Seguidores e seguidoras

sábado, 13 de xuño de 2015

E faltaba o macro

  Hoxe dei por finalizada a miña participación no programa SACRE. Prefiro adicar o pouco tempo de que dispoño ao Atlas de reprodutoras, que me parece máis importante. Polo menos rematei un ciclo de cinco anos, que creo que é o período no que actualizan os da SEO.

   A metodoloxía imaxino que estará deseñada polos mellores ornitólogos do país e non serei eu o que a discuta.  Sen embargo creo que na franxa litoral galega fai que o traballo sexa moi dificultoso e penoso e mesmo pouco fiábel. Pola dispersión poboacional e a rede viaria existente, pola fragmentación e mestura de hábitats e ata polo horario (temos un desfase de unha hora de luz solar con respecto a Barcelona, por exemplo).

    Quizá reducir o número de estacións de escoita de 20 a 10 sería moito máis produtivo. Así sería posíbel abandonar as estradas camiñando para apartarse da contaminación acústica (imposíbel agora se queres cubrir as 20 estacións) e tamén escoller mellor os hábitats. Porque tal como está pode suceder que nun entorno de eucaliptal escoitemos unha Rula común porque a 100 m. hai unha horta, por exemplo. A mestura e alteración do campo galego fai que sexa extremadamente difícil atopar un tipo de hábitat puro, por non dicir imposíbel. Aínda que insisto en que son moitas as circunstancias que deberan ser consideradas para mellorar a metodoloxía, que será moi boa para os aciñeirais extremeños, para Villafáfila ou para o Delta do Ebro, pero que na costa coruñesa non son prácticas. Deixo esa reflexión para quen poida interesar.

 Poño unhas fotos de aves comúns reprodutoras:


     Dous voantóns de Corvo pequeno observaban ao observador que observaba aves nas Forcadas o outro día.

 Corvo pequeno (Corvus corone), xoven voantón

    Hoxe collín cerca esta Lavandeira en Taraza.

Focal 1000 mm  ISO 200  V: 1/200    F:6,3

 Lavandeira branca (Motacilla alba)
Nikon P900  Focal 1400 mm   ISO 400  V: 1/400  F: 6,3


  Delfín está moi interesado no tema do ruido, así que fixen esta foto a un Cardeal con ISO 1600 (debaixo foto orixinal sen recurte). Hai dez anos pensar nunha foto tan nítida cun ISO tan alto nunha cámara compacta sería ciencia fición (daquela aparecería como unha mancha rosa sobre fondo verde).

 Cardeal (Pyrrhula pyrrhula) Distancia: uns 15-20 m.
Focal 1200 mm  ISO 1600   V: 1/200   F:6,3 


  A última estación de escoita era no río Xuvia.

 Río Xuvia

   E por alí estiven a facer a prova que me faltaba coa nova cámara; a fotografía de Natureza máis espectacular: a foto macro.

Graphosoma italicum
 Focal 95 mm (macro)  ISO 100  V: 1/320   F: 4

   Dúas chinches da familia Pentatomidae pousaron para Bichos. Busquei o desenfoque abrindo até F: 2,8 pero nun sensor tan pequeno conserva aínda moita profundidade de campo.

Palomena prasina?
 Focal 28 mm (macro)  ISO 200   V: 1/250   F: 2,8

   ¿Quén non coñece as Frigáneas, tamén chamadas Tricópteros?  Desde nenos todos os naturalistas estamos familarizados con esas larvas de insecto que viven dentro dun "estuche" feito con restos vexetais e que atopábamos sempre nas charcas e baixo as pedras dos regatos.

   Unha morea de adultos de frigánea descansaban nunha xunqueira de Sparganium. Aquí xa me planto e me quedo cos cartos, que diría Mayra Gómez Kemp. A identificación dos tricópetros é cousa de entomólogos e non me atrevo nin a mencionar o xénero. Sei que o número e distribución dos "espolóns" (esas espiñas máis grandes que teñen nas patas) é importante para identificalos, pero pouco máis podo aportar.

Focal  35 mm (macro) ISO  200   V: 1/160    F: 3,2

  Aproveito para comentar que Fran Nieto vai publicar un libro sobre fotografía macro e necesita financiación. Tedes toda a información neste enlace  e máis neste. Seguro que imos aprender todos moito con este libro.

 E me despido por hoxe.

Ah, si....VIVAN AS BRIDGE!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos