Seguidores e seguidoras

domingo, 22 de xaneiro de 2012

De paseo por Ortigueira

Unha vez acabados os censos, hai tempo para relaxarse, pasear e charlar cos amigos máis tranquilamente. Na ría de Ortigueira é raro non atoparse coa tropa do colectivo ornitolóxico "Calidris", fundado hai cinco anos por colegas da vila. Hoxe estaban por alí  Eulogio, Álvaro e Antonio (de esquerda a dereita na foto).


  Olvidando os números por un día, dediquei a mañá á fotografía, que boa falta me fai practicar.

 Aínda que estes Cullereiros (Platalea leucorodia) retrateinos hai uns días. Na ría este ano invernaron un total de sete exemplares.


   De Corvos mariños (Phalacrocorax carbo) a cousa estivo máis ou menos coma sempre. Na baixamar concéntranse na beira da canle central.



     Un bando de seis Gansos cabecinegros (Branta bernicla) apareceu esta semana na ría central, pero onte estaban xa na ría de Ferrol. E, segundo as últimas noticias, estarían agora en Sada. 


Varios Patos culler (Anas clypeata) achegáronse bastante a nós. 


 Este pato der superficie non forma grandes bandadas en Galiza, onde é relativamente escaso, comparado con outras zonas da Península. En Ortigueira chegou a invernar en cantidades de ata 500 individuos, pero nos últimos anos anda entre 100 e 200 efectivos.


    Eu necesitaba a máxima concentración. Aquí recitaba unha serie de mantras en silencio, buscando o favor dos Deuses para sacar unha foto decente.


   Así que cambiei de táctica, e probei o 400 "branco" (glups!) de Eulogio, que mo ofreceu para que probase. Sinceramente, ter iso nas mans acojona...


 Así como quen non quere a cousa, fun acercándome ao meu coche, disposto a unha rápida fuxida. Pero Eulogio, que non me quitaba ollo de encima, deuse conta. Outra vez será....


 Nestas, que se arma un follón de carallo na ría. Os Mazaricos (Limosa spp) saen pitando a toda pastilla. Todos os presentes pensamos o mesmo...


 E alí estaba a "causa": un Falcón (Falco peregrinus) sementando o pánico no intermareal.


 Os Pilros (Calidris alpina) formaron un denso bando. É o que se coñece no argot coma "flocking", o agrupamento ante a presenza dun predador aéreo, que fan moitas aves gregarias.


 Para mín é ún dos espectáculos máis bonitos do mundo natural. Os grandes bandos de limícolas en vó.


 Varios Biluricos (Tringa totanus) arrimáronse ao peirao, buscando refuxio.



 Pasado o perigo, volveron á actividade. Pero xuntiños, por se acaso...


 Ata outra.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos