Seguidores e seguidoras

domingo, 19 de febrero de 2023

Agromando a primavera

 Falta máis dun mes para o inicio oficial da primavera; porén a Natureza non entende de calendarios e este ano semella querer adiantala. De feito en todo o mes de febreiro non choveu nen un só día en Ferrol e levamos unha semana con temperaturas máximas de 18 a 20 ºC. É tempo de comezar a observación de "bichos con escamas".

Lagartixa galega (Podarcis bocagei) femia

  Unha das mellores zonas de Ferrol para observar este tipo de fauna é a costa N da boca da ría, xunto cos montes do redor (ameazados pola peste eólica). 

Zona recomendada para a observación herpetolóxica

   Eran terras de toxeira atlántica, ucedal, brañas e penedías graníticas. Hoxendía a maior parte da superficie está invadida por eucaliptos, aínda que fican pequenos retazos coa vexetación que cobría estes montes hai 50 ou 100 anos. Tamén hai moita toxeira mesta e alta, bastante menos produtivas a nivel de biodiversidade que aquelas de porte máis baixo e con manchas de gramíneas, braña/ucedal, moito máis ricas en vida.

Monte "Coto do Gato" (241 m. snm) desde Santo Cristovo

Arredores de Santo Cristovo

    Esta semana tentaba atopar os primeiros lagartos arnais (Timon lepidus) nos lugares habituais: áreas de penedos, beiras solleiras das estradas e construcións en ruinas. De todos eses hábitats é altamente dependente o arnal por estas terras, no límite norte case da súa distribución galaica.

Hábitat característico de Timon lepidus no estremo norte galego


     Nestas alturas os lagartos arnais aínda conservan a pel vella do ano anterior que irán mudando até acadar unha completamente nova e máis chamativa aló por abril-maio. 

Lagarto arnal (Timon lepidus)

 As lagartixas galegas témolas moito mellor coñecidas, pois gozan dunha distribuición moito meirande na Comarca de Trasancos.

Parella de lagartixas galegas (Podarcis bocagei)

 A pesares das moitas que morren por predadores naturais, "artificiais" (gatos), lumes ou atropelos.

Exemplar atropelado

  Cambiando de tipo de escama, nos últimos días teño detectado unha forte emerxencia de bolboretas típicas da época, coma Vanessa atalanta, Pararge aegeria ou Gonepteryx rhamni.

Pavo real (Aglais io)

 Nas mostraxes que fixen onte e antonte pola zona de Santo Cristovo observei tamén moitos exemplares de saltóns de diferentes tamaños. Seguramente case todos da especie Locusta migratoria, como éste que fotografaba onte. 

Posíbel Locusta migratoria

    A todo isto, nestas dúas saídas empreguei o teleobxectivo Panasonic 100-300 mm F:5,6 xunto coa Olympus OM-1, unha combinación que de seguro empregarei en moitas máis ocasións, especialmente cando teña que facer camiñadas longas por aquilo de non iren moi cargado.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos