Seguidores e seguidoras

mércores, 6 de xaneiro de 2016

Mascatos na ría de Ferrol

 Onte mesmo avisaba Damián en Galiciaves da entrada de Mascatos en rías e portos grazas aos fortes ventos de NW que houbo estes días e recomendaba a visita a estes lugares na busca de peláxicas. E hoxe mesmo cumpríanse as súas predicións na ría de Ferrol.


  Nunha visita de control puiden confirmar a presenza dun mínimo de 5 Mascatos (Morus bassanus) na zona central da ría, entre O Seixo e a cidade de Ferrol, onde estiveron descansando, voando e pescando parte da mañá.



    A ría de Ferrol é unha ría de tamaño medio, bastante profunda e moi pechada na súa bocana, como se aprecia na imaxe. Por ese motivo as aves mariñas e peláxicas non adoitan entrar, aínda que sempre se pode ver algún arau (Alca torda ou Uria aalge).
  Sen embargo os fortes temporais que azoutan a costa durante o inverno permiten a aparición de especies pouco frecuentes o resto do ano. Así, logo do famoso "Klaus" a nosa ría converteuse nun refuxio temporal para aves peláxicas como Gaivotas anana (Larus minutus) e Hiperbórea (Larus hyperboreus), Paíños gallados (Oceanodroma leucorhoa) ou Falaropos (Phalaropus fulicarius), especies todas elas que puiden observar o 24/01/2009, xusto despois do paso do famoso ciclón.

Ría de Ferrol (en vermello, zona de avistamento dos Mascatos)

   A pesares da chuvia, da escasa luz e da enorme distancia puiden tomar unhas imaxes testemuñais. Facía anos que non avistaba Mascatos dentro da ría, aínda que é un ave moi abondosa fóra dela.




 Mascato (Morus bassanus) coa cidade de Ferrol ao fondo

  Ademáis aproveitei que os Mergullóns estaban moi concentrados para realizar un conteo, que quedou en só 38 exemplares, a cifra máis baixa dos últimos anos. Non creo que haxa variacións na cifra final para os censos, que empezan esta mesma fin de semana

Bando de Mergullóns de pescozo negro (Podiceps nigricollis)

  E mañá toca auga, auga e máis auga. É tempo dela.

2 comentarios:

  1. Ola Xabi!

    Resúltame curiosa esa ausencia e consideración de case rareza da presenza de mascatos no interior da ría. Tan escasos son como comentas? Nas rías de Coruña e Betanzos vense ata moi adentro da ría de maneira moi habitual en calquera tipo de circunstancias. A estreiteza da boca da ría de Ferrol terá que ver, supoño, aínda que faise igualmente raro que non entren nada.
    Aperta e parabéns polas observacións!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. E podes quitar o "case", macho. Para que te fagas unha idea, levo 26 anos traballando na Bazán (o estaleiro que se ve ao fondo nas fotos)e así a bote pronto non recordo observacións da especie desde os peiraos da factoría. Se acaso co Klaus, pero non estou seguro.

      Esta ría é moi pechada, nada pero nada que ver con calquera outra gran ría galega. Non só pola estreitez da bocana senón polos montes que a dominan a un lado e a outro, con cotas de 200 m. de altitude a moi escasa distancia da propia bocana. Por iso resulta un auténtico tapón para as aves mariñas.
      A riqueza relativa en acuáticas hai que entendela pola escasa distancia que separa os intermareais de Neda da lagoa de Valdoviño (menos de 10 quilómetros en liña recta). A migración polo val de Narón semella unha boa opción como rota principal para limis e anátidas. De feito, ¿sabes onde vin o meu primeiro bando de limícolas? Pois precisamente neste val, aló polo ano 85 (un bando de phaeopus, por certo).
      Unha aperta Sergio.

      Eliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos