Seguidores e seguidoras

sábado, 5 de maio de 2018

Comeza o paso de limícolas na lagoa da Frouxeira

  Por diversas circunstancias en 2016 e 2017 o paso de limícolas foi dos máis cativos que se recordan. Mais se todo vai normal nos próximos días a sedimentación de aves debería ir aumentando a medida que os ventos de nordés os frean na súa migración.


 Polo de agora as cifras e variedade de especies son modestas, aínda que a cousa comeza a se animar.

 Esta mañá censaba o seguinte no intermareal da lagoa:

- 5 Cullereiros (Platalea leucorodia)
- 70 Píllaras cincentas (Pluvialis squatarola)
- + Mazaricos chiadores (Numenius phaeopus)
- 51 Mazaricos rubios (Limosa lapponica)
- 8 Biluricos comúns (Tringa totanus)
- 3 Biluricos das rochas (Actitis hypoleucos)
- 33 + Pilros tridáctilos (Calidris alba). Contados onte por Pablo Gutiérrez
- 88 + Pilros comúns (Calidris alpina). Idem.
- Un Falcón pequeno (Falco subbuteo)


 Limícolas en vóo

Biluricos comúns (Tringa totanus)

   Os que nunca fallan son os Mazaricos chiadores (Numenius phaeopus), que na comarca de Ferrol son coñecidos co nome de "Pampos de Maio".


  Este mazarico emprega a lagoa sobretodo coma durmidoiro. En canto abre o día a maioría espállanse por prados e sistemas dunares da contorna. Nos anos noventa cheguei a contar case cincocentos exemplares saíndo da lagoa co abrente.

Mazarico chiador (Numenius phaeopus)
Sony RX10 III (focal 220 mm)  ISO: 200   V: 1/500   F:4


 O prognóstico anuncia que continúa o vento de nordés, así que previsiblemente o número de limícolas debería ir aumentando. Un incremento que adoita ser bastante explosivo en anos bós. veremos como se comporta 2018.

2 comentarios:

  1. A ver se o nordés nos axuda logo. Gústanme especialmente as fotos do mazarico chiador entre as herbas. Un vello cazador, e sen embargo amigo, chamáballes "Mazaricos de maio", e contábame que eran moitísimo máis mansos que os reais. Ás veces tanto que parecían "pampós".

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Non és o primeiro que gostou desa foto. A min lémbrame moito a unha dun Mazarico real que viña na "Guía del naturalista", libro imprescindíbel do grande Gerald Durrell. Aquela foto estaba tirada cun 400 (creo) desde hide, por suposto. Se me din hai trinta anos que eu había facer unha foto parecida non o creo nin borracho, pero as bridge fan que o imposible se volva posible.
      Apertas, mestre Álvaro.

      Eliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos