Seguidores e seguidoras

jueves, 7 de agosto de 2014

Arroases (Tursiops truncatus) dentro da ría

  Como cada verao, os Arroases (Tursiops truncatus) achéganse máis á costa, coincidindo coa presenza dos bancos de Sardiña. Nestas alturas é doado velos moi perto dos bañistas en calquera praia ferrolá, especialmente se hai neboeiros e non vai vento. Tamén é cando resulta máis habitual velos no interior da ría.


    Nesta mañá tan gris coma o meu estado de ánimo, avistaba un grupo de 5+ Arroases. Nalgunhas publicacións recóllese o nome de "Arroaz". Isto débese, penso, a que nas localidades máis norteñas do litoral galego non existe ningunha forma de seseo, nin explosivo (intersilábico) nin implosivo (a final de palabra) e, digamos, conservan a pronuncia "-z". Sen embargo, na maior parte do noso territorio temos algún tipo de seseo (en Ferrol é o implosivo) e por iso este "-z" final pronúnciase coma "-s".

  Entre os adultos avistados esta mañá frente ao peirao do Seixo (Mugardos), observei cando menos unha cría de pequeno tamaño. Normalmente os grupos están formados por unha ou varias deceas de exemplares. Esta especie de golfiño non é tan gregario coma o Golfiño común (Delphinus delphis), que é moito máis peláxico tamén (de feito eu só o teño visto ou navegando en alta mar ou varado na costa).

Arroás real (Tursiops truncatus)

    Antes daba unha volta pola ribeira de Neda. Alí existen os restos do que debeu ser un rico esteiro, bastante destrozado actualmente, pero que aínda ten o seu interese ornitolóxico (Pablo Pita sacaba unhas citas chulas de limícolas o ano pasado).  Busquei algún Tringa de bosque, pero non houbo sorte.


  E mirade que fermosura de cartaz. ¿Verdade que se entende ben?


  Pois non! Nada máis comezar a recorrer o sendeiro aparece unha tía cos dous cans soltos. Por motivos meramente didácticos cara os lectores de Bichos comenteille educadamente o do cartel para ver cómo reaccionaba. Ben, pois a desculpa neste caso é que pensaba que a proibición "sólo se refería al aparcamiento". Tócate los ovarios...
   Cada caso ofrece unha desculpa diferente: "non o vín", "mi perro me hace caso", "el caso es prohibir", "a lei non dí iso", "é a primeira vez que o escoito", "si tú ni siquiera eres de Valdoviño", "no voy a dejar de pasear por unos pajaritos" , etc, etc . Só hai unha constante inmutable que comprobei empíricamente ao longo dos anos:  NINGUÉN VAI FACER CASO. NUNCA!!

 Non é un problema de información nin de educación. Simplemente, saben que a forza pública non os vai sancionar nunca por incumplir a norma neste puto país. Dálles igual o que se lles "informe", e o que non o vexa está cego.

  Volvendo á temática principal de este blogue, un Mergullón pequeno (Tachybaptus ruficollis) descansaba nunha canle e deume que pensar. Supoño que será un adulto en dispersión dalgunha localidade cercana de reprodución. A priori non coñezo lugares axeitados para a nidificación por alí cerca, pero...

 Mergullón (Tachybaptus ruficollis)

 Un Pentumeiro (Melanitta nigra) nadaba pola enseada de Maniños. Durante o inverno visítannos maiormente femias e xóvenes, pero en Agosto e Setembro pasan bastantes machos adultos pola nosa costa. Este exemplar debe ser un individuo migrante que parou a repostar nas augas da ría.

Pentumeiro común (Melanitta nigra)

   Nos intermareais, centos de gavivotas choronas dan algo de "vidilla" ao lugar. Polo medio sempre aparecerán outros láridos habituais, como o Carrán cristado (Sterna sandvicensis).

 Carráns (Sterna sandvicensis) entre gaivotas choronas

  Na praia de San Valentín, en Fene, as primeiras tres Gaivotas cabecinegras (Larus melanocephalus) da temporada.

Gaivotas cabecinegras (Larus melanocephalus)

  Agora xa mostran a plumaxe de inverno prácticamente completa. É unha mágoa, porque coas galas de verán a cabecinegra é certamente un ave moi fermosa.

 Déixovos.

4 comentarios:

  1. Non sei se a carriceira que hai xunta da estación do tren de Neda sería apropiada para a nidificación dos mergullóns. Parece que ten algunhas pociñas na zona traseira.

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Coñezo esas canaveiras (teño escoitado Rascón alí). Haberá que mirar esas pociñas a ver se aínda existen, que esa é outra.

      Eliminar
  2. Ola Xabi. Pois vaia casualidade que coincidíramos nas nosas entradas falando desas diferenzas entre as formas locais deses nomes: arroaz vs arroas ou mazcato vs mascato. Interesantes estas diferenzas.

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Desde logo é tempo de arrases. Xa sabes: "Por San Xoán o arroás molla o pan" (ben, non era así o refrán, pero tamén se entende, ja, ja)

      Eliminar