Pois non había mellor regalo de reis para os ornitólogos locais que a apertura da lagoa da Frouxeira, que empezaba a ter un nível hídrico demasiado alto.
Hoxe, cando voltaba de censar a ría de Cedeira, fixen unha brevísima parada para ver o estado da canle, que estaba recén aberta:
Non había escavadoras nen rastros delas e ademáis a canle está aberta pola zona Oeste da barra, lonxe do trazado oriental que é o que sempre abren os da Xunta. Así pois ten toda a pinta de que foi outra apertura espontánea, que son as que máis rápido baleiran o humidal.
Lóxicamente é unha estupenda nova para os que imos censar a lagoa, pois o baleirado favorece a biodiversidade e facilita enormemente os conteos de acuáticas. As limícolas agradecerano especialmente, que agora teñen un refuxio seguro para escapar da peste canina que converteu a praia nun lugar hostil para a vida salvaxe.
O prognóstico meteorolóxico para mañá é ben malo, polo que quizá haxa que adiar o censo, pero quen vaia á lagoa de seguro que non se aburrirá.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos