A xornada comezaba cos ceos toldados, néboas e orballos... pero non podía retrasalo outra semana máis, así que me puxen en faena e ás seis e media da mañá xa estaba no campo.
Certamente facer este traballo no litoral norte galego é algo pouco agradecido, se atendemos como tal a observación de aves de interese. Porque o número de especies que aparecen ao finalizar a ficha de campo é un pouco mentireiro. O motivo é que ao estar o medio tan fragmentado, acabas prospectando moitos hábitats distintos e, a pouco que vexas en cada ún deles, acabas sacando unha "lista" aparentemente bastante aceptable.
Pero a relidade é que o estado tan degradado do noso campo, fai que na maioría das estacións de escoita acaben cun reultado moi pobre en especies. E gran parte de culpa debe de tela, sen dúbida, a transformación do uso do chan. Onde antes se cultivaba cereal ou prado de sega, agora "cultívase" isto:
Ladeira repoboada con Eucaliptus globulus
Cando ún ve o que contén a cuadrícula (son 10x10 quilómetros), pensas: "qué ben, está a lagoa da Frouxeira, os prados de tal, o río cual, o monte de tal,..." pero cando te pós a deseñar os transectos, coa metodoloxía que se pide, comezan os problemas. Aquí non podes parar porque non hai sitio para o coche e non hai tempo para ir camiñando; este ameneiral queda a menos de un quilómetro da estación anterior e polo tanto hai que buscar outro parecido; neste prado hai unha casa con cinco cans e os donos me miran mal se paro ahí ás seis da mañá; etc. Porque a forte ocupación do territorio e o carácter da xente pode ser unha dificultade engadida no deseño do transecto nesta zona.
Logo de romperme a cabeza, hai tres anos, conseguín elaborar un percorrido que se axusta á metodoloxía, quer dicer, que reparta as estacións en función da superficie ocupada polos distintos hábitats presentes: eucaliptal, toxeiras, zonas semiurbanas, prados, áreas dunares, bosque de ribeira fluvial ou mosaicos agropecuarios.
Gaio (Nome local "Pega Rebordá") (Garrulus glandarius)
O resultado é, como vén sendo habitual, bastante desalentador. O Cuco (Cuculus canorus) segue sen dar sinais de vida (eu considéroo extinguido de facto na cuadrícula). O mesmo que a Papuxa común (Sylvia communis), aínda que moi perto do límite da cudrícula parece que hai poboación reprodutoras (en Ponzos, confirmada por Pablo Gutiérrez, e en Santa Mariña do Monte probablemente tamén). O Pardal montés (Passer montanus) é outro que semella que o tragase a terra, cando antes era especie común e familiar.
Hoxe puiden avistar algunha que outra Rula (Streptopelia turtur), pero tamén están en declive acusado, como moitas aves asociadas básicamente aos cultivos tradicionais.
Pola contra, especies que parecen gozar de boa saúde son o Tordo común (Turdus philomelos), o Cardeal (Pyrrhula pyrrhula), a Papuxa cabecinegra (Sylvia melanocephala), o Pombo (Columba palumbus), ou o Picanzo vermello (Lanius collurio), todas elas en aparente incremento nos últimos anos pola Comarca de Ferrol.
Por último, as aves máis abondosas, que aparecen en prácticamente todas as estacións de escoita, serían o Carrizo (Troglodytes troglodytes), o Merlo (Turdus merula), o Paporrubio (Erithacus rubecula), a Azulenta (Prunella modularis) e o Corvo pequeno (Corvus corone)
Ben, a época ideal para a observación de reprodutoras (Maio-Xuño) está rematando, e espero poder facer unha saída importante o próximo fin de semana. A ver....
Ola, eu fago o percorrido do SACRE entre os concellos de Barro, Pontevedra, Poio e Meis e teño a mesma apreciación, por aquí tamén temos hábitats moi fragmentados, é moi difícil atopar hábitats "puros", pero polo contrario penso que isto fai que a biodiversidade sexa maior polo solape de tantos hábitats e a mistura dos mesmos.
ResponderEliminarSaúdos,
Yago Carreño
Ante todo grazas por comentar, compañeiro Yago. Has saber ben o que significa facer este traballo voluntario na costa galega (seremos... dez ou vinte?).
EliminarPero permíteme que non sexa tan optimista coma ti.
É certo que o minifundio que (coma non podía ser menos en Galiza) afecta tamén aos ecosistemas, provoca que nun quilómetro cuadrado podamos ver aves de canaveira, de piñeiral ou de prado. Iso agradécese...ata certo ponto.
Pero non é menos certo que especies consideradas coma habituais no seu hábitat deixaron de selo nos últimos tempos. Para min non ten interese ningún sair ao campo e voltar dicindo: "vin 57 especies", coma é a tónica na ornitoloxía moderna. Prefiro pensar: "fun a un piñeiral e vin un Cuco, fun a un cultivo de centeo e cantou o Paspallás, fun a unha silveira e por aló andaba a Papuxa común,...etc" E.. non, amigo Yago, isto está a mudar, e moito. Hoxe saes e poderás ver unha Gaivota de non sei ónde no Vicedo, ou un Bilurico bicéfalo en Ponteceso. Pero o que debera haber, simplemente, non o hai.
Estes días estou a facer unha revisión de datos de mustélidos para Cosme Damián. E resulta aterrador o descenso da Donicela en terras ferroláns nos últimos trinta anos. Por non falar da Rá vermella, do xa comentado Cuco, e outras moitas especies de fauna vertebrada (coa inverteg¡brada imaxino que pasará o mesmo, léase Lucanus cervus, por citar un personaxe famoso).
Entendendo o teu ponto de vista (que é un pouco o que tiña Alexandre Justo, o noso coordinador), eu non che so tan optimista.
Unha aperta