2 Cullereiros comúns (Platalea leucorodia). Un ave elegante e espectacular que xa forma parte da ornitofauna habitual na nosa humilde ría
- 1 Águia pescadora (Pandion haliaetus). Aplíquese o ponto anterior. Outra especie regular agora. Se nolo contan hai corenta anos...
- 2 Picapeixes (Alcedo athis)
- 2 Lavandeiras reais (Motacilla cinerea). Podían ser exemplares europeos invernantes ou autóctonos reprodutores na propia ría (crían en varios pontos próximos á ribeira)
Asubións comúns (Mareca penelope)
Canon SX70 focal 1365 mm equiv ISO:100 V:1/800 F:6,5
Desta volta levaba a pequerrecha (Canon SX70), que foi moi útil debido á enorme distancia a que estaban todas as aves. Os asubións achegáronse algo.
Asubións comúns (Mareca penelope)
Canon SX70 focal 1365 mm equiv ISO:100 V:1/800 F:6,5
Píllaras reais (Charadrius hiaticula) e pilros comúns (Calidris alpina)
Gaivotóns atlánticos (Larus marinus) e patimarelas
Gaivota de cabeza negra (Ichthyaettus melanocephalus) entre patimarelas
Cullereiro común (Platalea leucorodia)
No caso da águia pescadora a distancia era extrema (e con mala luz, ademáis). Houbo que recurtar moito e deixar certos parámetros á Intelixencia Artifical do Lightroom, que é máis lista ca min.
Aguia pescadora (Panion haliaetus). Distancia: uns 500 m
Canon SX70 focal 1365 mm equiv ISO:100 V:1/500 F:6,5
Ben, unha mostraxe rápida mas proveitosa, con algunhas citas interesantes. Nuns días chegarán os primeiros mergullóns de pescozo negro e, máis tarde, as mobellas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos