Hoxe acompañei a Xan Rodríguez Silvar ata A Frouxeira, onde tivemos un encontro con varios portavoces veciñais. Primeiro fomos ata a canle, para ver o estado actual da mesma. Diante nosa, ún destes veciños (Juan Carlos) realizou cun nivel laser unha medición para saber a diferenza que había entre o nivel das augas e a parte superior da barra areosa. Resultado: 57 cm. El mesmo nos relatou que o que parecía era que subira un pouco a altura da duna, debido á marea.
Informáronnos que a solución de emerxencia, metendo sacos de area a modo de dique e bombas para achicar nas fincas, non funciona. As filtracións compensan o achicado, e non hai avanzos neste sentido. Logo comentábamos sobre o gasto (completamente inútil) que conlevará ter alí tantos camións, escavadoras, e homes de Tragsa traballando. Outro despilfarro máis a conta do erario público.
Os portavoces criticaban a falta de previsión, pois as autoridades deberían ter anticipado esta crecida coa suficiente antelación para actuar antes e evitar esta situación aos veciños afectados.
Falando de Tragsa e coñecendo certos precedentes acontecidos na crise do Prestige, asusta pensar en qué vai pasar con todos estes sacos de area, unha vez acabado todo isto..
Logo estivemos charlando tamén con un home que coñece a lagoa como ninguén ( fillo do "Gitano", familia ligada á explotación piscícola da lagoa durante décadas e toda unha institución por aquí). Non quixen perder esta ocasión única para preguntarlle se (como eu sempre intuín) a lagoa abría espontáneamente nos anos 80 e 90. A súa resposta, categórica, foi que si, e moitas veces. Este home demostroume ademáis un fondo coñecimento do funcionamento da lagoa.
Tamén opinaba que calquera día destes a lagoa había de "romper" coa marea. Ogallá...
Mentras tomábamos algo, compartimos con estes veciños unhas fotos que Xan levaba no portátil, da época en que restaurou a canle actual. Eles amosáronse moi interesados sobre este devenir histórico da lagoa e dos problemas ocasionados pola extracción de áridos (e outros posteriores), que derivaron na situación actual de deterioro da Frouxeira. Unha mostra de que se sinten comprometidos co futuro deste importante humidal, que ven como un valor a conservar. Nada que ver coa mentalidade tradicional á que este servidor está acostumado entre a xente do rural, con todos os respetos.
Tanto Xan coma mín coincidimos na grata impresión que nos causaron estes portavoces (ún deles era o que sae sempre na tele, Fernando). Pareceumos a ambos que mostraban unha actitude moi sensata e comprensiva cara á harmonización que debía de haber entre os intereses conservacionistas e os dos cidadáns. Realmente quedei impresionado con eles e coa paciencia que aparentaban, dada a gravidade da situación pola que están a pasar.
E supoñen todo un exemplo, en comparanza coas posturas maximalistas e integristas que defenden outros, desde o seu pedestal alleo á realidade.
Pero con xente como esta de Lago.... aínda queda esperanza.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos