Nesta entrada imos ver A Frouxeira coma poucas veces veredes noutros blogues. Antiguamente os primeiros ornitólogos galegos adoitaban internarse no interior da canaveira para coñecer cómo era aquilo por dentro, pero agora a xente está, estamos, bastante acomodados. E acostumados a recibir unha mensaxe como: "hai tal cousa en tal sitio", ir aló e velo. E son poucos os afeizoados que fan o esforzo de prospectar lugares pouco visitados ou pouco produtivos, onde o éxito non é tan doado e cómpre patear durante horas para, se hai sorte, avistar iso que buscamos. Ese traballo, de moita paciencia, de moitas horas de aburrimento, pero necesarias, queda únicamente para os biólogos e ornitólogos que traballan de maneira profisional.
Canaval da Frouxeira
Internarse nunha xunqueira como a da Frouxeira é algo certamente delicado. Primeiro pola dificultade que conleva, ao ser un terreo incómodo, difícil, mesmo perigoso ás veces. Segundo, polas molestias que se poden causar á fauna se non somos respectuosos e mantemos certas pautas.
O mellor nestes casos é ir avanzando pouco a pouco, sen apuros. Pisas sen facer forza e, se ves que hai "firme", apoias con máis decisión. A pesares de levar botas de cana alta, podes meterte de súpeto na lama ata a cintura e quedar clavado nunha canle, se pisas onde non debes!. Eu prefiro camiñar por lugares aclarados, con visibilidade. Mellor bordeando os claros que aparecen entre o impenetrable carrizal de Canas (Phragmites australis)
Claro entre a canaveira
Nestes claros, o macrófito dominante é a Xunca marítima. Unha das especies que antiguamente formaban parte do xénero "Scirpus" e que son moi importantes polo alimento que aportan á aves (tanto as sementes coma os bulbos) e tamén porque conforman bos lugares para o emprazamento do niño para algunhas aves acuáticas
Pradeira de Xunca (Bolboschoenus maritimus)
Nalgunhas zonas mantense unha lámina de auga, por riba da capa de fangos, mesmo coa lagoa no seu nivel mínimo. Se estivésemos durante a inundación "famosa" do ano pasado, eu agora mesmo estaría buceando baixo un metro e medio de auga neste sitio da fotografía. Afortunadamente nestes momentos a xunqueira está preciosa e ben interesante.
Nun destes claros, levantei unha Becacina común (Gallinago gallinago). Nin que dicir ten que son unhas datas pouco frecuentes. Imaxino que será un exemplar cansado ou enfermo (que xa observei no "Lago pequeno hai uns días), incapaz de continuar a migración cara os territorios de cría. Pero xa tiven a fortuna de contemplar o vó nupcial da Narcexa, en Baltar, e quen sabe se pode dar unha sorpresa na Frouxeira?. Sería sen dúbida a bomba ornitolóxica do ano na comarca. Para min polo menos.
Entre as canaveiras, tamén asoman pequenos claros, asociados habitualmente a pequenas canles. Son os mellores lugares para realizar estacións de escoita.
A seguinte canle era máis falsa que un billete de oito euros. Se non chego a ir con coidado, me enterro na lama ata o peito.
A Frouxeira, "desde dentro"
Nunha destas paradas, a carón dun claro, apareceu a nosa xoia, ún dos paseriformes máis ameazados de Galiza: unha femia de Escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus lusitanica)
Pero eu quería escoitar o canto da Folosa manchada (Locustella naevia), que foi reprodutor común en tempos, e que ainda escoitara o ano pasado aquí aínda que este ano semella que non vai aparecer por Valdoviño. Así que continuei a prospección.... ata que a lagoa quixo, se entende. Cando a canaveira se volve tan mesta, coas canas verdes deste ano enmarañadas diante de ti, e sen visibilidade ningunha, non hai nada que facer. Chegados a este ponto, non quedaba máis que dar volta e volver aos claros.
Canaveira impenetrábel, perto xa do río Vilar
Gostaríame que sentírades a sensación que se ten cando se prospecta unha canaveira. O olor tan peculiar, dulzón, produto da fermentación da materia orgánica na auga. Dependendo de se hai ou non salinidade tamén varía (o "olor" de Doniños é moi diferente ao da Frouxeira!). Ás veces case aparece un sentimento de claustrofobia, mesmo de angustia, cando perdes as referencias visuais e non sabes moi ben por onde volver.
O ghilipollas de "Frank de la jungla", dándolo todo
Vaiamos ao importante. Finalmente observei dúas parellas de Escribenta das canaveiras na pequena zona que propectei. Non está nada mal.
Unha das femias (de plumaxe ben diferente á anterior, máis parecida aos machos, como podedes comprobar) carrexaba unha eiruga para alimentar aos seus poliños famentos, que estarían piando no niño.
Ademáis tocou a lotaría, xa que o exemplar presentaba anelas. Acabo de enterarme que esta femia foi anelada polo colega Emilio Martínez Savarís o 25-07-2009 en Dodro, sendo aínda un poliño colicurto. Así pois estaríamos a falar dunha pequena dispersión cara o norte de exemplares autóctonos. As Brañas de Dodro, na desembocadura do río Ulla, están situadas a unos 140 quilómetros da Frouxeira en liña recta, que serían bastante máis seguindo a costa.
Escribenta das canaveiras femia anelada
O macho tamén apareceu con bicada. Neste caso unha deliciosa Donceliña elegante (Ischnura elegans), que puidemos identificar grazas ao noso prezado Damián, un "naturalista totás" . Tiven moita sorte e pousou perto de min.
Unha vez comprobada a reprodución da especie e tiradas as pertinentes imaxes, abandonei as inmediacións do niño, xa que as aves comezaban a porse nerviosas. Este paxaro é demasiado importante para molestalo por unha foto!
Escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus), macho
Non sabedes as ganas que tiña de facer esta entrada. Así que, neste caso, eu vou ser a "parte disfrutante da primeira parte", que diría o xenial Marx (ao cómico me refiro, non ao outro)
Saúdos!