Seguidores e seguidoras

xoves, 28 de agosto de 2014

Calidris alba a toda velocidade

  Esta tarde pasaba pola Praia dos Botes nunha visita breve. Por motivos de saúde quero que ese lugar recupere o simbolismo únicamente ornitolóxico que unha vez tivo para min.


     Finalmente quedou unha tarde bastante agradábel, mais non había xente apenas. Aproveitei para afotar as limícolas presentes.

Píllara real (Charadrius hiaticula)

   Tiña ganas de fotografar ben os inquedos Pilros tridáctilos. Gosto dos desafíos, así que deixei na casa a reflex e levei só a SX50. Despois das aves en vó, por suposto, conxelar o rápido movimento desta limícola é unhas das maiores dificuldades que coñezo se a afrontamos cunha económica cámara bridge, tal como é a miña SX50.


    Pero hoxe había moi boa luz e iso permitíume lograr unhas imaxes máis propias dun equipo reflex que dunha compacta (xulgade vós). Todo é cuestión de velocidade con estes personaxes.
 Comecei con 1/320 ou 1/400 seg... e foi un desastre. Coas limícolas alimentándose en modo "alta velocidade", todas as fotos saíron máis movidas que o pulso da Duquesa de Alba. Así que decidín subir a velocidade ata o máximo posíbel, sen saírme dun ISO moderado (125-200). E vaia se se notou!


      Mesmo cando os pilros metían o peteiro na area con eses espasmódicos movimentos a imaxe quedaba nítida dabondo.


  Penso que hai poucas limícolas tan representativas das praias galegas coma o Pilro tridáctilo, omnipresente ao longo do ano todo.

Pilro tridáctilo (Calidris alba)

    Case todas as fotos foron a 1/1000 seg, con ISO 80-160 e apertura de F 5,6 ou F 6,5. Lembrade que disparo en RAW, así que non dispoño de refacho ("ráfaga"), unha prestación imprescindíbel na fotografía de aves activas, na miña humilde opinión. Pero con moita vontade e moita paciencia pódese compensar esta importante limitación técnica, como vedes.


    Superada a fase inicial de capturar imaxes básicas da especie (fotos tipo guía, digamos), agora busco motivos que fagan as capturas máis interesantes e dinámicas. Pero aínda estou moi verde nestas cousas. E non é doado para min co enfoque e velocidade tan lentos dunha bridge.


   Aínda que debemos recoñecer que hoxe as aves colaboraron moito co fotógrafo. Houbo momentos en que tiña que reducir o zoom porque se me saían do encuadre, do cerca que estaban os pilros. Pero iso tamén engade maior dificuldade aínda, porque non das atinado co enfoque.



    Como dixen un día, non hai mellor lugar para afotar "limis" que a Praia dos Botes. Ata un zoquete coma min cun cacharro de 300 euros tira estas fotazas. Imaxinade o que farían alí os fotógrafos bós con equipos potentes!!

  Comeza Setembro. Ide aos Botes, xente!!!

3 comentarios:

  1. Hola Xabi
    Este sábado me pasé por allí un ratillo, seguía más o menos la misma fauna.
    Que bonitos son os alba ...
    En media hora sentadiño me fartei de sacar fotos. Si puedes, date un paseo por jugandoconcristales
    Apertas

    ResponderEliminar
  2. Joder vaya mezcla de castellano y galego. Es lo que tiene escribir aprovechando momentos en el curre.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Tranquilo, home, que non pasa nada. E xa te comentei no blogue
      Unha aperta

      Eliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos