Este fin de semana é o momento central que os expertos determinaron como máis idóneo para contabilizar a poboación de acuaticas invernantes en España (e creo que en todo o Paleártico occidental). Lóxicamente o ideal sería que os censos de todas as localidades fosen realizados simultáneamente e na mesma xornada, algo que implicaría unha loxística complicadísima, prácticamente imposíbel. A partir daí, temos que entender que os censos son polo tanto unha aproximación o máis exacta posíbel ao número real de aves.
Os frecuentes movimentos que fan as acuáticas durante a invernada, ben sexan debidos a unha brusca vaga de frío (caso das Avefrías ou Píllaras, por exemplo) ou ben aos hábitos propios nalgunhas especie (aves mariñas, p.ex.) son un problema para os censadores. Estámolo vendo estes días cos Gansos cabecinegros (Branta bernicla). Se cando fixen o censo hai uns días tiñamos 2 ex. na ría de Ortigueira, esta semana aparecían ata 9 individuos, dos que esta mañá xa non localicei ningún!
Mobella grande (Gavia immer)
Por iso digo que temos que entender que vai haber sempre "duplicidades" (conteos repetidos dos mesmos exemplares) desde o momento en que o período de censo se estende varias semanas. Sen embargo debemos adaptarnos e intentar minimizar estas duplicidades que tanto odiamos os censadores.
Hoxe realizaba unha visita para afinar detalles do censo xa terminado de Ortigueira. A verdade é que tiña algo de medo de que a variación de tempo tan forte que houbo esta semana provocase grandes cambios nas cifras de aves, algo que implicaría mesmo replantexarse de novo a realización do censo. Afortunadamente puiden constatar que apenas houbo movimentos con respecto aos números de días atrás. As únicas novidades detectadas foron máis gaivotas canas adultas (Larus canus): 2, e máis Cullereiros (Platalea leucorodia): 19. E tamén puiden precisar un pouco mellor as cifras de Chroicocephalus ridibundus (146) e de Calidris canutus (11).
Gaivota cana (Larus canus) adulta
Outro problema ao que nos enfrentamos nesta esquina peninsular son os EUCALIPTOS. Non, tranquilos, non vou falar de que secan os pequenos cursos de auga, que empobrecen os solos e a biodiversidade, do seu terríbel impacto paisaxístico, etc, etc... Falo da súa influencia na actividade censadora.
Enseada de Mera, con pantalla arbustiva autóctona
Arriba temos a imaxe dun dos principais pontos de observación ornitolóxica da ría. Como vedes a presenza de arbores e arbustos autóctonos (Loureiro, Ameneiro, Figueira,..) obstaculiza a visión e impede unha cobertura visual completa, especialmente cando teñen folla as caducifolias. Isto pasa a veces, pero debido ao escaso desarrollo destas especies arbóreas e ao teren folla caduca non supón dificultades insalvábeis. Ademáis as ribeiras fóron históricamente terreos adicados a cultivos e prados.
Pero mirade agora a pantalla completa que supón a implantación masiva do Eucalipto en toda a costa norte galega:
Muro de Eucaliptos (Eucaliptos globulus)
Porque unha das maiores dificultades a que nos temos que enfrentar os censadores nas rías galegas ( aparte do vento, da chuvia, a falta de luz ou da accidentada xeografía costeira) é a "falta de visión". Cando conduzo pola estrada que recorre a ribeira occidental da ría de Ribadeo e vexo todo absolutamente infestado por esta árbore maldita, danme ganas de matar a alguén. Porque mira que facilitaría o censo non ter aquela pantalla horrible. Mirade senón como era o litoral galego antes da chegada da outra peste.
Cabanas, A Coruña (foto tirada de Internete)
¿A que parece Inglaterra? Estou recopilando fotos antigas para facer algún día un post especial sobre estes cambios na paisaxe litoral.
Desde esta explanada había un estupendo observatorio para censar os Asubiadores con marea baixa hai quince anos. Agora levantouse o "Muro de Berlín" e houbo que abandonar aquel mirador fantástico.
Plantación recente de eucaliptos obstaculizando a visión
Como vedes a actividade de censar case é unha ciencia en si mesma. Para min, e xunto cos Atlas, é a parte da ornitoloxia na que máis podemos aportar os afeizoados, pois apenas esixe máis que un pouco de experiencia en identificación, en conteo e coñecer os sitios (porque os traballos de ecoloxía ou bioloxía das especies xa implican unha dedicación e unha sistemática moito máis rigorosa e esixente, non asequíbel para todas as persoas).
Eu si creo que hai renovación xeneracional na ornitoloxía, pero maiormente están a escoller a parte menos importante da mesma; a parte que ten menos interese científico e conservacionista. E xa sabedes a qué me refiro ;)
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos