Seguidores e seguidoras

domingo, 27 de outubro de 2024

27/10/2024 Control de invernantes na ría de Ferrol

 Esta mañá facía unha nova visita ao sector sur da ría de Ferrol (zona Fene-Mugardos), que estaba parcialmente cuberta de néboa.


Enseada do Baño (Mugardos)

  Quería saber se xa chegara algún mergullón de pescozo negro (Podiceps nigricollis) así que visitei os seus lugares favoritos, con resultado cero. Os primeiros grupiños adoitan verse por novembro mas desde finais de setembro xa se pode ver algún exemplar solitario.

Embarcación no Seixo (Mugardos)
OM-1 + Panasonic 14-42 mm f:5,6    ISO:200   V:1/1000   F:8

    Nos últimos anos as cifras de lavanco real baixaron bastante no fondo da ría. Sen embargo semellan estar a medrar noutras zonas, como a enseada do Baño ou A Malata. Alomenos é a miña percepción logo de ter censado a ría moitas veces para a SGHN (e para min).

  Hoxe contaba o seguinte nesta recollida enseada de Mugardos:

  • 115 Lavancos reais (Anas platyrhynchos)
  • 3+ Biluricos das rochas (Actitis hypoleucos)
  • Unhas poucas gaivotas comúns (Larus michahellis/fuscus)
  • 4 Garzas brancas "grandes pequenas" (Egretta garzetta), que é como aparece aínda en ebird. Lembrade correxer iso, xente.
  • 10 Garzas reais (Ardea cinerea)
  • 1 Picapeixe (Alcedo atthis)

 Logo achegueime até Maniños e Barallobre (xa no concello de Fene), onde tampouco había moita cousa, así que enredei coa fotografía.

Gaivota chorona (Chroicocephalus ridibundus) e carrán cristado (Thalasseus sandvicensis)
OM-1 + Zuiko 100-400 f:6,3   ISO:200    V:1/1000     F:6,3

Gaivota chorona (Chroicocephalus ridibundus) e carrán cristado (Thalasseus sandvicensis)
OM-1 + Zuiko 100-400 f:6,3   ISO:200    V:1/1000     F:6,3

Carráns cristados (Thalasseus sandvicensis)
OM-1 + Zuiko 100-400 f:6,3   ISO:200    V:1/800     F:7,1

Lavandeiras brancas (Motacilla alba)
OM-1 + Zuiko 100-400 f:6,3   ISO:200    V:1/400     F:6,3

Paisaxe da ría de Ferrol (Navantia-Fene ao fondo da imaxe)
OM-1 + Panasonic 14-42 mm  f:5,6   ISO:200   V:1/800    F:9

   Unha mañá algo máis longa do habitual grazas ao cambio de hora nesta madrugada, logo de estar medio ano con esa aberración que supón vivir dúas horas de desfase respeito ao que di o meridiano 8º oeste: que Galiza debera ter o horario de Portugal e Canarias. Fixádevos que segundo Meteogalicia, o orto de onte en Ferrol foi ás 9,00 h. Agora só estaremos unha hora desfasados, até marzo. 

    Termino agradecendo a Cosme Damián Romay Cousido o seu laborioso traballo para que en ebird teñamos disponíbel xa a nova listaxe de nomes comúns galegos. Cónstame que lle deu moito choio. Un abrazo, máquina.

1 comentario:

  1. Grazas Xabi! Si, deu choio, unha vez que o CSV "padrón" tiña uns campos que había que encher con moito coidado, sen erros. E así e todo, houbo esa gralla parva de "garza branca grande pequena", que non me explico como se puido coar. Desculpade por iso... Non meto demasiadas cousas en eBird, así que este é o meu gran de area para facer mellor esa plataforma de ciencia cidadá. Unha aperta, Damián

    ResponderEliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos