Seguidores e seguidoras

xoves, 6 de febreiro de 2025

06/02/2025 Mobellas (Gavia spp) na ría de Ferrol

 Hoxe ao saír do traballo fun directo ao meu local patch da ría de Ferrol. Nada máis chegar ao embarcadeiro de Maniños (Fene) avistaba dúas mobellas (Gavia spp) que nadaban perto do Seixo (Mugardos). Tomei unhas fotos testemuñais que serven coma documento e pouco máis. A P950 ten unha focal de 2000 mm pero é que as mobellas estaban a máis de 2 Km segundo o SigPac.

Mobella grande (Gavia immer), á esquerda, e probable ártica (Gavia arctica), drta.

    Tiven que recurtar as fotos moitísimo mas penso que a identificación da mobella da esquerda non ofrece moita dúbida, semellando claramente unha grande, que eu xa observara brevemente aló por decembro. Non fora unha observación clara (non subín a cita a ebird) mas por jizz tiña pinta.

Mobella grande (Gavia immer)

  Sen embargo, a mobella da dereita parece ter outra estrutura e coloración. Logo de ollar varias fotos penso que se trata da mobella ártica xa observada en varias ocasións por outros colegas. Foi unha mágoa non dispor do telescopio, que agora non levo case nunca cando bicheo pola ría de Ferrol.

Posíbel mobella ártica (Gavia arctica)

Posíbel mobella ártica (Gavia arctica)

  En canto saquei as imaxes de rigor marchei pitando para O Seixo a ver se podía confirmar as observacións mas cando cheguei resultou imposíbel relocalizalas. Únicamente vin corvos mariños cristados (Gulosus aristotelis), que sumaban un total de 15 individuos.

  Por outra banda, os mergullóns de pescozo negro xa comezaron a muda e algúns xa amosan a coloración nupcial na cabeza. Se alguén de vós quere velos coa plumaxe nupcial aproveitade agora que axiña han marchar, aínda que algún ano fican até primeiros de marzo.

Mergullóns de pescozo negro (Podiceps nigricollis)

 Ben , este ano custou máis do habitual mas finalmente apareceron as mobellas, unha das familias de acuáticas máis destacadas de entre as que invernan na nosa modesta ría. Outras xa resultan máis comúns, como estes dous gaivotóns fotografados no Seixo:

Gaivotóns atlánticos (Larus marinus)
Nikon P950  focal 2000 mm  ISO:200    V:1/400     F:6,5

Panorámica desde O Seixo (Mugardos). Ferrol ao fondo dereita
Nikon P950  focal 35 mm  ISO:100    V:1/400     F:5,6

Enseada do Seixo (Mugardos)
Nikon P950  focal 35 mm  ISO:100    V:1/400     F:5,6

 Vémonos na próxima entrada. Quizá toque un sitio "potente".

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos