Seguidores e seguidoras

martes, 26 de septiembre de 2023

Tempo de libeliñas en Forcadas

    Este mediodía achegueime até o encoro das Forcadas pra me relaxar un pouco. Este encoro non é especialmente bonito, cheira mal, non dispón de paseos peonís e o acceso á ribeira resulta complicado. Por todos eses motivos está libre da peste mascotista. 


Panorámica do corpo central do encoro

  O nivel hídrico está moi baixo e xa desapareceron os "intermareais" dos que gostan as limícolas.

Cauce dun río no vaso do encoro

  Na visita cubrín aproximadamente o 75% do encoro e anotei as seguintes aves acuáticas:
  • 4 Merguilletes comúns (Tachybaptus ruficollis). En descenso alarmante
  • 0 Mergullóns cristados (Podiceps cristados). Desaparecidos desde hai tempo. Semella que a especie non soporta as augas eutrofizadas
  • 2 Patos cincentos (Mareca strepera)
  •  15 Lavancos reais (Anas platyrhynchos)
  • 22 Cercetas comúns (Anas crecca)
  • 4 Biluricos de ás negras (Tringa ochropus) no Pereiro
  • 2 Biluricos das rochas (Actitis hypoleucos)
  • 1 Gaivota de patas amarelas (Larus michahellis)
  • 10 Corvos mariños reais (Phalacrocorax carbo)
  • 4 Garzas reais (Ardea cinerea)
  • 1 Garzota común (Egretta garzetta)
  • 1 Picapeixe (Alcedo atthis)
 A salientar tamén unha concentración de 32 lavandeiras brancas (Motacilla alba) en cables de Latoal, na ribeira suroccidental do pantano.

Biluricos de ás negras (Tringa ochropus)

  As chuvias de setembro (133 mm recollidos na estación de Aldea Nova-Narón) humedeceron o campo e activaron os anfibios. Na mostraxe detectaba:

  • Bastantes rás da veiga (Discoglossus galganoi) en herbazais e áreas pantanosas. Maiormente metamórficos e xuvenís
  • 4 Estrozas (Hyla molleri) cantando desde silveiras próximas ao encoro
  • + Rás verdes (Pelophylax perezi). Moi poucas. En declinio catastrófico
  • 1 Rá vermella (Rana parvipalmata) deste ano

 Máis produtiva foi a cousa no relativo a libeliñas. Bótanse de menos varias especies extinguidas desde que se eutrofizou, mas non houbo queixa na visita de ontes:

  • 2 Gaiteiros azuis (Calopteryx virgo). Especie propia de augas correntes, aparece só na proximidade dos regatos que desembocan no encoro
  • Unha parella de gaiteiros forestais (Chalcolestes viridis). Había anos que non vía ningún exemplar e foi unha alegría velos de novo
  • Varios gaiteiriños verdescentes (Lestes virens). Ún dos odonatos que aguantan mellor o pésimo estado das augas de Forcadas
  • Deceas de libeliñas de outono (Aeshna mixta). Un anisóptero abondoso nestas alturas do ano e que conserva unha boa poboación en Forcadas. Observadas parellas en tándem
  • Deceas de lavacús estriados (Sympetrum striolatum). Moitas parellas copulando 
  • 5-10 lavacús sanguiños (Sympetrum sanguineum). Observadas tamén parellas en cópula

Gaiteiro azul (Calopteryx virgo)
OM-1 + Zuiko 100-400 mm   ISO:800   V:1/800   F:6,3

Gaiteiriño verdescente (Lestes virens)
OM-1 + Zuiko 100-400 mm   ISO:640   V:1/640   F:7,1

Gaiteirño verdescente (Lestes virens), detalle dos apéndices anais do macho

Gaiteiriño verdescente (Lestes virens)
OM-1 + Zuiko 100-400 mm + MC 1,4x   ISO:1250   V:1/500   F:9

Gaiteiriño forestal (Chalcolestes viridis), cópula

  Nesta ocasión levei o pepino, a OM-1 co tele 100-400. Sen embargo deixei os aneis de extensión no carro. Con eles había tirar mellores fotos das especies pequenas. 

Libeliña de outono (Aeshna mixta)
OM-1 + Zuiko 100-400 mm   ISO:500   V:1/500   F:6,3

Libeliña de outono (Aeshna mixta), detalle de tórax e cabeza
OM-1 + Zuiko 100-400 mm   ISO:1000   V:1/500   F:7,1

Libeliña de outono, apéndices anais do macho

Libeliña de outono (Aeshna mixta)
OM-1 + Zuiko 100-400 mm   ISO:1250   V:1/1000   F:8

Libeliña de outono (Aeshna mixta)
OM-1 + Zuiko 100-400 mm   ISO:640   V:1/500   F:7,1

Libeliña de outono, cópula

Libeliña de outono (Aeshna mixta)
OM-1 + Zuiko 100-400 mm   ISO:500   V:1/400   F:7,1

    A verdade é que desfrutei coas series ás libélulas, que colaboraron bastante, por certo. E tamén tiven boa luz, algo non sempre disponíbel por estas terras do estremo norte.

Lavacú estriado (Sympetrum striolatum)

Lavacú estriado, detalle da cabeza

Parella de lavacús estriados (Sympetrum striolatum)

Lavacú estriado (Sympetrum striolatum)
OM-1 + Zuiko 100-400 mm   ISO:6400   V:1/800   F:8

Lavacú sanguiño (Sympetrum sanguineum)

Lavacú sanguiño (Sympetrum sanguineum). Parella

Lavacú sanguiño (Sympetrum sanguineum)
OM-1 + Zuiko 100-400 mm   ISO:400   V:1/500   F:8

Lavacú sanguiño (Sympetrum sanguineum)
OM-1 + Zuiko 100-400 mm + MC 1,4x   ISO:800   V:1/640   F:9

 Espero que gostásedes do post. Vémonos no próximo.

2 comentarios:

  1. Bonitas fotos e bos avistamentos, Xabi. E non viches o lavacú violeta?
    Biquiños

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Pois non, Inés. Estase a ver por humidais da zona pero en Forcadas aínda non o detectei. Non sei eu se lle gostará moito a auga do encoro, porque está de pena.
      Bicos.

      Eliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos