Este mediodía achegueime até o encoro das Forcadas pra me relaxar un pouco. Este encoro non é especialmente bonito, cheira mal, non dispón de paseos peonís e o acceso á ribeira resulta complicado. Por todos eses motivos está libre da peste mascotista.
- 4 Merguilletes comúns (Tachybaptus ruficollis). En descenso alarmante
- 0 Mergullóns cristados (Podiceps cristados). Desaparecidos desde hai tempo. Semella que a especie non soporta as augas eutrofizadas
- 2 Patos cincentos (Mareca strepera)
- 15 Lavancos reais (Anas platyrhynchos)
- 22 Cercetas comúns (Anas crecca)
- 4 Biluricos de ás negras (Tringa ochropus) no Pereiro
- 2 Biluricos das rochas (Actitis hypoleucos)
- 1 Gaivota de patas amarelas (Larus michahellis)
- 10 Corvos mariños reais (Phalacrocorax carbo)
- 4 Garzas reais (Ardea cinerea)
- 1 Garzota común (Egretta garzetta)
- 1 Picapeixe (Alcedo atthis)
As chuvias de setembro (133 mm recollidos na estación de Aldea Nova-Narón) humedeceron o campo e activaron os anfibios. Na mostraxe detectaba:
- Bastantes rás da veiga (Discoglossus galganoi) en herbazais e áreas pantanosas. Maiormente metamórficos e xuvenís
- 4 Estrozas (Hyla molleri) cantando desde silveiras próximas ao encoro
- + Rás verdes (Pelophylax perezi). Moi poucas. En declinio catastrófico
- 1 Rá vermella (Rana parvipalmata) deste ano
Máis produtiva foi a cousa no relativo a libeliñas. Bótanse de menos varias especies extinguidas desde que se eutrofizou, mas non houbo queixa na visita de ontes:
- 2 Gaiteiros azuis (Calopteryx virgo). Especie propia de augas correntes, aparece só na proximidade dos regatos que desembocan no encoro
- Unha parella de gaiteiros forestais (Chalcolestes viridis). Había anos que non vía ningún exemplar e foi unha alegría velos de novo
- Varios gaiteiriños verdescentes (Lestes virens). Ún dos odonatos que aguantan mellor o pésimo estado das augas de Forcadas
- Deceas de libeliñas de outono (Aeshna mixta). Un anisóptero abondoso nestas alturas do ano e que conserva unha boa poboación en Forcadas. Observadas parellas en tándem
- Deceas de lavacús estriados (Sympetrum striolatum). Moitas parellas copulando
- 5-10 lavacús sanguiños (Sympetrum sanguineum). Observadas tamén parellas en cópula