Seguidores e seguidoras

domingo, 16 de febreiro de 2014

Merlo rieiro (Cinclus cinclus), unha xoia ornitolóxica do río Xubia

 Vén sendo unha tradición a busca dos primeiros indicios da Primavera nestas alturas do inverno. Todos estamos cheos xa de chuvia, de vento e de escuridade. E buscamos a luz. Pero cando saía de casa con 3º C  fóra da cidade e uha fría chuvia, a cousa non prometía moito.
  Hai exactamente un ano (preme) facía unha visita ao río Xubia, na parte que discorre por Pedroso (Narón). Daquela o río xa viña crecido, pero hoxe viña aínda moito máis.


   O Outono é a estación máis chuviosa por aquí (iso de "En Abril aguas mil" aplicado a Galiza é unha soberana estupidez; ún dos exemplos máis lamentables de abducción cultural, pois non ten máis fundamento que a colonización idiomática que padeceu este país). E este ano tivemos, como se dixéramos,  dous outonos seguidos. Para que vos fagades unha idea.
  Vamos, que estamos de auga ata os mismísimos güebos!

Veigas asolagadas en Doso (Narón)

  Mires onde mires, todo está húmedo, encharcado. E o río baixa con ansia, mesmo fóra de cauce nalgún tramo.

Río Xubia en Pedroso (Narón)

   Esta mañá fun visitar un "matrimonio" coñecido que vive en Pedroso. Son os Merlos rieiros (Cinclus cinclus), un ave espectacular e asombrosa, que mantén unha boa poboación reprodutora neste río da comarca ferrolá. Ía visitar outro matrimonio da zona, pero o tempo era moi limitado; cousas de atender unha persoa dependente (outra vez será, Víctor, ti garda esas cervexas)


   O merlo rieiro é un nidificante moi madrugador. En Febreiro, escóitanse os cantos dos machos (xa vos dixen que me lembran bastante á voz chasqueante e tartamuda da Folosa grande). E os dous membros da parella están entregados agora á tarefa da reconstrución do niño.


   Un niño que estará, habitualmente, situado baixo unha ponte fluvial.


   Hoxe estiven a observar durante un bon rato aos dous membros da parella mentras carrexaban unha e outra vez material para construción. Musgos, as máis das veces. Nalgunha ocasión sacaban restos do niño vello, ou iso me pareceu. As condicións de luz a esas horas non permitían moitas alegrías fotográficas (velocidades relativamente lentas para esa focal e ISO medio). É o que ten dispór de só tres ou catro horas de bicheo a primeira hora da mañá.


  Cun pouquiño de coidado, fun achegándome ata unha distancia prudencial. Nalgún momento, ún dos merlos, supoño que o macho, saía á ribeira a "marcar paquete". Debido ao ruido tan forte que producen os rápidos do río non se escoitaba case nada, pero supoño que botou unhas cantadas.


  Pero o primeiro é o primeiro. Veña viaxes con poliñas e musgos.
   Mmm... non hai moros na costa...


     ...para adentro!


  Nas pasadas xornadas sobre humidais en Ribadeo, desfacíame en eloxios cara esta ave. Non é para menos. Pensade o difícil que debe ser para un paxaro camiñar polo leito fluvial, agarrandose ás pedras do fondo, mentras a forza da auga o impulsa cara arriba debido ao colchón de aire que garda entre as plumas (Arquímedes algo sabía do tema). Ademáis falamos dun bio-indicador moi importante. O Merlo rieiro aliméntase de larvas de tricópteros e outros insectos que teñen a fase larvaria na auga, así que a súa presenza indícanos que estamos nun río cunha boa calidade das augas.

Merlo rieiro (Cinclus cinclus)

  Comezaba a quentar o sol (milagro!) e a luz recordábanos o ben que senta cando fotografamos aves nun río galego. Pero o meu tempo remataba, e tampouco quería molestar máis á parella de Merlos rieiros. Dentro dunhas semanas haberá tempo para observalos mentras alimentan á súa prole e voan con bicada no peteiro.

 Antes de recoller, tiven tempo a botar unha visual pola zona, buscando novidades primaverais.

  Un macho de Lagarta galega gabeaba pola cortiza dun Eucalipto, buscando o sol coma quen ansía o ar para respirar. Comparade coas cores moito máis vistosas que tiña un exemplar o ano pasado no mesmo sitio(aquí).

 Lagarta galega (Podarcis Bocagei), macho

Tamén se animou un xoven Lagarto das silvas (ou Lagarto-de-água, coma dim os nossos irmâos portuguesses, ainda que polo Norte a espécie nom é tam dependente da proximidade da água)


 Lagarto das silvas (Lacerta schreiberi), macho xoven


Hábitat típico de Lacerta schreiberi en Ferrolterra

  Nas marxes destes camiños temos máis síntomas da Primavera. As flores azuis da Herba das doas (Lithodora prostata) aparecen a miúdo en valados e bordes de mato seco e floresta orientados ao sur. Onde atopedes esta pranta, da familia das "boraxináceas", podedes ter a certeza de que non ha de andar lonxe o Lagarto das silvas. Alomenos polo norte do país.

Herba das doas (Lithodora prostata)

   Pola contra, en lugares máis húmidos e frecuentemente sombrizos, serán as flores amarelas do Cáncaro (Primula veris) as que nos animen un pouco a vista, tan necesitada de cor e luz logo de soportar o gris e chuvioso inverno galego. Bravo polo Cáncaro!!

Cáncaro (Primula acaulis/vulgaris)

  Por certo, todas as fotos deste post foron tomadas co mesmo obxectivo. Unha comodidade exclusiva das cámaras bridge que agradecerán moito aqueles que se adiquen a algo máis que a "pajarear".


8 comentarios:

  1. Vexo que non esqueciches das ubicacións que che dira para o tramo baixo.
    Esa é un clásico inmortal ¡¡¡
    Cando vexas dámoslle unha virada ás da zona alta e ás do Castro.
    Por certo, como podes ver a praga dos ameneiros segue a facer das súas. Soamente hai que ver a madeira que hai acumulada na presa.
    Esperarán a que estea o río totalmente despoboado para tomar algunha medida. Iso si, este anos se tal prohibirannos de novo plantar ameneiros novos na ribeira ...

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Temos que dar esa volta Eloi. E si que flipei coa cantidade de restos de troncos, polas e ramallos que había no río!! Tremendo. Non puxen fotos por aquilo da falta de espazo, pero tiña unhas cantas. Moito vai haber que limpar..

      Eliminar
  2. Dá gusto ver hérpetos activos e as primeiras flores a florear. As abellas que pastoreamos (agora adicámonos tamén ás abellas, non vaia ser que nos aburramos) xa están activas e traendo pole. Iso si, aqui no interior aínda lle fai falla un pouco máis de calorciño, aínda que se agradece por fin un día de sol entre tanta choiva.
    Apertas,
    Martiño

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. ¿Comoooorrr? ¿Non me digas que agora tedes abellas no Courel? Pois, "así como quien no quiere la cosa", que saibas que o mel encántame!! Con dez ou doce quilos chégame, ja, ja..
      Un abrazo, Martiño.

      Eliminar
  3. Moi bonita entrada. As fotos dos merlos e dos hérpetos gustáronme moito, e poder ver esas flores, despois de ter onte un día de tregua, ata anima e todo, a que a primaveira chegue dunha maldita vez.
    Apertas.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Graciñas, Inés. A verdade é que teño moitas ganas de practicar fotografía macro. Máis agora que lle vou dar ás libélulas. O das aves está moi ben porque sempre hai, independentemente do tempo que faga e da estación. Pero a min o que me gosta de verdade é ver os bichos da terra. O que naceu aqui.

      Eliminar
  4. Boas Xabi...só pra correxir un despiste..non é unha Primula veris, bastante máis rara e serodia, senón Primula vulgaris. Unha aperta.
    Rafael de Ao noroeste do Noroeste.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Moitas grazas pola corrección, Rafa. Xa me soaba raro a min, carallo. Acabo de averiguar a causa do despiste (cousas das presas). Resulta que na guía de X.R.García, a foto da vulgaris está xusto a carón do texto da veris. Eu mirei a foto e de modo automático asociei co texto adxunto. Como digo andaba con bastante presa para publicar e non me parei.
      Un abrazo, Rafa.
      PD: Xa me soplou un pilro de Ortigueira que andabas moi "atarefado" últimamente. Imaxino que por iso tes o blogue tan abandoado...O primeiro é o primeiro.

      Eliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos