Seguidores e seguidoras

venres, 23 de agosto de 2019

Unha homenaxe persoal a José Curt (por Cosme Damián Romay)

    Lembro con especial agarimo un venres ao mediodía tras saír do meu colexio no Grove. Debía ter eu 11 ou 12 anos e os meus pais comentáronme o seu plan de ir de compras a Pontevedra esa mesma tarde. Eu pregunteilles se podía ir con eles, e, abusando da súa xenerosidade, se me podían deixar na libraría Michelena para ver os libros de natureza que alí se vendían. Eles non só accederon, senón que unha vez alí permitíronme mercar un dos libros que eu lle pedín tras "peinar" un bo anaco a sección naturalista da libraría: a recén editada Guía das aves de Galicia da editorial Bahía, escrita polos compañeiros Xosé Manuel Penas Patiño e Carlos Pedreira e profusamente ilustrada por Calros Silvar. Aquel foi para min un dos agasallos máis queridos, e que aínda conservo; este libro inspiroume e axudoume de modo singular na miña eventual vida naturalista. O orzamento paterno era o que era e quedoume pena de non mercar algún libro máis en Michelena: estaban os títulos de Estanislao Fernández de la Cigoña, algunha guía de Omega de prezo prohibitivo, e tamén varios libros dun tal José Curt que mirei e remirei con certa curiosidade: moito texto, fotos en branco e negro, esceas case costumistas e algo de poesía. Alí quedaron, para outra.


  O apelido Curt volveu aparecer pouco despois mentras debullaba ávidamente a información da guía de Patiño, Pedreira e Silvar: unha cita de grou (Grus grus) na bisbarra do Grove fora referenciada por Curt! Esa era unha das miñas aves favoritas, e o meu maxín recreaba a Curt observando quizais na marisma do Vao unha destas aves elegantes e pernilongas, perdida no seu periplo migratorio, mentras tomaba -quizais- as notas que lle servirían para os seus libros. E perguntábame: que relación tería Curt co Grove? Tería eu a oportunidade de velo algún día no campo? Seguro que se o vía iría canda a el para falar sobre a fauna meca, da cal eu descoñecía (e descoñezo) case todo.

   Anos despois atoparía os libros de Curt na biblioteca da devandita vila grovense, e vin que, ao menos a finais da década dos 70 e comezos dos 80, José Curt residiu en Pontevedra. Iso podía explicar esas pretéritas visitas á miña vila natal, e tamén o moito que falaba do Moreno do Lérez, nun río antano farturento de salmóns (Salmo salar). E perguntábame, aliás, se aínda habería algún daqueles libros seus en Michelena.


   Máis recentemente Xurxo Piñeiro emprestoume amablemente algúns dos títulos de Curt que non estudara aínda a fondo. Xa eu peinando canas, vin nestas páxinas máis cousas que textos e esceas costumisas: había rexistros especialmente interesantes, como o do esgonzo ibérico (Chalcides bedriagai) tamén no Grove, e moitos datos de mamíferos, especialmente esquivos aos ollos do naturalista. E moito agarimo polo saber popular, por esa relación coa natureza tan próxima e tan dura á vez, que Curt soubo plasmar maxistralmente.


   Grazas a Xabi Prieto, hai un par de anos tiven a esa oportunidade de coñecer a Curt en persoa na lagoa da Frouxeira. Foi un encontro breve e apenas intercambiamos algunha verbas. Sóubome a pouco. Tamén grazas a Xabi, puiden conversar telefonicamente con Curt. Desta volta foi case media hora de conferencia. Eu estaba sentando na mesa do laboratorio cun bloc de notas e un bolígrafo, e ía anotando a ideas que el debullaba sobre esgonzos ibéricos, sobre a caza, sobre como cambiaron os hábitats, sobre O Grove, sobre Pontevedra... Non falamos de grous pero esta conversa tamén espertou o meu maxín logo de despedirnos cordialmente e colgar: cantas cousas máis viviría Curt no campo e quedaron sen ser plasmadas? Cantas dificultades e sinsabores atopou cando tiña que convencer a un escopeiteiro que as "alimañas" non eran tal e que existía algo que se chamaba equilibrio ecolóxico? E que dicir deses 31 galegos e pico, todos singulares, únicos, e reservorios dun coñecemento da terra xa desaparecido ou a piques de desaparecer? Curt coñececeu unha Galicia viva, algo que el plasmou tal cual. Galicia segue viva pero aqueixada de moitas doenzas. Quizais na lectura dos seus libros teñamos algunha receita para sanar algún deses males. Xa só por iso ten a miña gratitude, que se ve aumentada polo tempo que adicou aos demais, entre eles a min, a pesar das súas propias doenzas.
Descanse en paz, mestre Curt.

3 comentarios:

  1. Fermosas lembranzas, Damián. Sen dúbida que a sua morte servirá para que moitos que non o coñecían teñan oportunidade de o coñecer e para que os que xa o coñecíamos fagamos unha releitura da súa obra.
    Un abrazo e grazas pola colaboración (que podes repetir cando queiras)

    ResponderEliminar
  2. Bonita relato Damian y que decir de Curt una persona amable que contaba ,anedoctas vividas entrañables qie casualidad que Xabier hace dos años en el mosmo lugar que tú Damian lo llegué a conozcer también, gracias a Xabier por darme esa oportunidad de conocer a tal increíble persona como era él.D.E.P
    Jose Ramón Castro Gómez

    ResponderEliminar
  3. Curt é excepcional. Vaise unha gran persoa e nos deixa un gran legado

    ResponderEliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos