Onte aproveitei unha viaxe persoal a Cariño para facer outra parada na ría de Ortigueira. En Mera levei unha agradábel sorpresa: por fin limparon a ribeira de acacias e fiuncho. Agora volvemos ter unha boa panorámica para poder censar de novo a enseada.
No porto de Ortigueira atopeime con Álvaro Fdez. Polo, Euloxio Ben, Luis Salaverri, Pipo Sierra e Andrés Saavedra (os dous últimos chegados de Pontevedra). Cando estás con outros colegas as distraccións son maiores (sobre todo se comezo falar de cámaras bridge!). Ademáis as aves estaban moi lonxe e a luz era criminal, así que pouco puiden contar. Poño o censado alí coa baixamar:
- 43 Patos cullereiros europeos (Spatula clypeata)
- Centos de patos asubiadores comúns (Mareca penelope)
- 28 Píllaras cincentas (Pluvialis squatarola)
- 134 Fuselos de rabo pinto (Limosa lapponica)
- 93 Fuselos de rabo negro (Limosa limosa), moitos con plumaxe nupcial completo. Semella que xa marcharon algúns
- 46 Biluricos de patas verdes (Tringa nebularia)
- 101 Biluricos comúns (Tringa totanus)
- 2 Aguias pescadoras (Pandion haliaetus)
Despois outro exemplar (ou quizá o mesmo) achegouse para rebulir entre as pedras da ribeira, onde capturan peixes pequenos como lábridos, por exemplo. Segue a fascinarme a enorme adaptación deste mustélido aos hábitats que ocupa, escollendo presas do máis variado dependendo se vive en augas doces estancadas, fluviais ou estuarinas: anguías, muxes, sollas, lábridos, cangrexo vermello, anfibios, aves acuáticas,..(observado todo persoalmente agás os anfibios, citado en bibliografía).
E co noso carnívoro acuático máis famoso rematamos por hoxe.