Se onte tocaban números hoxe imos con fotos dos nosos mergullóns favoritos. Esta mañá fixen unha visita rápida e atopaba un grupiño de 5 exemplares en Maniños. Tampouco "barrín" a zona, así que podían estar os 29 individuos observados o sábado.
Mergullóns de pescozo negro (Podiceps nigricollis)
Nikon P950 focal 1400 mm ISO:800 V:1/400 F:6,3
Nestes momentos todos os exemplares mostran parte da plumaxe nupcial. Algúns apenas uns indicios, outros téñena case completa. En calquer caso é un espectáculo que únicamente podemos ollar na Galiza durante os meses de febreiro e marzo. Cando volten por novembro xa virán coas típicas cores branco-pretas que mostran de invierno. Quizá nun futuro próximo podamos ter algunha parella reprodutora en lugares coma Cospeito, Castro de Lea ou A Limia, bastante semellantes aos humidais onde os vin a nidificar por terras mesetarias.
Mergullóns de pescozo negro (Podiceps nigricollis)
Nikon P950 focal 1500 mm ISO:1600 V:1/400 F:6,3
Hoxe os mergullóns estaban perto e cunha luz bastante boa, aínda que escasa para o sensor da P950. Aínda por riba estaba a probar o disparo en JPEG. Quería probar varios parámetros (o modo vívido famoso ou a redución de ruido automática desde o procesador da cámara).
As imaxes quedaron bonitas porque os bichos o son, mas tendo sido en RAW habían quedar moitísimo mellor. Primeiro porque os arquivos sen comprimir permiten un recurte moito meirande. Por outra banda manexando ISO´s tan altos (1600 nun sensor 1/2,3" é moitísimo) a redución de ruido debera ser manual desde o Lightroom para conservar detalle. Penso que a redución de ruido "alta" come demasiado nesta cámara.
Mergullóns de pescozo negro (Podiceps nigricollis)
Nikon P950 focal 1500 mm ISO:1600 V:1/400 F:6,5
O caso é que os mergullóns están ben fermosos.
Mergullóns de pescozo negro (Podiceps nigricollis)
Nikon P950 focal 2000 mm ISO:1600 V:1/400 F:6,5
Agora haberá que esperar a ver cando deciden marchar. Mágoa que non teñamos con eles algún real (Podiceps auritus); unha especie moito máis rara de ver que adoita chegar a Ferrol só cando hai grupos grandes de nigricollis. Outro ano será.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos