Teño que recoñecer que me está custando bastante adaptarme ao novo enfoque da reflex. Pero os resultados comezan a aparecer, logo duns días de prácticas. Hoxe pola mañá estiven na ría de Ortigueira e, logo de pegar unha "batida" polas xunqueiras de Ladrido, adiqueime asimplemente a practicar coa Canon. Tamén contei algunhas cousas. A finais desta semana vou comezar os censos en serio e daquela non haberá tempo para fotos.
Isto foi o que vin esta mañá:
- 3 Mobellas grandes (Gavia immer). Poño unha foto testemuñal.
- 82 Patos culleretes (Anas clypeata) frente á vila de Ortigueira. Só levaba os binóculos, o que limita moito o censo na ría central.
- 5 Pentumeiros (Melanitta nigra). O outro día vin 8 en Mera que, probablemente, sexan un grupo diferente.
- 45 Biluricos comúns (Tringa totanus). Ún deles tivo éxito na xornada de caza. Carrexaba un peixe que tiña toda a pinta de ser un Lorcho (Blennius sp). A diferenza entre a calidade do sensor reflex, frente ao da anterior "bridge", queda patente nesta imaxe.
- 1 Bilurico escuro (Tringa erythropus)
-14+ Pilros grosos (Calidris canutus)
- 2 Gaivotas cabecinegras (Larus melanocephalus) Poño unha serie de fotos.
En fin, quedei moi contento coa nova cámara logo desta sesión de fotografía.
Moi boa a cabecinegra voando, Xabi, empezas a collerlle gusto a reflex. Un saúdo
ResponderEliminarParabéns Xabi, o detalle de pillalo bilurico co peixe, e a cabecinegra voando, teñen moita dificultade.
ResponderEliminarOlá Pepe e Marcos:
ResponderEliminarGraciñas polos comentarios. Teño que confesar que, logo duns días un pouco escéptico (o tempo tampouco axudaba), comezo a ver os "resultados reflex".
O malo é que, ao carecer de estabilizador de imaxe, xa vos imaxinaredes que teño que andar con velocidades moi rápidas (1/500 para arriba), o que implica en consecuencia subir a ISOs de 200 ou 400.
Fixádevos que as mellores fotos son de aves en vó, xa que aí a falta de estabilizador non inflúe!
Un abrazo.