Penso que todos os naturalistas, independentemente das viaxes que poidamos facer, temos unha lista de espazos naturais próximos e favoritos. Lugares aos que chegar en quince minutos ou media hora en carro desde casa. No argot paxareiro emprégase o termo inglés de "local patch". Un termo difícil de traducir e que por iso manteño na língoa de Shakespeare.
Ún dos meus local patch foi o encoro das Forcadas, en Valdoviño. Un encoro que está agonizando debido a unha morea de factores de todo tipo. Este ano, a maiores, a seca.
Enseada do Pereiro completamente seca
Xa comentei que a observación naturalista é cada ano máis complicada neste humidal. Básicamente debido a :
- Proliferación de vexetación arbustiva que impide a visión desde lugares onde dispuñas dunha boa perspectiva para censar acuáticas
- Abandono de pistas e corredoiras que accedían ao encoro, actualmente impracticábeis se non vas cun machete ou unha fouciña
- Instalación masiva de pastores eléctricos en prados polos que antes podías acceder
- Aparición de especies invasoras como Procambarus ou Velutina, que causaron unha caída brutal na biodiversidade
- Verquidos procedentes de granxas que provocaron unha alarmante eutrofización
- (Secundariamente). Actividades recreativas coma pesca e deportes acuáticos de remo ou vela, que tamén xeneran molestias á avifauna e á flora (son testemuña).
Cola de Vilaboa
Se tedes curiosidade podedes chusmar a miña listaxe de hoxe. Feita únicamente na ponte da enseada do Pereiro. Non tiven ánimo para máis.
A salientar a exótica aparición de tres ibis mouros na cola de Vilaboa. Supoño que gostarán do cangrexo vermello, ou non se entende.
Ibis mouros (Plegadis falcinellus). Toma documental
Para acabar de anoxarme non se me ocorreu outra cousa que volver pola Frouseira. Non lembraba o da valla maldita ata que volvín a vela.
"Cousas veredes". Óleo sobre lenzo anónimo
O sentido deste despropósito podemos razonalo únicamente tal que así:
"- Non podemos multar aos infractores porque perdemos moitos votos dos propietarios caninos. Pero podemos construir unha valla de madeira, que non serve para nada pero mola, e quedamos de fruta madre. Ademáis damos ganancia a un amigo que ten unha empresa de carpintaría".
Ás veces pregúntome que terei feito nunha vida anterior para merecer todo isto.






Ningún comentario:
Publicar un comentario
Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos